miércoles, 14 de diciembre de 2022

Primeira escoita de 'Drou', Xerión

Cae a mesta chuvia ca noite que remata e os sons de 'Drou' animan a mañá recén nacida. Xerión é unha experiencia, unha expresión que sempre me atraeu e na que atopei momentos de calma, carraxe, catarse e chamada á interiorización. Visto en amplitude, unha banda que fixo de cada entrega a oportunidade da alquímica fusión de contrarios, a oportunidade de deixarse levar polo Metal Escuro manifestado en armonías, distorsión, acelerados ritmos na percusión e calmas declamacións na liña do cantor. Hoxe chove e a cincenta hora do amencer semella perfecta para unha primeira escoita de 'Drou', a entrega outonal de Xerión, que tanto levamos esperando: NM82 XERIÓN 'Drou' (Demo do Kaos III).


Catro temas, dous cantados e dous instrumentais. Estes arrodean a aqueles e marcan ritmos e melodías diferentes. As letras xa as coñecemos dende hai meses, gracias a que Nocturno tivo a ben compartilas na súa particular bitácora poética. Hoxe tamén son acesibles no bandcamp da banda. Precisamente dalí saco estes datos:

"Drou” é a terceira das três Demos do Kaos que verám a Negra Luz pra comemorar os já vinte anos de andaina do XERIÓN.

Ediçóns em cinta e digiCD (num compartido com FATA INFERNA) através de Nigra Mors em breve...released December 1, 2022

Composto e gravado por Daga, Nocturno e O Rei Celta No Exílio entre os outonos de 2020 e 2022 nos Estúdios Breogám (Amh-Ghad-Ari, Ourense).

Baixo magistralmente interpretado por Grob e gravado no estúdio de Zlorog em Belgrado (Sérvia). Imensas grazas irmáns de batalha!!!

Desenho por P. V. R.

Dicir que a segunda entrega, 'Sombras na Pedra do Dragom do Tempo', aínda non ten data de saída, pero xa nos deron a coñecer a dous músicos que colaboraron nela, Tomás G. Ahola e César Valladares. Nesta terceira participou, dende Serbia, Grob.

'Drou' abre esta particular demo. Un instrumental de melodía bela que pronto te atopas repetindo con gozo. Un instante introductorio onde podes deixarte levar pra afondar en ti ou elevarte; afundirte no escuro e profundo eu, ademais de voar contemplando imaxes da natureza darredor; gozar do firme canto que vertebra o tema e as variacións, armonías, os xogos que colorean e matizan de sentimento o camiño musical. A estas alturas non sorprende atopar instrumentais así, onde non se cumpre aquelo de que Xerión só toca Metal Galaico Extremo, pero a quen os descubra de seguro que os deixa un tanto sorprendidos. Nada que non "solucione" as descargas que chegan a continuación.

'Demos do Kaos' é o segundo tema desta demo. Unha descarga que comeza potente, característica marcha de música acelerada e canto lento, voz gutural pausada armonizada ca percusión rápida. Así, ata a metade, cando o terceiro parágrafo nos leva a un instante calmo de melodía e voz, coincidindo co contido da letra. O remate do mesmo sucede igual que os primeiros minutos e quédalle perfecto ó que no conta-canta. O tema rematará cunha pasaxe de transición ó silencio, baixando ritmo, eliminando instrumentos, quedando no aire a mestría de Daga ó teclado. Case sente un que se fai realidade o dito: queda a alma en fío/nun fío... nun fío de música que devala cara as ganas dun novo tema. Tes ganas de máis e máis nos trae Xerión a seguir.

 

'Deusas da Noite' vén a continuación. Un título que me trouxo ó maxín a primeira entrega desta triloxía inda sen rematar. Trátase de 'Morgana', nada hai moitas noites, recordo belo do ano pasado. 

'Deusas' desenrólase cun ritmo pausado, acordando forte música e voz, ca marabilla dos teclados de Daga, melódica corda de salvación e contraste precioso ca voz gutural e as cordas disonantes de Nocturno.



E como vos queda o corpiño despois de 'Aranheira'? Unha nota metálica sostida que nos mantén en tensión mentres vibracións sutís nos elevan e tiran de nós, cun graves puntos de percusión que sentenzan o tema e a demo. Máis que meta soa a final aberto, a que o camiño segue. Quedas en certa calma, si, máis dentro hai un pulo que precisa máis, que quere outra escoita ou un tema novo. Xorde a imaxe do horizonte. Inda que a senda deste 'Drou' rematase, inda hai máis por escoitar e sentir.