'Pálida morte, negra sombra' é un tesouriño gravado do 6 ó 9 de decembro de 2008, cando Xerión eran Nocturno, Daga e Iron. No mesmo inverno dese ano concebiuse o magnífico deseño gráfico do disco, da man do Deus Preguiceiro. Composicións onde se xuntan alomenos dúas fotos por imaxe, con ampla presenza do monte e o lume, ademais dos tres músicos. O filtro "sepia" debuxa un mundo onírico que semella en permanente solpor, o cal leva á noite na que semellan estar os tres e ó lume que os ilumina. Impactante e bela a de Daga, mirándonos fixamente. Ademais das fotos, Xerión ofrécenos as letras, detalle que sempre agradecín sobremaneira. Un detalle das mesmas é que todas comenzan igual: "Na noite"...
Cinco son os temas, cada un cunha personalidade e detalles que os distinguen uns doutros. Algo que me leva a recomendar este disco a quen se inicie polas sendas desta banda ourensá. Aquí terá unha boa mostra do que fan e de como se expresan, facendo da súa música un camiño de expresividade e creatividade ben chamativo.
"Choeur de Nuit", un inicio para nada esperado se liches no libriño interior que XERIÓN FAI METAL GALAICO EXTREMO EXCLUSIVAMENTE. Un precioso e inquedante tema que conta con canto de voz limpa de Nocturno e vai pasando do expectante a un intre de alegría, como unha transición da tebra á luz, da noite ó amencer. Son as imaxes que me suxire ese cambio melódico na metade do tema. Unha transición que me recordou á melodía do inicio de 'Historias', o mítico programa de radio, onde Juan José Plans nos fixo pasar máis dunha noite "de medo, con medo". O que pasa é que Xerión pasa do tenso ó relaxante e na de Plans o paso era ó contrario.
"No funeral dos antergos" xa saboreamos o aceiro das guitarras e a aceleración da percusión. Ah! e que gusto as melodías dos teclados. Catro párrafos para descargar a visión tristeira do fin dunha era, dunha cultura, duns heroes... mentres os que esquecen o pasado aposta sobreviven. Todos? Non, o cantor sabe do que foi e é, deixando rastro silandeiro, mais duradeiro, nas antigas pedras.
Nova metálica distorsión e "zapatilla" no inicio de "A noite das meigas". O mesmo estilo de voz rachada que o anterior tema, con referencias literarias que me fan pensar que o cantor segue no mesmo espazo que antes, mais noutro tempo. A noite, igual, nun monte onde volve alumear un lume, considerado antes sagrado e agora máxico; nesta son as bruxas quen o coidan, mentres que foron anteriormente os druidas. Encantáronme as disharmonías de Daga, un precioso contrapunto musical que fai vibrar algo dentro de min.
"Profecía segunda" supón un alto no camiño, cunha proposta nada extrema, metaleiramente falando, pois é a voz (pasadas as súas frases ó revés) xunto cas sentidas melodías do teclado quen, lenemente, nos evocan un ambiente de calma e evocación. A percusión, baixiña, de fondo, levándonos cara o tono épico da última parte da composición. Non se asustar!! Se queredes saber que di Nocturno non hai máis que botar un ollo ó libriño das letras: recolle os primeiros versiños dos temas 2, 3 e 5, conxugándoos cunha frase que os reúne e semella anular Todo na Nada. Ben sabemos os seguidores de Xerión que iso non significa o fin, senón que hai en marcha unha transmutación, un ciclo, un algo novo que xorde do vello, ou unha dimensión que estaba velada e agora se manifesta, quedando a outra como agachada, máis non desfeita. Os extremos tócanse, Todo e Nada, realmente se diferencian tanto?
Remata o disco con "Pálida morte, negra sombra", un longo tema que recolle todo o anterior e nolo sintetiza e mellora. Un tema que me encanta e hipnotiza, con ese inicio onde a voz de Nocturno vaise volvendo máis e máis gutural; onde a feroz descarga de Iron deixa paso a atmosfera soñadora de Daga e se camiña cara unha apoteose de tódolos instrumentos cabalgando nunha pasaxe épica que progresa dende a contención ata a imponencia conxugada dos artistas. Marabilloso clímax que se alonga ata o remate!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario