Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas

jueves, 25 de mayo de 2023

VRK e Fata Inferna no Bonus Track, Ourense, 20/05/23

Que ledicia poder desfrutar do directo de VRK e Fata Inferna o pasado sábado 20! Convocados no Bonus Track, nunha solleira tarde de maio de vento frío, o recuncho da tenda onde esta xente descargou o seu potente son converteurse nun espazo de catarse, introversión e despregue máxicos. Unha adecuada iluminación vermella e un coidado son foron as ferramentas cas que os músicos nos deleitaron e fixeron voar dende o seu sentir e saber.

Acompañados dun escollido público, abriron sesión, pouco despois das 19 h, VRK (Black Crust Noise). Banda composta por: Analitika Sordida Pestilentia na voz e Nocturno no baixo, cun acompañamento gravado onde se desenvolven ritmos, un acompasado canto relixioso e se introducen anacos de audios (aposto por algunha película no seu idioma orixinal). 


Cheguei para poder escoitar a segunda parte de "Sexta revelaçom", que o seu baixista me comentou: pertencente ao primeiro trabalho de VRK "No valeiro que me consome"... Um tema de corte ritualístico e contemplativo

Deixo unha breve mostra do que foi.


 

Pouco despois das 19:30 saíu a escea Fata Inferna (Metal Negro), que encheu o local de poderosas vibracións durante a seguinte media hora. Repetía no baixo Juan (Nocturno en Xerión) e presentábanse na voz Antífonas, con guitarra, e Eremita, guitarra. A sección percusiva emerxía dende o mundo dixital, acompasando un trío que nos fixo mover a cabeza e remexeu nos nosos escuros pensamentos e sentires.


O fragmento que captei é do seu tema 'Angustia', baseado no poema homónimo de Florbela Espanca, e que conta con vídeo.


 

Rematarían con "Terra Nai", da que se me pegou parte da melodía e funa recordando mentres regresaba á luz do sol e atravesaba a ponte romana... En breve conto escoitar o seu CD con tempo e calma.

De VRK xa coñezo anteriores traballos. Así, como mostra, deixo estas liñas sobre impresións de pasados anos

1. VRK pertence ó Negro Círculo Minhoto e propón un escenario post catastrófico de corte nuclear no seu disco 'Filhos da Ira'.

Unha vez máis, a presentación do disco é sinxela, mais marabillosa: un grande folio, dobrado en catro partes, acubilla un escuro disco. Dúas fotos grises no libreto, cadansúa cubrindo toda unha cara do mesmo. Instantáneas das desfeita nuclear en Nagasaki: o impresionante fungo nebuloso que marca o lugar onde a bomba estourou e unha ladeira arrasada e abandonada.

As composicións apoian estas imaxes, pois falan da vida nun entrópico mundo trala explosión nuclear, onde a mutación é regra, os depredadores unha norma, a contaminación alimento e a cor verde fosforescente un continuo das noites.
Neste 'Filhos da Ira' hai distorsión, moita, afondando no que as letras e as imaxes transmiten. A guitarra distorsionada, a voz reverberante, o ritmo acelerado e a melodía oculta fanme imaxinar unha vella radio que inda funciona entre cascallos e pó. Sons que semellan estourar dende profundidades insondables onde algúns supervivientes crean disharmónicas composicións que berran a morte que todo o calou na superficie.

2. VRK, 'Palimpsesto retrospectivo da memória', NM 69 

Mentres Nocturno escribiu e compuxo letras e música, Analitika Sordida Pestilentia ponlle voz a esta nova entrega de VRK. Un traballo que sae á luz en formato mini CD, con libreto que contén as letras, datos de composición e unha foto que nos retrotrae a tempos de fotocopias de escasa calidade, tras pasar o material por moitas mans. O CD numerado e debuxado a man. Un traballo que supón un trallazo ós sentidos e que, precisamente por iso, sorprenderá a máis dun e quizás anime a algúns a dar o paso e poñer en circulación a súa arte.

O primeiro impacto é visual, co CD manufacturado, co libreto sinxelo e directo e ca chapa negra onde lemos as letras do nome da banda. Que pasou aquí? Pareceume volver atrás no tempo!! O segundo impacto é sonoro. VRK non é nin para todos os públicos nin para calquera momento. A crudeza da gravación, a aparente sinxeleza de medios e a curta duración dos temas déixate nun estado de desequilibrio marabilloso. Bo intre para decidir se lle dás outro pase ou agardas un pouco para unha seguinte audición. Para min, parte do atractivo da proposta é a inquedanza que vibra con cada escoita, a posibilidade de sintonizar cunha sensibilidade que mostra o mundo noutra onda, o descoloque que supón o estilo e letras de VRK.

 A caixa de ritmos machacante sostén un baixo distorsionado e unha voz declamadora de monótona frecuencia. Murmurio que retrata un mundo violento, onde arde a utopía, pero agroma a esperanza, onde se loita porque a dor afecta a outros ou porque se está a alumbrar algo novo de beleza cativa; un mundo que ben podiamos recoñecer no post catastrofismo da ciencia fición ou en videoxogos como os da saga Fallout, mais que tamén é o noso, en pasados anos de uso táctico de armas atómicas e un presente no que a guerra peta preto de nós.

viernes, 27 de mayo de 2022

'Pálida morte, negra sombra', marabilloso disco de Xerión

Sempre é un pracer regresar á discografía de Xerión para poder gozar dunha sonoridade diferente e creativa. Esta banda ourensá é capaz de reinventarse, acoller influenzas que van da actualidade ata pasados séculos, adaptarse ó número de membros e posibilidades, sen por iso deixar de plasmar unha poderosa catarse emocional no seu Metal Galaico Extremo!!!

'Pálida morte, negra sombra' é un tesouriño gravado do 6 ó 9 de decembro de 2008, cando Xerión eran Nocturno, Daga e Iron. No mesmo inverno dese ano concebiuse o magnífico deseño gráfico do disco, da man do Deus Preguiceiro. Composicións onde se xuntan alomenos dúas fotos por imaxe, con ampla presenza do monte e o lume, ademais dos tres músicos. O filtro "sepia" debuxa un mundo onírico que semella en permanente solpor, o cal leva á noite na que semellan estar os tres e ó lume que os ilumina. Impactante e bela a de Daga, mirándonos fixamente. Ademais das fotos, Xerión ofrécenos as letras, detalle que sempre agradecín sobremaneira. Un detalle das mesmas é que todas comenzan igual: "Na noite"...

Cinco son os temas, cada un cunha personalidade e detalles que os distinguen uns doutros. Algo que me leva a recomendar este disco a quen se inicie polas sendas desta banda ourensá. Aquí terá unha boa mostra do que fan e de como se expresan, facendo da súa música un camiño de expresividade e creatividade ben chamativo.


"Choeur de Nuit", un inicio para nada esperado se liches no libriño interior que XERIÓN FAI METAL GALAICO EXTREMO EXCLUSIVAMENTE. Un precioso e inquedante tema que conta con canto de voz limpa de Nocturno e vai pasando do expectante a un intre de alegría, como unha transición da tebra á luz, da noite ó amencer. Son as imaxes que me suxire ese cambio melódico na metade do tema. Unha transición que me recordou á melodía do inicio de 'Historias', o mítico programa de radio, onde Juan José Plans nos fixo pasar máis dunha noite "de medo, con medo". O que pasa é que Xerión pasa do tenso ó relaxante e na de Plans o paso era ó contrario.

"No funeral dos antergos" xa saboreamos o aceiro das guitarras e a aceleración da percusión. Ah! e que gusto as melodías dos teclados. Catro párrafos para descargar a visión tristeira do fin dunha era, dunha cultura, duns heroes... mentres os que esquecen o pasado aposta sobreviven. Todos? Non, o cantor sabe do que foi e é, deixando rastro silandeiro, mais duradeiro, nas antigas pedras.

Nova metálica distorsión e "zapatilla" no inicio de "A noite das meigas". O mesmo estilo de voz rachada que o anterior tema, con referencias literarias que me fan pensar que o cantor segue no mesmo espazo que antes, mais noutro tempo. A noite, igual, nun monte onde volve alumear un lume, considerado antes sagrado e agora máxico; nesta son as bruxas quen o coidan, mentres que foron anteriormente os druidas. Encantáronme as disharmonías de Daga, un precioso contrapunto musical que fai vibrar algo dentro de min.

"Profecía segunda" supón un alto no camiño, cunha proposta nada extrema, metaleiramente falando, pois é a voz (pasadas as súas frases ó revés) xunto cas sentidas melodías do teclado quen, lenemente, nos evocan un ambiente de calma e evocación. A percusión, baixiña, de fondo, levándonos cara o tono épico da última parte da composición. Non se asustar!! Se queredes saber que di Nocturno non hai máis que botar un ollo ó libriño das letras: recolle os primeiros versiños dos temas 2, 3 e 5, conxugándoos cunha frase que os reúne e semella anular Todo na Nada. Ben sabemos os seguidores de Xerión que iso non significa o fin, senón que hai en marcha unha transmutación, un ciclo, un algo novo que xorde do vello, ou unha dimensión que estaba velada e agora se manifesta, quedando a outra como agachada, máis non desfeita. Os extremos tócanse, Todo e Nada, realmente se diferencian tanto?

Remata o disco con "Pálida morte, negra sombra", un longo tema que recolle todo o anterior e nolo sintetiza e mellora. Un tema que me encanta e hipnotiza, con ese inicio onde a voz de Nocturno vaise volvendo máis e máis gutural; onde a feroz descarga de Iron deixa paso a atmosfera soñadora de Daga e se camiña cara unha apoteose de tódolos instrumentos cabalgando nunha pasaxe épica que progresa dende a contención ata a imponencia conxugada dos artistas. Marabilloso clímax que se alonga ata o remate!!

martes, 12 de abril de 2022

NM 77 Nados Na Escuridade - Esquizofrenia Paranoide (2022)

Saúdo con alegría este compartido de Nados Na Escuridade e Esquizofrenia Paranoide. Un traballo onde ambas bandas ofrecen sendas caras do Doom, con diferente intensidade, abríndonos a diferentes experiencias sonoras. Catro temas que impactarán potentemente, non porque todos caian dentro dun son extremo ou de marcada carraxe, senón polo diferentes que son, polas propostas alternativas e creativas que veñen a regalarnos os oídos. Dúas propostas por banda que saben a pouco e deixan con ganas de máis. 

Na parte visual temos árbores na portada e sobre o CD. Penso que tamén son árbores e un camiño a contra; unha foto dun camiño que se adentra no monte e que loce invertida? Unha escura instantánea do reflexo, en tranquilas augas, dun recuncho arbóreo? Portada e contra reflexan diferentes contrastes, alomenos os máis destacamos. E a imaxe do CD sería un termo medio, unha zona de transición. Esa é a impresión que me deu e comparto, esperando que os autores de fotos e montaxe nos dean a súa versión.

Portada e contra son como as dúas caras dun escenario semellante, mostrando luz e tebras. No CD atopariamos o momento liminar entre os puntos contrapostos. Que vos parece ese instante baixo as ramas esqueléticas? Será que vai rachar o día ou estaremos nun monte na noitiña? 


Referencias cronolóxicas podían levarnos por diferentes sentimentos, indo da portada cara a contra, pasando polo CD: a luz do día, o desfrute da paisaxe, mais tamén o descubrimento das ramas mortas, o paseo nunha tarde de inverno, esperanza dun próximo agromar, unha tarde de primavera seca, a difuminación por mor dunha atmósfera cargada de pole e pó...; as ramas cércannos, noitiña en marcha, proximidade do terror nocturno, caladas presenzas, medo, mais pode que naza a esperanza co alborexar dunha nova xornada, luz crecente, menos sombras e máis integridade, conciencia de sombra e luz, momento de renacemento e reintegración do interior e o cosmos...; un mundo invertido, nacemento ó alén postmortuorio, a vida baixo terra, reflexo escuro doutra dimensión luminosa, enraizamento, toma de conciencia das sombras, do inconscente vivo, aumento de negrura e medos, espertar no chan e ver a noite invadindo o teu cerebro...

Imaxes e sentimentos que me veñen ó contemplar a parte visual, que se complementan con outras, nas que esas ramas se tornan raíces ou vasos sanguíneos ou neuronas... Son detalles que apunto e vos comparto, como fortes impresións ó quedar un anaco mirando.

Sobre a parte musical, recollo estas definicións do propio selo ourensán Nigra Mors:

- Nados Na Escuridade: Doom Abissal

- Esquizofrenia Paranoide: persoal Sludge Doom com toques de Funeral

O primeiro tema, A Rainha das Malditas, xa o puidemos escoitar nunha das entregas de TAN REAL COMO EL PUTO INFIERNO, concretamente, na 25, dos inicios de 2021. Un inicio de preternaturais coros que dan paso a un ritmo que me recordou moito ós White Stripes, inda que siga sendas ben diferentes do dúo. Unha aposta pola sinxeleza de medios e instrumentos que dá cauce á agachada voz de Nocturno, primando música sobre vocalista. Párrafos que expresan a dor por un mundo que ben pode sentirse como val de bágoas e que baixa enteiros en humanidade ante situacións crueis. Coma sempre, queda un aire de esperanza, pois non todo está perdido. Ollo a eses lonxanos sons do remate: unha treboada que se achega ou se vai?

Nados Na Escuridade cambia totalmente as tornas na segunda entrega, Aequalis in Morte, compartindo un tema instrumental de contidos agudos sintetizados. A un paso da estridencia, do son branco, do paso a outra realidade... Evocación que se deixa interpretar segundo o escoitante e o momento.


Cun son e proposta máis recoñecible, por ser similares, os dous temas de Esquizofrenia Paranoide impactan por esa voz que lanza sílabas inconexas, no que me suxire unha cadencia sentida de expresividade, unha linguaxe básica que fala ó sentimento, un pulso vocal que vai cara o profundo dun, cara o irracional, despertándoo e impulsándoo a manifestarse. Agonía e Paranoia son os títulos, semellando un todo no que só tes un intre de acougo: o paso dun tema ó outro. Cambia o ritmo, mais non a expresión cruda e directa de guitarra distorsionada, batería e voz monosilábica. 

Recordades os lonxanos e graves sons de tronos, cos que pechaban o primeiro canto Nados Na Escuridade? Pois Esquizofrenia Paranoide inician o seu turno cunha boa treboada e chuvia, antes da descarga descarnada de Agonía

martes, 20 de julio de 2021

Entrevista a Xerión no seu XX aniversario

Pasou a data, mais non a romería, e con ese ánimo ledo abro as enferruxadas portas deste espazo, dando a benvida a Nocturno e Daga, que están de vixésimo aniversario, pois Xerión naceu no abril do 2001. Sen ánimo de exhaustividade e conscientes de que a historia segue e a banda permanece, imos lelos a eles, que ben o merecen.

  • En primeiro lugar, PARABÉNS por estes 20 anos de Xerión. Recordade, comentainos, por que o nome de Xerión e como argallastes o seu logo?

Nocturno: Mil grazas Félix por, uma vez mais, fazer-nos umas preguntas sobre o XERIÓN, desta volta polo nosso XX Aniversário, e polos teus parabéns.

Sobre o nome, pois veu dum livro que me regalara a Daga uns meses antes, o "Dicionario dos seres míticos galegos". Mirando nele pra saber um chisco mais sobre histórias e lendas desta terra, apareceu este termo que, ainda que já conhecia de antes, até velo escrito e volvelo a ler em voz alta, nom caera no fermoso da sua sonoridade e no bem que lhe acaia a um projeto que estava a dar os seus primeiros passos e no que queria misturar o Negro Metal da Morte co folklore da Galiza. Em abril de 2001 comecei nelo e em junho editei a primeira demo "O espírito da fraga" baixo Nigra Mors. Mais ainda nom tinha logo (empreguei nessa cinta uma fonte gótica). Naquela altura estava a estudar Matemáticas na universidade e um dia, fazendo exercícios, tivem que empregar várias letras gregas entre as que se atopava o gi (χ) e, deixando durante uns intres de lado o estudo numa ideia feliz, jogando e jogando co lápis, alá foi o logo de uma atacada...

  • Soe preguntarse ós artistas polas bandas que máis os influiron, mais hoxe propóñovos un bonito exercicio complementario que é preguntarvos se sabedes de bandas que vos teñan a vós como referencia ou que nacesen ó voso abeiro.

N: Sabemos dalgumas persoas da Galiza que tocam em bandas que gostam dalgúns trabalhos do XERIÓN, e que incluso tenhem feito alguma versom ao vivo dalguma cançom (coma DIOIVO com "Akelarre", aos que lhes quedamos mui agradecidas quando a ouvimos no Frenopátiko de Vigo), mais tanto como pra ser uma referência chave na sua formaçom ou evoluçom nom me atreveria a dizer nim de longe...

  • Seguindo co tema de influxos, eu vexo marabilloso como fostes traendo a Xerión diferentes temas musicais, letras e estilos que mostraban o que estabades estudiando ou facendo fóra da banda. Por exemplo, trouxestes ós nosos oídos a vellos bardos, como Afonso X ou Martim Códax, montastes o trío Ars Anterga, fixeches acústicos de Xerión!!...

N: Som muitos anos já fazendo música pro XERIÓN e, sendo como é um reflexo do meu sendeiro vital, é inevitável que outras sonoridades nas que trabalhamos Daga e mais eu noutros projetos afloraram dum jeito ou doutro. Há gravaçóns nos que diversos mundos sonoros convergem e se confundem, coma no recente "Danças de agonia e peste", se bem nom é raro atopar coussas semelhantes (nom tam evidentes, isso si) pola nossa extensa discografia.

O de fazer acústicos foi uma opçom que estreamos em 2019 em El Pueblo de Ourense num concerto com PERPETUAL, e que despois repetimos duas vezes no Parque Náutico de Castrelo de Minho, uma nesse mesmo ano no festival do Negro Círculo Minhoto, e a outra o passado verám já em tempos de pandémia. Até incluso tenho feito um par de coussas sozinho acompanhado por uma guitarra acústica no Moucho de Ourense ou por uma cítola no Teatro Principal o passado setembro.

Nom sempre sentimos a necessidade de fazer rituais nos que repetir esquemas, nim sequera interpretar as cançóns do mesmo jeito a como fôrom criadas. E ainda que aparentemente as diferenças som evidentes, no fundo, nos nossos miolos, funciona tudo exatamente igual.

  • Xerión traspasa fronteiras. Que recordos gardades do voso paso por outros países?

Daga: Un dos meus afáns vitais é viaxar. E viaxar da man dun proxecto musical é aínda máis satisfactorio. Pero no meu caso, nunca fun partidaria de facer xiras nas que non teña tempo de ver e cheirar o que se coce en cada sitio: sempre primamos menos concertos e máis tempo libre, pois é a vantaxe que ten non vivir disto. Coñecer outros lugares guiados polas propias bandas coas que tivemos o gusto de compartir escenario é unha das mellores experiencias que nos ten dado a música. E o xeito de ser un pouco menos turista e un pouco máis viaxeiro. Nunca teriamos coñecido o México DF profundo cos nosos amigos de ERESHKIGAL ou Belgrado, que non é de entrada unha cidade turística ao uso pero á que eu volvería mañá mesmo cos fantásticos KOLAC. Semellantes experiencias tamén en Alemaña e Portugal, sempre enriquecedoras e das que dan ganas de recuncar.

  • Precisamente, con México vexo que mantedes unha boa sintonía, pois colaborastes no tributo a Ereshkigal e estades en contacto con eles para o seu próximo traballo ‘Mortem’.

N: Quando nos chegou a nova de que se estava fazendo um tributo a ERESHKIGAL, contatei pra ver de aportar a nossa humilde e sinceira homenagem. Na sua última estadia na Península (2013) Lord Marganor foi o nosso bateria (ao igual que nos concertos em México em 2012) e eu o seu guitarra tanto em ERESHKIGAL como em FOREST OF DOOM (outra das suas bandas, e coa que editamos tamém um 12'LP compartido). Naquela gira começavamos os concertos com "Black Metal Storm", assí que logicamente essa era a cançom coa que tinhamos que contribuir a esse trabalho.

Dende aquela seguimos estando em contato, sempre argalhando coussas, e tinhamos pendente um trabalho compartido entre ERESHKIGAL e XERIÓN. No passado 2020 foi colhendo forma e, bom, nós queriamos poder contar de novo co seu maravilhoso trabalho na bateria. Coma sempre, foi dito e feito.

É uma honra o poder plasmar na gravaçom de "Lamento luminescente" a nossa amizade de tantos e tantos anos, e que esta seja a outra cara da ediçom que tam bem complementa "Mortem". Temos infinitas ganas de que veja já a Negra Luz em formato físico, e cum magistral trabalho gráfico de Brais Remeseiro. E já nom digamos de poder apresentalo ao vivo!

  • A banda é un proxecto e expresión catártica de Nocturno, mais ten como fiel compañeira a Daga e admite a entrada de diferentes membros que van e veñen, ó compás dos tempos e os seus azares. As letras son sempre de Nocturno, mais como compondes e arranxades as musicais aportacións de Daga? Un colaborador pode darlle o seu toque persoal ou ata levarte a cambios na composición de percusión e cordas?

D: Pola miña parte, non teño unha necesidade vital de creación como pode ter o meu compañeiro. Agrádame máis e atópome máis cómoda no papel de arranxista, tentando aportar sen deturpar as ideas orixinais. Ás veces véñenme os arranxos á cabeza coa primeira escoita das melodías, e outras o proceso é máis intelectual, e boto man do oficio aprendido, algo do que tamén gozo moito, pois atópanse solucións diverxentes e combinacións que de entrada non serían as esperadas nun estilo ortodoxo. Sempre, sempre, tiven liberdade total na miña parte da composición, e son valoradas as miñas suxestións, moitas veces en canto a solucións melódicas ou rítmicas, estruturas ou cadencias. Nas letras xa non me meto nadiña, aparte de comentar filosofías e conceptos con Nocturno.

  • Á hora de gravar e producir os vosos temas, acudides a estudios profesionais ou tendes un recuncho da casa como estudio persoal? He, he, queixanse os veciños do ruído?

N: Levamos já uns anos gravando tudo no nosso própio estúdio caseiro que, ainda que singelo e humilde, pouco a pouco vai milhorando e adaptando-se às nossas necessidades e habilidades. Por suposto que nom é o mesmo que gravar com alguem que é profissional dos diferentes processos de gravaçom, mistura e master, que dispom do espaço e equipo ajeitados, e que pode aconselhar e sugerir arranjos ou sonoridades, e incluso involucrar-se em certos aspetos da criaçom.

Mais a comodidade, o imediato, o poder passar tempo e tempo trebelhando e experimentando, de jeito contínuo ou nom, em qualquer momento possível, tendo mau de tudo... bom, é um verdadeiro lujo. E sem que o ruído seja um problema coa vizinhança!

  • Hai un traballo sobre o que me gustaría chamar a atención e é o da ilustración e as letras. Contastes con diferentes ilustradores para portadas e libretos, aproveitastes obras antigas para acompañar textos, compuxestes melodías e deixastes os textos para que quen vos escoite poida ir lendo ó seu ritmo e experimente, sacastes un libriño de negra cuberta… En definitiva, vai quedando un marabilloso arquivo sensorial que complementa a obra musical.

N: Ainda que o XERIÓN é um projeto sonoro principalmente, isso nom quita que no momento de trabalhar nas ediçóns fagamos tudo o possível por acomodar o conceto visual co lírico-musical. É por elo que dendo o começo sempre tentamos escolher o estilo (e polo tanto a quem puidera desenvolvelo) idóneo pra cada trabalho. Incluso houvo vezes que partimos de uma ilustraçom ou imagem à hora de inspirar-nos prá música (o Trisquel de Corvos feito por César Valladares foi o início de "A essência do Abismo", e alguma das images de Brais Remeseiro pra "O Nada no Caos Infinito" propiciárom textos e músicas dalgum tema).

Os textos nom sempre podem aparecer nas ediçóns por motivos de espaço (nas cintas sobre tudo). Mais no trabalho que comentas do livrinho da negra cuberta (que acompanha a cinta dupla de "O Nada no Caos Infinito" e "Danças de agonia e peste") era obrigada a sua inclusom, a pesares de ter que incrementar o preço por enriba do que adoitamos ponher... Mais o resultado final é uma auténtica maravilha!

 
  • Para rematar, GRACIÑAS polo voso tempo e esforzo. Este tramo é para vós e para o que nos queirades compartir.

N: Uma vez mais Félix, eternas grazas polo teu gram apoio pra co XERIÓN e as outras atividades nas que andamos enleadas. Que siga indo tudo o milhor possível nestes tempos incertos e estranhos... Mais que siga a tolémia!


https://xeriongaliza.bandcamp.com/

https://padlet.com/nigramors/negrocirculominhoto

https://www.facebook.com/xeriongaliza/

viernes, 4 de junio de 2021

'Morgana', tres novos temas de Xerión. Abril 2021

 'Morgana'

 Tres novos temas de Xerión. Abril 2021

Parabéns, Xerión!! Longa vida ó voso Metal Galaico Extremo!!! E é que no pasado mes de abril, a formación cumpría o seu vixésimo aniversario, que pronto se di. Máis dunha banda que sente o subterráneo como o seu lugar de traballo e expresión. Ben é verdade que pode ser inda descoñecida para moitos, pero no seu haber contan un bo número de temas musicais, entre discos propios e colaboracións (só en bandcamp ides atopar 11), ademais de concertos, tanto na terriña coma no estranxeiro. Non só iso, senón que os seus compoñentes teñen participado noutras formacións e estilos, como foi no trío Ars Anterga, e as súas expresións artísticas inclúen un libro como 'Na noite, no silencio' ou a presentación 'Maldiçom de Morgana' para o colectivo Emerxencia Cultural Ourense.

Precisamente esa 'Maldiçom' é o tema central dunha especial entrega de tres temas novos, aparecida en abril de 2021. Un traballo baixo o título 'Morgana', que será o primeiro de tres. Así nolo contan no seu bandcamp: “Morgana” é a primeira das três Demos do Kaos que verám a Negra Luz pra comemorar os já vinte anos de andaina do XERIÓN.

Som moitas as lembranças e vivências atesouradas neste tempo, e fundo o agradecimento a moitas persoas que, dum jeito ou doutro, contribuírom a que este projeto fosse possível... Mais é de justiça que este trabalho seja adicado especialmente às três mulheres da minha vida, minha mai, minha dona e minha Luz, assí coma a meu pai...

E que siga a tolémia! 



Editado por Nigra Mors numa ediçom em cinta (NM74) limitada a 33 cópias.

(Esta mesma mañá, a loira moura que agarda na cova de estructurado metal, recibíu a copia n. 09 da limitada tirada. O mestre das silandeiras verbas nocturnais en persoa depositou o prezado material tras do intercambio polo papel de mundano poder.)


Tamén nos dan os seguintes datos sobre a composición, gravación e a ilustración de portada: Composto e gravado por Nocturno entre o outono de 2020 e a primavera de 2021 nos Estúdios Breogám (Amh­-Ghad-­Ari, Ourense).

Desenho por P. V. R.
  

Se o tendes, collede o poemario de Nocturno 'Na noite, no silencio', e veredes que a autora xa participou con el. A vós que vos evoca? Porque a min véñenme á mente dúas imaxes contrapostas: a dunha natureza morta, seca e antiga, na que parte das árbores inda están ben á vista, mais outras, e parte do chan, estanse a cubrir por algunha especie reptante que van sepultando todo o espazo libre, asumindo canto haxa inda vivo e aproveitando tódalas raiolas solares. Ata imaxino que estamos ante un sol feble e de apagada luz amarela anaranxada. Mais, por outra banda, penso que podemos estar vendo unha arrasada natureza, na que poucos vexetais puideron sobrevivir. Algunhas árbores fican mortas, cubertas de murchas hedras, que tamén esconden parte do morto chan. Unhas poucas árbores están a revivir e uns raquíticos gromos (case semellan espiños) veñen recoller a salutífera luz solar. Na primeira visión, morte e decadencia, que trae máis morte; na segunda, desolación e esperanza, a vida que se abre camiño, a pesar de todo.

O 'Cantar de Morgana' abre a tríada musical. Un tema onde o protagonismo vaise repartindo entre a quebrada declamación de Nocturno e as melodías harmoniosas do teclado de Daga. Acompañan por momentos a percusión e unha lixeira distorsión persistente. Morgana aparece coma unha muller sabia, meiga, de mundo, capaz de sintonizar cas forzas naturais e preternaturais, que flúen coma un canto sobre árbores entre as que pasea. As agudas notas do fin da canción semellan formar a sonora imaxe das verbas cas que se inicia: 

escreve no ar
ancestrais sortilégios
e escuita os laios
das esquecidas da terra

Eu releo estas liñas e cada elevación musical da ascendente melodía semellan os dedos articulando e modificando sutilmente a atmosfera que a circunda. 

Por certo, sabías que xa fora publicada na bitácora 'Na noite, no silêncio'?

Síguelle 'Maldiçom de Morgana'. Xa a percusión colle folgos dende o mesmo inicio. E non vos parece que a melodía do primeiro tema segue aquí, modificada, mais grave e con novos acompañamentos? A voz gutural de Nocturno é o medio polo que escoitamos a invocación de Morgana ás deusas poderosas, ós elementais e ós espíritus dos caídos no Abismo. Morgana é unha feiticeira que escoita os berros dos desacougados e feridos, respondendo co seu propio berro, espertando vellas forzas que a terra agocha só para os iniciados. Como xa pasara en 'Nesta hora de pálida saudade' e 'Ruina e decadencia', a invocación xorde ante os malvados do tempo presente. 

Como curiosidade, este cantar coñece unha versión poética que está a correr polas redes por ser un aporte de máxima actualidade. O movemento Emerxencia Cultural Ourense, que apareceu para conter as saídas de tono do actual alcalde en materia de Cultura, ven de publicar unha presentación ca foto dunhas árbores, dende abaixo, cas liñas dinámicas dun poema. Imaxino que o son e a foto son do mesmo autor que a letra, Nocturno. Precisamente, son as liñas cantadas nesta 'Maldiçom de Morgana'. Unha letra de actualidade que gaña enteiros cando a escoitas expresada por Xerión.

'Saudades de Morgana' marca a fin. Un longo tema instrumental que comeza co mesmo estilo do primeiro, ca chamada como dun ronco corno, que me levou a recordar algún vello tema de Summoning (precisamente, coñecinos gracias a Daga). Vai ser ela quen leve as notas, entre sostidas e vibrantes, por un camiño cara a Nada e o Infinito, evocando un ambente de calma e morriña, de sostida espera e anceios de futuro. Tralo trallazo da maldición ábrese este espazo de paz, mais non sabemos se é a paz dos victoriosos, que foron quen de arrincar o mal, ou é o silencio do cemiterio, do campo de batalla trala derrota, dos salaios dos que sobreviviron e botan en falta unha nova actuación da feiticeira. Ata podería ser un intre na mesma guerra, onde semella deterse o tempo, cando os guerreiros invocan o poder de Morgana e agardan expectantes ver o desencadeamento das forzas sutís no seu favor... 

Para pechar os ollos e deixarse levar.

Portada de 'Morgana' descargada dende o bandcamp de Xerión

 

miércoles, 20 de enero de 2021

'Ruína e decadência', novo traballo de Xerión

'Ruína e decadência', 3 novos temas de Xerión

Durante a primavera do pasado 2020, polo confinamento contra a Covid 19, Xerión voltou ós instrumentos e puxo letra a un estado anímico de agonía. O illamento, alomenos físico, mais cada vez máis afectivo, o aluvión de informacións, comentarios e declaracións, a confusión reinante e unha situación que se iría alongando ata chegar a hoxe, e inda sen vislumbrarse o fin, danlle un aire particular a estas composicións. Os dous primeiros temas son cantados, namentres que o terceiro, que pecha a entrega, é breve e instrumental. 

Letra extraída do bandcamp de Xerión
As letras de 'Ruína e decadência', o primeiro tema, descóbrennos a un Xerión afundido na agonía dunha crise. Efectivamente, recoñecemos expresións e o estilo doutras composicións, mais hai algo novo: a lírica rómpese en descargas breves, en liñas que soan a borbotóns existenciais case inconexos, a versos expirados dun suxeito esnaquizado pola escura situación vivida. Acostumados a parágrafos que seguían liñas de acción e sentimentos, de lonxitude variable, mais con sentido, aquí asistimos a laios de entre dúas e tres liñas, cando non dunha soa!, que transmiten impresións de fondo sentimento, mais de escasa actividade exterior. Unha viaxe que non promete fin, senón que chama por un afondamento maior, coma se dende o exterior só chegase unha confusión mortal e a vía de escape e resistencia estivese no interior ou nun estado superior. Un ritmo pausado, con declamación, máis que canto, da letra e final con especial protagonismo do teclado, que semella un ascenso luminoso trala negrura do tema. 

Pero que non confunda, pois a canción remata con esta letra:

E uma vez mais
invoco o Abismo
numa espiral de caos e destruçom

Por facer memoria, no seu sexto álbum, 'O Nada no Caos Infinito' o abismo é mentado tres veces: en dúas, directamente, como "lugar" profundo e ameazante, onde afundir a esperanza, e como epíteto nun ollar cara o ceo amplo e inabarcable.

En 'A essência do Abismo' descubrimos un novo significado pois noméase como o ámbito dos mortos, dos que se foron, e, por unha vez, as connotacións son saudables, transmiten o gozo dunha futura calma, a luz dos que xa non están fisicamente connosco. Despois daralle nome a un tema musical e á última parte do disco, onde xa non se nome nas letras, pero queda claro que a negrura, tanxible e anímica, marcan un escuro significado.

O segundo tema, 'Peçonhenta aversom', é a porta cara un íntimo sentimento de recollida indiferencia. Trala loucura do primeiro tema, ca voráxine de sensacións e destrución, chega este no que a calma das letras nos levan cara un afundimento pechado e depresivo. Unha vez máis, Nocturno transmite unha calma aceptación do que hai, de como un o vive. É a experiencia da sombra, do noso negativo que temos preto, sen renegar del nin ocultalo, senón que o facemos amigo, dobre complementario, asistente dos tempos malos. Unha realidade que non só detectamos, senón que asumimos, pois onde hai luz e recunchos, hai sombras e diferencia de intensidade, penumbra e claridade. Marabilloso inicio do tema. 

Letra extraída do bandcamp de Xerión
O primeiro parágrafo é unha composición cerrada, cíclica, na que a primeira e segunda liña achan paralelo na quinta e cuarta, respetivamente. Versos en espello, cunha liña central como eixe vertebrador e evocador motor incansable. Execución máis veloz que a anterior, recordándonos a temas extremos clásicos de Xerión, onde o teclado volve aparecer, coma no tema primeiro, pero manténdose como apoio melódico, sen coller espazo para un solo. Eu vexo esa melodía como un reflexo sonoro dos primeiros versos. En concreto, da liña vertebradora: na repetiçom do dia a dia. A melodía mantense, repetitiva, coma un ciclo infinito coñecido que volve unha e outra vez, con algún breve cambio, que nos axuda a tomar folgos. Mais regresa. De todas, non vos parece que conforme enfilamos cara o fin do tema, se vai sentindo un un tanto máis liberado? Melodías que non sobresaen, pero que actúan como un resorte de elevación, como unha forza que pule por aportar un alento vital, unha perspectiva anímica que rache ca monotonía dos ritmos mantidos ata agora.

A execución vocal e melódica recordoume o declamado no primeiro tema: Atávicos berros perdidos num denso ar. Arrástranse os guturais, alónganse as verbas, refléxase o pesado paso pola existencia. Pero hai ese plus melódico que se mantén nos instantes finais, acompañando as verbas do segundo parágrafo. Reflexo sonoro do  um melancólico elixir? 

'Insónia' é o terceiro e definitivo tema. Unha breve composición onde graves e agudos semellan unha variación de sentimentos que ben se podían deixar saír ante unha ventá nunha tarde de chuvia, como a de hoxe. Un eco do que no primeiro tema declamaba Nocturno: imagens que as bágoas da choiva deformam através das fiestras de escangalhados cristais.  Elevación e afondamento, como dous momentos dun pálpito vital único. Tamén soa ese teclado como un funerario diálogo de campás, semellante ó que nos nosos pobos anuncia unha morte ou o seu aniversario. E, xogando co título, non vos soa á búsqueda dun sono que non chega? Coma un teclear improvisado que busca melodías íntimas, ascensos e descensos que rastrexan a tecla adecuada para un instante de ascenso e descenso calmo; maxia simpática que prende no instrumento unha respiración pausada que o insomne desexa. Por momentos, a cima do desvelo, o impulso da creatividade; a continuación, o descenso ó silencio, á noite en torno que non remata, o desexo calado por acadar esa fonda escuridade dos que durmen sen soñar. Tamén me parece unha vixilia nostálxica, onde as luces acadadas, as historias que desvelan a bondade da humanidade, xogan cas sombras cotiás, ca maldade que é compañeira infatigable do humano camiñar. Puxéronlle música as fotos de portada e inetrior do EP, con esas fugas cara arriba e abaixo.

Tres son as fotos que ilustran este traballo. Portada e contraportada ofrecen unha perspectiva de fuga, na que te podes recrear imaxinando que fuxes cara espazos abertos que, dende a perspectiva do fotógrafo, están ben acotados. En sintonía cos temas, transmiten esa sensación de estar pechado, mais ca posibilidade de saír dunha forma anormal, nova. Porque ou quedas pechado ou saes voando. Tamén me transmiten a necesidade de fuxir, de tomar perspectiva e ver as cousas dende arriba, co desapaixonamento de poder tomar aire e ter unha visión máis ampla que a que ofrece estar inmiscuído nas catro paredes do confinamento e a loucura. De todos modos, ese ceo branco tampouco é quesexa a salvación, senón que semella un límite. Como se a saída cara o exterior fose unha válvula de escape ou a porta a unha nova toma de conciencia, mais non fose o final, non fose a solución, senón un novo paso que, indefectiblemente, leva ó baleiro. A foto do interior ofrece unha nova posibilidade, que me gusta ver como complementaria da anterior, máis que como algo contraposto. É a baixada cara o interior (ou a subida cara pisos dende onde poder acollerse á salida das ventás). Tomada a foto ela sola, sen relacionala cas de portada e contraportada, temos dúas liñas direccionais: horizontal ou vertical (ascenso-descenso). Só queda baixar (vertical) e romper a monotonía do de sempre (horizontal)?

Nocturno volve ofrecernos unhas letras en galego medieval, seguindo a estela destes últimos traballos, como 'Danças de agonia e peste' e 'O Nada no Caos Infinito'. Conforme me comenta, foron letras escritas ó estilo da escritura automática, nun proceso de catarse onde conflúen as sensacións daqueles meses de confinamento (pronto será o primeiro aniversario de tal situación!) ca noite e o traballo de outros creadores, como o reflexado no documental 'OMM'. As fotos foron tiradas en Francia, en Baiona, no verán de 2019. O lugar onde pasaron uns días descubriulles recunchos que transmitían unha certa decadencia e que, xa daquelas, algo lles dicía que tiñan que ser parte dunha nova edición para Xerión.

 Recorte da foto de portada do Facebook de Xerión, que conforma a portada de 'Ruína e decadência'

sábado, 17 de octubre de 2020

Lendo as danças de Xerión (NM 66)

O libriño de Xerión cas letras das súas entregas de pandemia 2020 é unha xoia a descubrir, tanto se che gusta a súa música como se non, pois teñen un precioso sentir literario e biográfico. Sempre tendo en conta que Xerión é unha senda catártica de Nocturno, xeralmente de funestos sentires, inda que soportan cargas de esperanza e luz. Fíltrase a carraxe, o noxo, a vontade de supervivencia, de enfrontamento, así como a espera calma do fin inevitable, o encaramento cun futuro aberto á trascendencia vestida de nada infinita, a busca ou a custodia de saberes vellos, mais velados... E sempre nos quedará a sospeita de que hai moito máis: o por que de catro estrofas por canción, ou nove temas por disco, o significado de ilustracións como as da cinta 'O Nada no Caos Infinito'... Ás veces hai cambios perceptibles, que son as marcas nas que o común non se cumple, como a composición a unha sola estrofa en 'o ar dos tempos da destruçom'. 

Vexo eses detalles como futuras cuestións a Nocturno, escusas de conversas onde se vai filtrando con maior xenerosidade o seu mundo interior e inquedanzas. O mesmo penso das súas referencias astronómicas: será o ceo do que gozou nalgún paseo polo monte? Terá un significado universal ou simbólico que quere remarcar?

Neste libriño exclusivo atopas, na primeira parte, o recoñecible estilo compositivo de Nocturno para Xerión e un novo modo, na segunda, que ven de épocas pretéricas que coñecemos durante os estudios do colexio ou instituto. Lonxe quedan, mais quizás algo se removerá no voso maxín cando leades pausadamente os poemas das 'Danças de agonia e peste'. Divos algo verbas como refrán, leixaprén, cantiga de amigo...? Ata vivimos aquel 1998, co Día das Letras Galegas dedicado a tres trobadores, os trobadores da ría de Vigo, entre os que estaba Martin Codax. Este autor é recordado e homenaxeado por Nocturno nos poemas de 'Danças'. Unha actualización que recolle parte do esquema compositivo das súas cantigas de amigo e verte nel a distopía dun mundo medio morto pola radiación. Unha desfeita que pode descubrirse no mundo actual en forma de pandemia e límites sociais. Un mundo radiante de átomos letais que xa descubrimos con VRK, banda na que Nocturno tamén anda, cando sacaron aquel 'Filhos da Ira'.

 

Unhas cantigas de amigo revisadas e que non son descoñecidas para o noso compositor, xa que as abordou co trío Ars Anterga (algunha cantiga, se non lembro mal, tivo dúas versións, en dous traballos distintos). Cantigas e trío que levaron adiante un disco moi curioso e especial, que puiden recuperar da miña pequena discoteca de Ourense, intitulado 'Meu Amigo', de 2014. Merece un comentario con calma, mais quedaivos co precioso dato de que participaron grupos e músicos de Ourense para darlle ás sete cantigas de amigo, de Martin Codax, unha nova vida. Traballando ó par, Ars Anterga ofrecía a versión máis respectuosa ca musicalización medieval, namentres que as bandas modernizaban as cantigas, conforme ó senso da letra e a instrumentación actual.

Nocturno vai un paso máis alá, collendo o esquema compositivo e vertendo nel imaxes catastróficas, propias dos escenarios radiados e seres mutantes dalgúns relatos de Philip K. Dick ou de desertos ermos como os de 'Mad Max' e 'Fallout'. A destrución campa plena de poder, arrastrándose máis e máis lonxe, vertendo morte onde as ruínas inda dan acubillo a un supervivinte, aliándose ca loucura e a soedade. Onte lemos as memorias dese supervivinte, collendo o libriño negro dende o inicio, mais hoxe propóñoche iniciar a senda dende a sétima dança e rematar ca primeira composición, 'na infame terra dos miseráveis'. Supón un precioso exercicio de perspectivas e, curiosamente, mantén un sentido tan escuro e desgarrador como a lectura primeira. De feito, comezar lendo composicións medidas, recoñecibles, contidas, e pasar a outras con máis liberdade expresiva e maior carga de imaxes e sentimentos lévanos a unha tensión crecente e afondamento na loucura exterior e interior.

Comezamos un camiño de lectura, invertindo a orde, con tres poemas que revelan diferencias entre o coñecemento científico-técnico e outro dunha orde arcana e reservada a poucos. Non é que se aposte por un hermetismo que supón unha difícil busca contra os coñecementos científicos, xa que o compositor sabe ben de ciencias, mais si que supón unha chamada de atención ben interesante ver como este monólogo comeza enfrentándose á gran capacidade de destrución de elementos formados desde a tecnociencia. Por un momento, podiamos pensar nos científicos do Proxecto Manhattan e as reacións negativas dalgúns cando a bomba mostrou todo o seu poder destrutivo. Non hai unha crítica a ningunha rama de ciencia, senón a un uso perverso dela. Sen referencias transcendentes é un instrumento poderoso que non fará máis que o que mande seu dono.

Mais pronto pasamos a descubrir que hai outros saberes, de esforzado aceso. As imaxes que me veñen ó maxín sintonizan cunha abadía, un claustro, unha igrexa de coidada arquitectura simbólica. Imaxino un monxe bibliotecario que marchou lonxe e reuníu nun lugar especial os restos da cultura. Non escondeu o saber para volverse poderoso, senón como prevención contra os poderosos que puideran afectar ó que el rescatou. Xa non estamos fronte a datos e máquinas, senón a experiencia e sabedoría que tocan e transforman ó que entra en contacto con elas. Coma os vellos misterios, precisas percorrer un camiño, ser iniciado e esforzarte, pois coñecerás o profundo do teu ser e as consecuencias dos teus actos.

Collo os dous versos iniciais dos dous primeiros párrafos da dança V, sabendo que son composicións paralelas, e deixo que as imaxes me guíen: delo resulta que os camiños retortos impúlsanme a camiñar, namentres me levan cara dentro, descubrindo unha interioridade de luces e tebras; pero a esotérica cruzaria chámame á quietude, á contemplación. Marcha e contemplación son dous movementos espirais que se unifican na sentida peregrinación. Nada sabemos se o supervivinte chegou a probar dos vellos saberes, mais si que continúa andando, que sobrepasou o deserto e chegou á cidade, ámbito arrasado no que todo é decadencia e agonía. Alí, o peçonhento cálice (dança IV) é o sabor de moda. Un pensa nas referencias bíblicas do cáliz, ou copa, do furor de Deus, citado no Salmo 75, 8, en Is 51,17 ou Xer 25, 15. Desfeita sen fin nin esperanza de reconstrución. O camiño debe continuar.

O mundo rural e a natureza teñen unha cara semellante, mais inda conservan unha beleza que non se ve fóra delas. Son as danças II e I, con esas visións das casas destruídas e a morte preto, pero tamén a chegada dunha certa calma ó supervivinte, a resignación ante todo o perdido, a contemplación dun mundo inda vivo xunto ca certeza do fin persoal. Sensación inquedante, sen dúbida, con resonancias a esa paz que algúns dixeron sentir antes de morrer. Aquí a vida natural segue, o ciclo de morte e nacemento non parece alterado pola radiación. Un bo lugar para repousar, un bo sitio para entregarse á Nada.

Continuará?