martes, 20 de julio de 2021

Entrevista a Xerión no seu XX aniversario

Pasou a data, mais non a romería, e con ese ánimo ledo abro as enferruxadas portas deste espazo, dando a benvida a Nocturno e Daga, que están de vixésimo aniversario, pois Xerión naceu no abril do 2001. Sen ánimo de exhaustividade e conscientes de que a historia segue e a banda permanece, imos lelos a eles, que ben o merecen.

  • En primeiro lugar, PARABÉNS por estes 20 anos de Xerión. Recordade, comentainos, por que o nome de Xerión e como argallastes o seu logo?

Nocturno: Mil grazas Félix por, uma vez mais, fazer-nos umas preguntas sobre o XERIÓN, desta volta polo nosso XX Aniversário, e polos teus parabéns.

Sobre o nome, pois veu dum livro que me regalara a Daga uns meses antes, o "Dicionario dos seres míticos galegos". Mirando nele pra saber um chisco mais sobre histórias e lendas desta terra, apareceu este termo que, ainda que já conhecia de antes, até velo escrito e volvelo a ler em voz alta, nom caera no fermoso da sua sonoridade e no bem que lhe acaia a um projeto que estava a dar os seus primeiros passos e no que queria misturar o Negro Metal da Morte co folklore da Galiza. Em abril de 2001 comecei nelo e em junho editei a primeira demo "O espírito da fraga" baixo Nigra Mors. Mais ainda nom tinha logo (empreguei nessa cinta uma fonte gótica). Naquela altura estava a estudar Matemáticas na universidade e um dia, fazendo exercícios, tivem que empregar várias letras gregas entre as que se atopava o gi (χ) e, deixando durante uns intres de lado o estudo numa ideia feliz, jogando e jogando co lápis, alá foi o logo de uma atacada...

  • Soe preguntarse ós artistas polas bandas que máis os influiron, mais hoxe propóñovos un bonito exercicio complementario que é preguntarvos se sabedes de bandas que vos teñan a vós como referencia ou que nacesen ó voso abeiro.

N: Sabemos dalgumas persoas da Galiza que tocam em bandas que gostam dalgúns trabalhos do XERIÓN, e que incluso tenhem feito alguma versom ao vivo dalguma cançom (coma DIOIVO com "Akelarre", aos que lhes quedamos mui agradecidas quando a ouvimos no Frenopátiko de Vigo), mais tanto como pra ser uma referência chave na sua formaçom ou evoluçom nom me atreveria a dizer nim de longe...

  • Seguindo co tema de influxos, eu vexo marabilloso como fostes traendo a Xerión diferentes temas musicais, letras e estilos que mostraban o que estabades estudiando ou facendo fóra da banda. Por exemplo, trouxestes ós nosos oídos a vellos bardos, como Afonso X ou Martim Códax, montastes o trío Ars Anterga, fixeches acústicos de Xerión!!...

N: Som muitos anos já fazendo música pro XERIÓN e, sendo como é um reflexo do meu sendeiro vital, é inevitável que outras sonoridades nas que trabalhamos Daga e mais eu noutros projetos afloraram dum jeito ou doutro. Há gravaçóns nos que diversos mundos sonoros convergem e se confundem, coma no recente "Danças de agonia e peste", se bem nom é raro atopar coussas semelhantes (nom tam evidentes, isso si) pola nossa extensa discografia.

O de fazer acústicos foi uma opçom que estreamos em 2019 em El Pueblo de Ourense num concerto com PERPETUAL, e que despois repetimos duas vezes no Parque Náutico de Castrelo de Minho, uma nesse mesmo ano no festival do Negro Círculo Minhoto, e a outra o passado verám já em tempos de pandémia. Até incluso tenho feito um par de coussas sozinho acompanhado por uma guitarra acústica no Moucho de Ourense ou por uma cítola no Teatro Principal o passado setembro.

Nom sempre sentimos a necessidade de fazer rituais nos que repetir esquemas, nim sequera interpretar as cançóns do mesmo jeito a como fôrom criadas. E ainda que aparentemente as diferenças som evidentes, no fundo, nos nossos miolos, funciona tudo exatamente igual.

  • Xerión traspasa fronteiras. Que recordos gardades do voso paso por outros países?

Daga: Un dos meus afáns vitais é viaxar. E viaxar da man dun proxecto musical é aínda máis satisfactorio. Pero no meu caso, nunca fun partidaria de facer xiras nas que non teña tempo de ver e cheirar o que se coce en cada sitio: sempre primamos menos concertos e máis tempo libre, pois é a vantaxe que ten non vivir disto. Coñecer outros lugares guiados polas propias bandas coas que tivemos o gusto de compartir escenario é unha das mellores experiencias que nos ten dado a música. E o xeito de ser un pouco menos turista e un pouco máis viaxeiro. Nunca teriamos coñecido o México DF profundo cos nosos amigos de ERESHKIGAL ou Belgrado, que non é de entrada unha cidade turística ao uso pero á que eu volvería mañá mesmo cos fantásticos KOLAC. Semellantes experiencias tamén en Alemaña e Portugal, sempre enriquecedoras e das que dan ganas de recuncar.

  • Precisamente, con México vexo que mantedes unha boa sintonía, pois colaborastes no tributo a Ereshkigal e estades en contacto con eles para o seu próximo traballo ‘Mortem’.

N: Quando nos chegou a nova de que se estava fazendo um tributo a ERESHKIGAL, contatei pra ver de aportar a nossa humilde e sinceira homenagem. Na sua última estadia na Península (2013) Lord Marganor foi o nosso bateria (ao igual que nos concertos em México em 2012) e eu o seu guitarra tanto em ERESHKIGAL como em FOREST OF DOOM (outra das suas bandas, e coa que editamos tamém um 12'LP compartido). Naquela gira começavamos os concertos com "Black Metal Storm", assí que logicamente essa era a cançom coa que tinhamos que contribuir a esse trabalho.

Dende aquela seguimos estando em contato, sempre argalhando coussas, e tinhamos pendente um trabalho compartido entre ERESHKIGAL e XERIÓN. No passado 2020 foi colhendo forma e, bom, nós queriamos poder contar de novo co seu maravilhoso trabalho na bateria. Coma sempre, foi dito e feito.

É uma honra o poder plasmar na gravaçom de "Lamento luminescente" a nossa amizade de tantos e tantos anos, e que esta seja a outra cara da ediçom que tam bem complementa "Mortem". Temos infinitas ganas de que veja já a Negra Luz em formato físico, e cum magistral trabalho gráfico de Brais Remeseiro. E já nom digamos de poder apresentalo ao vivo!

  • A banda é un proxecto e expresión catártica de Nocturno, mais ten como fiel compañeira a Daga e admite a entrada de diferentes membros que van e veñen, ó compás dos tempos e os seus azares. As letras son sempre de Nocturno, mais como compondes e arranxades as musicais aportacións de Daga? Un colaborador pode darlle o seu toque persoal ou ata levarte a cambios na composición de percusión e cordas?

D: Pola miña parte, non teño unha necesidade vital de creación como pode ter o meu compañeiro. Agrádame máis e atópome máis cómoda no papel de arranxista, tentando aportar sen deturpar as ideas orixinais. Ás veces véñenme os arranxos á cabeza coa primeira escoita das melodías, e outras o proceso é máis intelectual, e boto man do oficio aprendido, algo do que tamén gozo moito, pois atópanse solucións diverxentes e combinacións que de entrada non serían as esperadas nun estilo ortodoxo. Sempre, sempre, tiven liberdade total na miña parte da composición, e son valoradas as miñas suxestións, moitas veces en canto a solucións melódicas ou rítmicas, estruturas ou cadencias. Nas letras xa non me meto nadiña, aparte de comentar filosofías e conceptos con Nocturno.

  • Á hora de gravar e producir os vosos temas, acudides a estudios profesionais ou tendes un recuncho da casa como estudio persoal? He, he, queixanse os veciños do ruído?

N: Levamos já uns anos gravando tudo no nosso própio estúdio caseiro que, ainda que singelo e humilde, pouco a pouco vai milhorando e adaptando-se às nossas necessidades e habilidades. Por suposto que nom é o mesmo que gravar com alguem que é profissional dos diferentes processos de gravaçom, mistura e master, que dispom do espaço e equipo ajeitados, e que pode aconselhar e sugerir arranjos ou sonoridades, e incluso involucrar-se em certos aspetos da criaçom.

Mais a comodidade, o imediato, o poder passar tempo e tempo trebelhando e experimentando, de jeito contínuo ou nom, em qualquer momento possível, tendo mau de tudo... bom, é um verdadeiro lujo. E sem que o ruído seja um problema coa vizinhança!

  • Hai un traballo sobre o que me gustaría chamar a atención e é o da ilustración e as letras. Contastes con diferentes ilustradores para portadas e libretos, aproveitastes obras antigas para acompañar textos, compuxestes melodías e deixastes os textos para que quen vos escoite poida ir lendo ó seu ritmo e experimente, sacastes un libriño de negra cuberta… En definitiva, vai quedando un marabilloso arquivo sensorial que complementa a obra musical.

N: Ainda que o XERIÓN é um projeto sonoro principalmente, isso nom quita que no momento de trabalhar nas ediçóns fagamos tudo o possível por acomodar o conceto visual co lírico-musical. É por elo que dendo o começo sempre tentamos escolher o estilo (e polo tanto a quem puidera desenvolvelo) idóneo pra cada trabalho. Incluso houvo vezes que partimos de uma ilustraçom ou imagem à hora de inspirar-nos prá música (o Trisquel de Corvos feito por César Valladares foi o início de "A essência do Abismo", e alguma das images de Brais Remeseiro pra "O Nada no Caos Infinito" propiciárom textos e músicas dalgum tema).

Os textos nom sempre podem aparecer nas ediçóns por motivos de espaço (nas cintas sobre tudo). Mais no trabalho que comentas do livrinho da negra cuberta (que acompanha a cinta dupla de "O Nada no Caos Infinito" e "Danças de agonia e peste") era obrigada a sua inclusom, a pesares de ter que incrementar o preço por enriba do que adoitamos ponher... Mais o resultado final é uma auténtica maravilha!

 

  • Para rematar, GRACIÑAS polo voso tempo e esforzo. Este tramo é para vós e para o que nos queirades compartir.

N: Uma vez mais Félix, eternas grazas polo teu gram apoio pra co XERIÓN e as outras atividades nas que andamos enleadas. Que siga indo tudo o milhor possível nestes tempos incertos e estranhos... Mais que siga a tolémia!


https://xeriongaliza.bandcamp.com/

https://padlet.com/nigramors/negrocirculominhoto

https://www.facebook.com/xeriongaliza/

No hay comentarios:

Publicar un comentario