Este ano 2026 non puiden pasarme polo san Benito do inverno, o celebrado no Rabiño, concello de Cortegada, Ourense. Si dediquei tempo a recoller algunhas lembranzas, xunto con fotografías que tirei o ano pasado, partes da novena e do Boletín Diocesano do bispado de Ourense.
De momento, aquí, comparto as lembranzas, fotos e recortes da novena. Os recortes do Boletín espero reunilos e complementalos con outros, de modo que poida ofrecer unha entrada sinxela sobre efemérides, datas de interese para o san Benito do Rabiño.
Como non, continúo aberto a que me comentedes e mandedes máis recordos persoais, fotos ou textos relacionados con este lugar, as construcións e festa.
1. Un recordo de cando don Esteban celebraba a novena e baixaba desde Louredo
Don Esteban tiña a novena de noite, de modo que os veciños puidesen ir traballar despois e era normal por entón que a misa se celebrase á primeira hora da mañá. Pois ó ser de noite dalgunha forma había que ver por onde ías, verdade? A xente sabíase moi ben os camiños e había múltiples atallos, non como agora, que hai tanto monte. Pero, por moito que coñeceses, había que iluminar a senda. Sabías como faciamos? Pois usando “fachuqueiros”, porque non había luz pública.
Uns confeccionábanse con “frouma”, ben apretados e realizados xa na véspera, outros co “colmo” do centeo, e, tempo máis tarde, xa levabamos “focos”.
E don Esteban? Era veciño e cura do pobo, con casa no barrio de Os Veciños. Pois el tiña un sistema ben visible e que axudaba a localizalo, mentres baixaba de Louredo á igrexa do Rabiño: un farol, un farol grande que alumeaba moito, de modo que non só lle permitía ver ben o camiño, senón que axudaba a identificalo de lonxe. Notábase mesmo por parte dos que ían pola zona da Tella, mentres que o cura baixaba pola Lomba.
2. O camiño e a duración do fachuqueiro
O “fachuqueiro” duraba o que duraba e máis ou menos ías controlando o camiño para que aguantase o suficiente, porque lembra que iamos de noite. Por exemplo, os que baixabamos por Soutelo, para adiantar, ó pasar a casa do canteiro (na Telleira), tomabamos á dereita, por un carreiro, que por entón estaba limpo e deixábanos ante as “portas grandes”. Tal nome recíbeo unha curva que hai, vindo de Soutelo, antes de chegar á “fonte dos tornos”. Se lograbas que o lume durase ata esa zona, xa podías apagar tranquilamente os restos na auga da fonte.
3. A novena de san Benito e a Coresma
Como a novena a san Benito do Rabiño caía en Coresma, don Esteban permitía que todos os fregueses de Louredo e san Benito, se querían, podían comer carne o venres. Por entón era cousa seria e os curas repetíanche que comer carne en venres de coresma era pecado mortal. Pois o noso párroco tiña esta relaxación da norma para ambas as parroquias, que por entón eran unha: san Benito a matriz e Louredo a anexa, aínda que o sacerdote vivía en Louredo, por ser de alí e ter casa.
Se coincidía, podiamos comer carne ese venres de coresma. Pero, ollo, que despois había máis coincidencias e tocaba sacrificarse. Por exemplo, caía san Xosé durante a novena. Pois se cadra botabas un bo intre longo na igrexa porque tocaba a misa correspondente pero logo, tamén, o exercicio devocional do Via Crucis. Ah, e a novena, claro, que tamén leva un bo rato o seu rezo.
4. As tormentas dentro da igrexa
Un recordo estarrecedor é o das tormentas, que había veces que parecía que o templo se viña abaixo. E viña bastante xente, sobre todo, os festivos que se enchía aquilo. E adoitaban chegar todos a pé, que nin o cura tiña coche, aínda que logo acabou comprando un “biscuter”.
5. Empanos e exvotos
Hoxe en día non se ven, pero por entón si: había fieis ofrecidos que levaban posto un “empano”. Os “empanos” eran como unha túnica de gasa fina. E podía ser que o levasen posto desde casa, que o puxesen no destro e desen algunha volta ó redor da igrexa ou que o puxesen só para a misa.
Ó mesmo tempo, como pasa hoxe, tamén estaban os que portaban algún exvoto de cera.
6. Lembranzas do día da festa
Os maiores lembran a expectación dun día de festa como o de hoxe, cos seus ollos infantís vendo pasar desde Zaparín ou Fustáns a tantos e tantos entusiasmados veciños, todos cara O Rabiño. Moitos a pé, algúns en cabalería, aproveitando os camiños e atallos dos montes, seguindo sendas como "a dos arrieiros", que baixaba pola zona da Buratiña.
Lembran: A min acórdame, tal día coma hoxe ir po monte á mañán cedo, que ibamos e despois baixabamos pa san Benito ver baixar tal cantidad de xente. Daba gusto velos baixar. Desde o alto víase a vía do tren, cando pasaba por Filgueira. Moita xente nunca o vira e alá subían cos rapaciños para ensinarllo dende lonxe. Pasaban moitos mercancías e dicían: mira cantos canastriños leva! Cada canastro era un vagón.
E tamén: O día da festa moitas familias quedaban a comer na contorna da igrexa. E tamén debaixo das viñas que había ó lado da funeraria. A funeraria que había subindo da fonte á dereita, que era unha casa que era da familia da tía Fina. E aí había unhas parras que eran do señor Viso vello e tamén se puñan alí debaixo.
7. Unha historia de 2024
En Noiteboa de 2024, un terrible accidente de tráfico, a escasos metros da casa familiar, lévase por diante a un mozo de 24 anos e deixa ó seu irmán menor, de 14 anos, nos lindes da vida. Recibe alí mesmo os primeiros auxilios. Os médicos, posteriormente, comentarían que quedou a milímetros do desnucamento.
Puideron levalo con vida ó hospital, para recibir os tratamentos necesarios, e quedou ingresado na UCI, sen detectar movementos nin reaccións ante estímulos exteriores. A familia, esnaquizada pola dor, pero sustentada pola vida que había en xogo, ten a dura obrigación de acompañar a un e darlle a triste despedida ó outro.
Precisamente, durante o velorio do irmán maior, unha veciña de Cortegada, compañeira de traballo e amiga da nai, achegouse a ela e entrégalle, de corazón, unha estampa do santo patrón, confiando na intercesión e na fama de “milagreiro” do santo abade. A súa idea era que levasen a estampa e a colocasen xunto ó accidentado.
Cal non sería a sorpresa, cando ós poucos minutos, é a mesma nai que recibiu a estampa, a que lle dá un regalazo á fiel! O seu fillo, de catorce anos, ingresado na UCI e sen reaccionar desde o accidente, acaba de realizar algún movemento, o cal era un raio de esperanza no medio de tal furacán emocional. A escena foi tan sinxela como rápida: a entrega da estampa e, ós pouco segundos, a chamada coa noticia dos primeiros indicios de recuperación do fillo.






No hay comentarios:
Publicar un comentario