miércoles, 6 de septiembre de 2017

Notas sobre o Pireiro

O Pireiro é unha zona de viñedos e, por desgracia, cada vez de máis monte. Caibe dicir que desde a viña que leva este nome podiamos ver a casa, situada no alto do Outeiro. Reciprocamente, dende casa podiamos controlar a porta e ata ver ós traballadores. Hoxe en día xa é imposible, debido á altura das árbores e á deixadez dos propietarios.
O que pode chamar a atención é que alí chegaron a sementarse patacas ou que houbese varias pozas para regadío. Eu non acordo nada disto.

O da sementeira referíase a un pequeno terreo que hoxe está de monte, dunha viña determinada. Esta dispuña de auga e ata de entrada a unha pequena mina, onde caibía, con certa dificultade, unha persoa. Esta viña remataba, pol parte de abaixo, nun lavadoiro pequeno, inda visible hoxe, e que segue chamando a atención pola zona onde está. Como curiosidades a maiores, dicir que pola parte de arriba, noutro sucalco, hai unha poza, hoxe seca, e que un rego levaba auga dende alí ata a altura a casa de don Paco, sita nos Veciños.

Outro rego de agua atavesaba parte da viña do Pireiro e remataba no monte que hoxe temos diante. Debido á maleza non o vin, pero dinme que alí hai outro lavadoiro pequecho.

A un paso de onde debería estar o rego quedan os restos dun cruceiro. Este estaba situado na Alfarrapa e rompeuse por causa dun carro. Recolléronse os restos e deixáronse ben á vista no muro da viña do Pireiro, daquelas propiedade de don Esteban, o párroco. O tempo pasou e levantouse un novo. Alá está, a un paso da Telleira, no camiño da Alfarrapa, nun lugar que debería visitar en breve e fotografiar. Os anacos quedan inda hoxe no muro, nun cruce de camiños, cumplindo a súa labor de bendición.