Na parte visual temos árbores na portada e sobre o CD. Penso que tamén son árbores e un camiño a contra; unha foto dun camiño que se adentra no monte e que loce invertida? Unha escura instantánea do reflexo, en tranquilas augas, dun recuncho arbóreo? Portada e contra reflexan diferentes contrastes, alomenos os máis destacamos. E a imaxe do CD sería un termo medio, unha zona de transición. Esa é a impresión que me deu e comparto, esperando que os autores de fotos e montaxe nos dean a súa versión.
Portada e contra son como as dúas caras dun escenario semellante, mostrando luz e tebras. No CD atopariamos o momento liminar entre os puntos contrapostos. Que vos parece ese instante baixo as ramas esqueléticas? Será que vai rachar o día ou estaremos nun monte na noitiña?
Referencias cronolóxicas podían levarnos por diferentes sentimentos, indo da portada cara a contra, pasando polo CD: a luz do día, o desfrute da paisaxe, mais tamén o descubrimento das ramas mortas, o paseo nunha tarde de inverno, esperanza dun próximo agromar, unha tarde de primavera seca, a difuminación por mor dunha atmósfera cargada de pole e pó...; as ramas cércannos, noitiña en marcha, proximidade do terror nocturno, caladas presenzas, medo, mais pode que naza a esperanza co alborexar dunha nova xornada, luz crecente, menos sombras e máis integridade, conciencia de sombra e luz, momento de renacemento e reintegración do interior e o cosmos...; un mundo invertido, nacemento ó alén postmortuorio, a vida baixo terra, reflexo escuro doutra dimensión luminosa, enraizamento, toma de conciencia das sombras, do inconscente vivo, aumento de negrura e medos, espertar no chan e ver a noite invadindo o teu cerebro...
Imaxes e sentimentos que me veñen ó contemplar a parte visual, que se complementan con outras, nas que esas ramas se tornan raíces ou vasos sanguíneos ou neuronas... Son detalles que apunto e vos comparto, como fortes impresións ó quedar un anaco mirando.
Sobre a parte musical, recollo estas definicións do propio selo ourensán Nigra Mors:
- Nados Na Escuridade: Doom Abissal
- Esquizofrenia Paranoide: persoal Sludge Doom com toques de Funeral
O primeiro tema, A Rainha das Malditas, xa o puidemos escoitar nunha das entregas de TAN REAL COMO EL PUTO INFIERNO, concretamente, na 25, dos inicios de 2021. Un inicio de preternaturais coros que dan paso a un ritmo que me recordou moito ós White Stripes, inda que siga sendas ben diferentes do dúo. Unha aposta pola sinxeleza de medios e instrumentos que dá cauce á agachada voz de Nocturno, primando música sobre vocalista. Párrafos que expresan a dor por un mundo que ben pode sentirse como val de bágoas e que baixa enteiros en humanidade ante situacións crueis. Coma sempre, queda un aire de esperanza, pois non todo está perdido. Ollo a eses lonxanos sons do remate: unha treboada que se achega ou se vai?
Nados Na Escuridade cambia totalmente as tornas na segunda entrega, Aequalis in Morte, compartindo un tema instrumental de contidos agudos sintetizados. A un paso da estridencia, do son branco, do paso a outra realidade... Evocación que se deixa interpretar segundo o escoitante e o momento.
Cun son e proposta máis recoñecible, por ser similares, os dous temas de Esquizofrenia Paranoide impactan por esa voz que lanza sílabas inconexas, no que me suxire unha cadencia sentida de expresividade, unha linguaxe básica que fala ó sentimento, un pulso vocal que vai cara o profundo dun, cara o irracional, despertándoo e impulsándoo a manifestarse. Agonía e Paranoia son os títulos, semellando un todo no que só tes un intre de acougo: o paso dun tema ó outro. Cambia o ritmo, mais non a expresión cruda e directa de guitarra distorsionada, batería e voz monosilábica.
Recordades os lonxanos e graves sons de tronos, cos que pechaban o primeiro canto Nados Na Escuridade? Pois Esquizofrenia Paranoide inician o seu turno cunha boa treboada e chuvia, antes da descarga descarnada de Agonía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario