domingo, 24 de abril de 2022

Tarde de arada abril 2022 en Louredo

As terras de Louredo están a mudar estes días de abril, trala primeira lúa chea de primavera. Os sucesos celestiais marcan un ritmo ós esforzados louredeses, que miran ó ceo ou consultan os calendarios para preparar as sementeiras. Os riscos que abren os terreos precisan dun permiso celestial, xeralmente relacionado ca lúa minguante, ademais do propio "bo tempo" atmosférico. Tamén se procura a presencia de varios traballadores, por aquelo de alixeirar os traballos e para alegrar o corazón cunha sentida parola, xa sexan veciños, xa familiares. 

En Louredo vemos a lúa minguante como propiciadora das forzas contidas no profundo da terra, relacionando o descenso da súa pratexada luz cas sementeiras dos vexetais que medran subterraneamente, ca recollida dos mesmos, cos froitos que brotan de ramas aéreas e a forza que se vai concentrando neles, e non nas ramas, ca limpeza dos ollos das patacas recollidas e almacenadas,... O crecente relacionámolo co aumento de rama e folla, co descenso na produción de froito, ca potencia da savia e o coidado que hai que poñer na poda, inda que tamén se pode usar ese impulso invisible para facer secar plantas malas, sobre todo se medran moito e un quere podalas ou cortalas para que sangren abondosamente. 

Dunha entrada anterior, o influxo lunar nas crenzas populares

O día de arada era día de alegría na casa, pois compartíase conversa, traballo e comida. Queda recordo desto, inda que xa non se invirte tanto tempo nin as forzas son tantas coma antes, mais inda se respira un clima alegre. A arada deste 2022 veu precedida dun inverno seco, con temperturas propias de primavera. A terra, insospeitadamente, gardaba suficiente humidade, mais os veciños comentaban o mal que sería seguir con esta seca, seguir cunha primavera de escasas choivas. E que non veñan xeadas ou pedra (granizo)!


Recordan os maiores como en san Xoán de Louredo se tocaban as campás durante todo o mes de maio, para evitar esas treboadas funestas. Aquí, a diferencia doutros pobos, non se esperaba a chegada de tenebrosos nubeiros, xa se tocaba por tradición, como profiláctica costume en pro do sementado, nunha época especialmente sensible no desenrolo das plantas. 


O proceso ven sendo o de sempre: limpar o terreo a arar, eliminando herba e vexetais, queimando os píos do ano pasado, repartindo esterco sobre a superficie. Unha vez comeza a tarefa do arado, os de a pé encárganse de achairar o terreo arado e tirar do esterco da superficie ós riscos abertos, sobre os que pasará a roda do tractor a continuación. Se o labor se alonga, gústase de facer unha paradiña, compartindo impresións sobre o tempo e o terreo, ademais dun refrixerio. Rematada a arada, os da casa dispóñense a dividir o terreo, pensando na sementeira. Cada vexetal ten o seu tempo, xa botando semente, xa trasplantando. 


A zona destinada a millo é a que merece a primeira atención: ou a ollo ou cun cordel tenso, demárcanse os regos polos que fluirá a auga e tamén se poden marcar os camiños de paso. A seguir, co sacho, quedan fixados na terra. Importa moito a atención e a experiencia, de modo que se sitúen estes e a futura sementeira en certa pendente, facilitando o paso da auga a todo o terreo. Feitos os regos pásanse ós riscos de sementeira: fanse cun angazo de madeira de catro dentes. O dente dun extremo vai polo rego, sendo este a clave, tírase ata o seguinte rego; logo, de volta, fincando o dente dun extremo no último risco feito, o que limita co terreo sen marcar. Seguíndoos, os sementadores irán pousando un grau de millo a cada paso que dan, co espichón na man (tarefa denominada "espichar").

As fotos anteriores corresponden á tarde de arada do pasado 20 de abril. Solleira, mais cun vento norte frío que cortaba e secaba a terra. Recupero agora algunhas fotos doutros anos, acompañadas de notas que lles dan un contexto. Penso que serán un precioso complemento e motivo de recordo ou curiosidade.


San Xoán de Louredo, 6 de maio de 2017.

Terreos arados hai pouco, onde vemos o camiño (a liña recta máis grosa) que os atravesa e conecta, os regos para a auga (máis finos, pero aínda grosos) e as liñas de plantación, algunhas xa ocupadas por plantas crecidas.

Unha vez arada a terra, ademais de sinalizar o camiño que a cruza dun extremo ó outro (ó ancho), o importante é marcar por onde irá a auga da poza. Aquí temos dous regos, que parten da dereita da foto cara a esquerda. Xunto ó muro hai zonas polas que discorre o caudal e conectan con este campo.

A segunda demarcación é a das liñas de sementeira. Estas defínense por ir desde un rego ó límite da leira ou entre dous surcos de rega. Realízanse cunha especie de angazo longo, con poucos dentes, realizado todo en madeira. Así se consegue, nunha sola pasada, varias liñas paralelas (unha liña por dente). Se se trata de millo, a semente introdúcese na terra cun "espichón", que realiza un buraco de varios centímetros de profundidade. Coa mesma ferramenta péchase o buraco, removendo a terra circundante. A esta forma de sementa denominámola "espichar". Tamén cabe realizar trasplante de vexetais xa crecidos, como pode ser ó colocar as plantas de tomates e pementos.

De ano en ano rótanse ou innovan os cultivos, de modo que a terra "non se canse".

Foto do 20 de abril de 2018, en san Xoán de Louredo. Todo estaba listo para unha próxima mañá de arada.

O campo ségase e os "píos" quéimanse, deixando os restos da palla seca e as cinzas no mesmo sitio, colócanse " medas" de esterco e dispóñense os apeiros. Dependendo da leira e da xente que veña botar unha man, o tempo da arada, amén da arte do arador e o seu arado. É unha mañá alegre, tinguida polo esforzo, onde non só se lle dá caña ó sacho, senón que se comparten as novidades do pobo, pregúntase pola familia e lémbranse tempos pasados, con máis veciños traballando estas mesmas terras.

Se a cousa se alonga hai que realizar unha parada. Sérvense cervezas ou refrescos, cando non se vai á próxima fonte de Pedradas (auga sempre fresca e saborosa). Non faltaba antes a gasosa. Non era momento para o viño nin para comer, sacando algunha froita ou un lixeiro bocadillo. E regresábase á faena: o tractor abre a gabia, tírase de "sacho" e arrástrase a ela esterco, raspando un tanto o terreo máis próximo ó rego recentemente aberto.

Este terreo adoitaba terminarse antes de mediodía e había que tirar de cordel para sinalizar por onde irían os regos da auga e por onde os destinados á sementeira: millo, tomates, pementos, remolacha, xudías, cabazas... E, se o tempo o permitía, antes de comer, comezar a espichar, sementando o millo.

San Xoán de Louredo, 21 de abril de 2018. Día de arada.

Os asistentes repártense ó longo dos surcos do arado. O tractor pasa, abrindo a terra e cada quen se mete no rego, arrastra esterco cara si e raspa o terreo. Se se dá a volta, procura achairar un tanto a terra arada coa súa aixada. E, sempre, sempre, tendo coidado de manter a conversación cos próximos e a vista posta nas distancias co tractorista.

Nesta foto, nos terreos entre O Outeiro e Pedradas, vemos os primeiros regos arados (á dereita) e o terreo que falta (á esquerda). Sobre este, unha zona próxima co esterco esparexido sobre a terra. A zona máis afastada non o ten, quizais porque non se puido repartir alí ou porque a meda situouse máis cara á esquerda. Os labradores arrastran esterco ou raspan a terra agreste. Así, introducen no terreo a capa verde, conformada por restos de millo, grelos e herba. Tamén, cinzas dos píos (queimados nalgunha mañá de néboa pechada).

No hay comentarios:

Publicar un comentario