viernes, 4 de junio de 2021

'Morgana', tres novos temas de Xerión. Abril 2021

 'Morgana'

 Tres novos temas de Xerión. Abril 2021

Parabéns, Xerión!! Longa vida ó voso Metal Galaico Extremo!!! E é que no pasado mes de abril, a formación cumpría o seu vixésimo aniversario, que pronto se di. Máis dunha banda que sente o subterráneo como o seu lugar de traballo e expresión. Ben é verdade que pode ser inda descoñecida para moitos, pero no seu haber contan un bo número de temas musicais, entre discos propios e colaboracións (só en bandcamp ides atopar 11), ademais de concertos, tanto na terriña coma no estranxeiro. Non só iso, senón que os seus compoñentes teñen participado noutras formacións e estilos, como foi no trío Ars Anterga, e as súas expresións artísticas inclúen un libro como 'Na noite, no silencio' ou a presentación 'Maldiçom de Morgana' para o colectivo Emerxencia Cultural Ourense.

Precisamente esa 'Maldiçom' é o tema central dunha especial entrega de tres temas novos, aparecida en abril de 2021. Un traballo baixo o título 'Morgana', que será o primeiro de tres. Así nolo contan no seu bandcamp: “Morgana” é a primeira das três Demos do Kaos que verám a Negra Luz pra comemorar os já vinte anos de andaina do XERIÓN.

Som moitas as lembranças e vivências atesouradas neste tempo, e fundo o agradecimento a moitas persoas que, dum jeito ou doutro, contribuírom a que este projeto fosse possível... Mais é de justiça que este trabalho seja adicado especialmente às três mulheres da minha vida, minha mai, minha dona e minha Luz, assí coma a meu pai...

E que siga a tolémia! 



Editado por Nigra Mors numa ediçom em cinta (NM74) limitada a 33 cópias.

(Esta mesma mañá, a loira moura que agarda na cova de estructurado metal, recibíu a copia n. 09 da limitada tirada. O mestre das silandeiras verbas nocturnais en persoa depositou o prezado material tras do intercambio polo papel de mundano poder.)


Tamén nos dan os seguintes datos sobre a composición, gravación e a ilustración de portada: Composto e gravado por Nocturno entre o outono de 2020 e a primavera de 2021 nos Estúdios Breogám (Amh­-Ghad-­Ari, Ourense).

Desenho por P. V. R.
  

Se o tendes, collede o poemario de Nocturno 'Na noite, no silencio', e veredes que a autora xa participou con el. A vós que vos evoca? Porque a min véñenme á mente dúas imaxes contrapostas: a dunha natureza morta, seca e antiga, na que parte das árbores inda están ben á vista, mais outras, e parte do chan, estanse a cubrir por algunha especie reptante que van sepultando todo o espazo libre, asumindo canto haxa inda vivo e aproveitando tódalas raiolas solares. Ata imaxino que estamos ante un sol feble e de apagada luz amarela anaranxada. Mais, por outra banda, penso que podemos estar vendo unha arrasada natureza, na que poucos vexetais puideron sobrevivir. Algunhas árbores fican mortas, cubertas de murchas hedras, que tamén esconden parte do morto chan. Unhas poucas árbores están a revivir e uns raquíticos gromos (case semellan espiños) veñen recoller a salutífera luz solar. Na primeira visión, morte e decadencia, que trae máis morte; na segunda, desolación e esperanza, a vida que se abre camiño, a pesar de todo.

O 'Cantar de Morgana' abre a tríada musical. Un tema onde o protagonismo vaise repartindo entre a quebrada declamación de Nocturno e as melodías harmoniosas do teclado de Daga. Acompañan por momentos a percusión e unha lixeira distorsión persistente. Morgana aparece coma unha muller sabia, meiga, de mundo, capaz de sintonizar cas forzas naturais e preternaturais, que flúen coma un canto sobre árbores entre as que pasea. As agudas notas do fin da canción semellan formar a sonora imaxe das verbas cas que se inicia: 

escreve no ar
ancestrais sortilégios
e escuita os laios
das esquecidas da terra

Eu releo estas liñas e cada elevación musical da ascendente melodía semellan os dedos articulando e modificando sutilmente a atmosfera que a circunda. 

Por certo, sabías que xa fora publicada na bitácora 'Na noite, no silêncio'?

Síguelle 'Maldiçom de Morgana'. Xa a percusión colle folgos dende o mesmo inicio. E non vos parece que a melodía do primeiro tema segue aquí, modificada, mais grave e con novos acompañamentos? A voz gutural de Nocturno é o medio polo que escoitamos a invocación de Morgana ás deusas poderosas, ós elementais e ós espíritus dos caídos no Abismo. Morgana é unha feiticeira que escoita os berros dos desacougados e feridos, respondendo co seu propio berro, espertando vellas forzas que a terra agocha só para os iniciados. Como xa pasara en 'Nesta hora de pálida saudade' e 'Ruina e decadencia', a invocación xorde ante os malvados do tempo presente. 

Como curiosidade, este cantar coñece unha versión poética que está a correr polas redes por ser un aporte de máxima actualidade. O movemento Emerxencia Cultural Ourense, que apareceu para conter as saídas de tono do actual alcalde en materia de Cultura, ven de publicar unha presentación ca foto dunhas árbores, dende abaixo, cas liñas dinámicas dun poema. Imaxino que o son e a foto son do mesmo autor que a letra, Nocturno. Precisamente, son as liñas cantadas nesta 'Maldiçom de Morgana'. Unha letra de actualidade que gaña enteiros cando a escoitas expresada por Xerión.

'Saudades de Morgana' marca a fin. Un longo tema instrumental que comeza co mesmo estilo do primeiro, ca chamada como dun ronco corno, que me levou a recordar algún vello tema de Summoning (precisamente, coñecinos gracias a Daga). Vai ser ela quen leve as notas, entre sostidas e vibrantes, por un camiño cara a Nada e o Infinito, evocando un ambente de calma e morriña, de sostida espera e anceios de futuro. Tralo trallazo da maldición ábrese este espazo de paz, mais non sabemos se é a paz dos victoriosos, que foron quen de arrincar o mal, ou é o silencio do cemiterio, do campo de batalla trala derrota, dos salaios dos que sobreviviron e botan en falta unha nova actuación da feiticeira. Ata podería ser un intre na mesma guerra, onde semella deterse o tempo, cando os guerreiros invocan o poder de Morgana e agardan expectantes ver o desencadeamento das forzas sutís no seu favor... 

Para pechar os ollos e deixarse levar.

Portada de 'Morgana' descargada dende o bandcamp de Xerión

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario