lunes, 9 de octubre de 2023

Borrador Biblioteca do Seminario Félix Nós AXDR 10

Unha biblioteca no alto…

Félix Álvarez Rodríguez

 

Situado nun alto de Ourense, hai un recuncho que agocha múltiples marabillas. A historia que garda son anos de memoria que quizás se vaia perdendo, pero que, para algúns, constitúe unha preciosa luz. Ese lugar non é moi coñecido e non vas atopar información nin sequera nas fontes oficiais da institución que o custudia. Ó meu ver, unha pena, xa que constituiría un precioso areópago onde culturas, ideas e sentires se unirían con gozo e asombro. O curioso é que non é un lugar segredo, mais si discreto e sen publicidade… Trátase da biblioteca do Seminario Maior de Ourense.

Alí botei uns bonitos anos estudiando, lendo e realizando varias tarefas como voluntario. Esto permitiume trastear entre libros e revistas, títulos que recén chegaban de lonxanas universidades e gastados escritos con idiomas que malamente iba traducindo. Esta biblioteca contén un tesouro de culturas e épocas diversas, autores variopintos e temáticas que non se reducen ás eclesiásticas. Así, o seu fondo histórico de Dereito leva a máis dunha visita de investigadores neste campo; as adquisicións en Filosofía, Psicoloxía e Teoloxía, amén das investigacións bíblicas son espazo recurrente para os estudiantes que non se conforman co manual da aula; as revistas periódicas consúltanas os profesores e hai coleccións que dormen un sono inxusto ó ter sido escritos en linguas que algún di que están xa mortas.

Os tesouros literarios son varios e algún saltou á prensa hai anos, cando alí apareceu o último discurso do primeiro periódico galego, ‘El Catón Compostelano’. Discurso do que moitos falaron, pero que ninguén lera… ata que saíu á luz gracias a don Alejandro Delgado. Pero tamén podes ollar as obras completas de san Agustín, impresas por Erasmo de Roterdam, en primeira edición (case únicas no mundo), unhas ‘Décadas’, de Tito Livio, con gravados parcialmente coloreados (o normal era non usar cor), alomenos un Ciprianillo, libro de conxuros e listas de tesouros agochados en Galicia, ou unha curiosa selección de obras masónicas, como ‘Los asesinatos masónicos’, de Leo Taxil e Pablo Verdún… E esto non é máis que un recitar de memoria unhas perliñas de todo o alí gardado.

Ter a posibilidade de visitala con calma é introducirse nunha preciosa viaxe polos gustos, intereses e necesidades dun lugar tan especial como o Seminario. Pero, ollo, que os libros que alí rematan veñen de diversas orixes. Sabías que moitos deles proveñen de donacións e de intercambios con outros centros de estudio e investigación? Alí descansan depósitos tan importantes como o de Duro Peña ou Emilio Castiñeiras. Alí deixei unhas caixas de libros propios, agradecido a tantos outros que eu puidera consultar daqueles estantes. E ata alí podes achegarte para descubrir algún escrito chamativo, como aquela vetusta revista onde se gababan as relacións de aproximación entre católicos e masóns, ou os estudios clásicos de Mircea Elíade, as actuais filosofías que se recoñecen no Personalismo Comunitario, a colección de clásicos da literatura latina, grega e española, a rica sección dedicada a Galicia, o vello libro (de 1914) onde se acudía a san Malaquías para dicir que o XX era o último século que quedaba por vivir, o manual masónico de André Cassard (un clásico que, dependendo la edición, podes ver á venta por máis de 1000 euros), amén do fotocopiado manual do “tresillo” (un xogo de cartas) que pertenceu a don Carlos G. Babarro.