jueves, 25 de mayo de 2023

VRK e Fata Inferna no Bonus Track, Ourense, 20/05/23

Que ledicia poder desfrutar do directo de VRK e Fata Inferna o pasado sábado 20! Convocados no Bonus Track, nunha solleira tarde de maio de vento frío, o recuncho da tenda onde esta xente descargou o seu potente son converteurse nun espazo de catarse, introversión e despregue máxicos. Unha adecuada iluminación vermella e un coidado son foron as ferramentas cas que os músicos nos deleitaron e fixeron voar dende o seu sentir e saber.

Acompañados dun escollido público, abriron sesión, pouco despois das 19 h, VRK (Black Crust Noise). Banda composta por: Analitika Sordida Pestilentia na voz e Nocturno no baixo, cun acompañamento gravado onde se desenvolven ritmos, un acompasado canto relixioso e se introducen anacos de audios (aposto por algunha película no seu idioma orixinal). 


Cheguei para poder escoitar a segunda parte de "Sexta revelaçom", que o seu baixista me comentou: pertencente ao primeiro trabalho de VRK "No valeiro que me consome"... Um tema de corte ritualístico e contemplativo

Deixo unha breve mostra do que foi.


 

Pouco despois das 19:30 saíu a escea Fata Inferna (Metal Negro), que encheu o local de poderosas vibracións durante a seguinte media hora. Repetía no baixo Juan (Nocturno en Xerión) e presentábanse na voz Antífonas, con guitarra, e Eremita, guitarra. A sección percusiva emerxía dende o mundo dixital, acompasando un trío que nos fixo mover a cabeza e remexeu nos nosos escuros pensamentos e sentires.


O fragmento que captei é do seu tema 'Angustia', baseado no poema homónimo de Florbela Espanca, e que conta con vídeo.


 

Rematarían con "Terra Nai", da que se me pegou parte da melodía e funa recordando mentres regresaba á luz do sol e atravesaba a ponte romana... En breve conto escoitar o seu CD con tempo e calma.

De VRK xa coñezo anteriores traballos. Así, como mostra, deixo estas liñas sobre impresións de pasados anos

1. VRK pertence ó Negro Círculo Minhoto e propón un escenario post catastrófico de corte nuclear no seu disco 'Filhos da Ira'.

Unha vez máis, a presentación do disco é sinxela, mais marabillosa: un grande folio, dobrado en catro partes, acubilla un escuro disco. Dúas fotos grises no libreto, cadansúa cubrindo toda unha cara do mesmo. Instantáneas das desfeita nuclear en Nagasaki: o impresionante fungo nebuloso que marca o lugar onde a bomba estourou e unha ladeira arrasada e abandonada.

As composicións apoian estas imaxes, pois falan da vida nun entrópico mundo trala explosión nuclear, onde a mutación é regra, os depredadores unha norma, a contaminación alimento e a cor verde fosforescente un continuo das noites.
Neste 'Filhos da Ira' hai distorsión, moita, afondando no que as letras e as imaxes transmiten. A guitarra distorsionada, a voz reverberante, o ritmo acelerado e a melodía oculta fanme imaxinar unha vella radio que inda funciona entre cascallos e pó. Sons que semellan estourar dende profundidades insondables onde algúns supervivientes crean disharmónicas composicións que berran a morte que todo o calou na superficie.

2. VRK, 'Palimpsesto retrospectivo da memória', NM 69 

Mentres Nocturno escribiu e compuxo letras e música, Analitika Sordida Pestilentia ponlle voz a esta nova entrega de VRK. Un traballo que sae á luz en formato mini CD, con libreto que contén as letras, datos de composición e unha foto que nos retrotrae a tempos de fotocopias de escasa calidade, tras pasar o material por moitas mans. O CD numerado e debuxado a man. Un traballo que supón un trallazo ós sentidos e que, precisamente por iso, sorprenderá a máis dun e quizás anime a algúns a dar o paso e poñer en circulación a súa arte.

O primeiro impacto é visual, co CD manufacturado, co libreto sinxelo e directo e ca chapa negra onde lemos as letras do nome da banda. Que pasou aquí? Pareceume volver atrás no tempo!! O segundo impacto é sonoro. VRK non é nin para todos os públicos nin para calquera momento. A crudeza da gravación, a aparente sinxeleza de medios e a curta duración dos temas déixate nun estado de desequilibrio marabilloso. Bo intre para decidir se lle dás outro pase ou agardas un pouco para unha seguinte audición. Para min, parte do atractivo da proposta é a inquedanza que vibra con cada escoita, a posibilidade de sintonizar cunha sensibilidade que mostra o mundo noutra onda, o descoloque que supón o estilo e letras de VRK.

 A caixa de ritmos machacante sostén un baixo distorsionado e unha voz declamadora de monótona frecuencia. Murmurio que retrata un mundo violento, onde arde a utopía, pero agroma a esperanza, onde se loita porque a dor afecta a outros ou porque se está a alumbrar algo novo de beleza cativa; un mundo que ben podiamos recoñecer no post catastrofismo da ciencia fición ou en videoxogos como os da saga Fallout, mais que tamén é o noso, en pasados anos de uso táctico de armas atómicas e un presente no que a guerra peta preto de nós.