Vellos papeis arquivados en casa e… na Rede!
sxlouredo.blogspot.com
Hai uns cantos números parábame eu a pensar e escribir que nas nosas casas gardamos vellos papeis. A veces non teñen maior interese, pero noutras ocasións atopamos recordos e historias que só eles acubillan. Papeis que falan doutros tempos e persoas, pero nos que podemos atopar parte do que hoxe somos. Polo tanto, lembranzas que compre non perder e si revalorizar. Sobre todo, hoxe, cando temos tal cantidade de contidos e informacións, podendo perdernos no que outros aportan, mentres esquecemos o que nós temos máis a man.
Neste tempo no que as noites medran, ben podiamos seguirlle a pista a eses tesouriños persoais e familiares dos que quizás perdemos a pista hai tempo: escrituras de propiedade, planos, antigas fotografías, os cadernos do colexio, cartillas “do tempo da guerra”, cartas, postais, diarios. Un exercicio de memoria e de recollida que nos pode levar a ordenar todo e gardalo máis á vista. Por exemplo, colocando as fotos familiares e álbumes que colocaremos en estanterías á vista dos da casa, en lugar de telos escondidos en caixóns. Un traballiño que ben se podía complementar con textos. Por exemplo, pondo xunto cas fotos notas onde se conta o que se retratou, ou adxuntando cartas ou postais da época. Porque non sempre teremos preto ós protagonistas alí inmortalizados, pero ben que podiamos conservar a súa memoria un pouco máis alá da nosa.
Xa non vos digo nada se as cartas e fotos falan de feitos sociais ou de pertenza a grupos. Porque non sería raro que haxa páxinas ou foros onde se busque información daqueles anos. Se non me credes, pegade un ollo só a cantos grupos hai en Facebook dedicados ós que fixeron a “mili” no Sáhara español… e xa choveu!
Do papel, xa sexa folio, xa fotográfico, imos pasando á Rede, esa realidade á que nos acostumamos e que se nos fai tan cercana, inda que non se inventou hai tanto. Hoxe podemos acceder a moito información dende o teléfono e sabemos que nós mesmos podemos aumentala se lle dedicamos un tempo. Por exemplo, compartindo algúns textos e imaxes. Vímolo cando vos escribín sobre Galiciana e tomabamos conciencia que Internet non ten todo e cada un de nós pode ser axente activo en completar as lagoas que atopamos.
E se queremos cambiar un pouco de actividade e buscar, en lugar de aportar? Pois eu recoméndovos unha ferramenta moi interesante. Trátase de Galiciana, un lugar onde atopar múltiples referencias á nosa terriña e que vos pode deparar máis dunha sorpresa. Dígovolo eu, que só da miña pequena aldea de Louredo, concello de Cortegada, atopei unha chea de referencias da prensa e algunhas literarias. É unha marabilla de arquivo, onde podemos perdernos durante horas a debullar novas, esquelas, referencias e quizás fotos. E como ofrece ligazóns, podemos compartilas con outros veciños.Quen sabe! Ata podemos desbloquear recordos ou completar parte da tradición oral local.
No hay comentarios:
Publicar un comentario