Dende hai pouco coñezo a pequena biblioteca municipal de A Ponte. Situada no edificio da (inda pechada) praza de abastos, é unha institución que vai medrando, alomenos en canto títulos se refire. Cada vez queda menos espacio nas súas estanterías e aumentan as posibilidades de atopar enxundiosos escritos. Recén renovado o carné de socio, eu xa atopei un: 'Mestres do terror', publicado por Urco Editora no 2010.
A proposta dunha serie de relatos é interesante, pois son breves e uns amosan o arte de escritores recoñecidos, outros descúbrennos dimensións descoñecidas de famosos noutros xéneros e non faltan os que poñen en movemento textos fóra das recomendacións populares. Así, a proposta deste libro de 200 páxinas é presentarnos unha colección de relatos dos seguintes autores: Aluísio de Azevedo, Ambrose Bierce, Poe, Guy de Maupassant, Lovecraft, Humberto de Campos, Rubén darío, Thomaz Lopes e Willian Hope Hodgson. Dez son os textos.
Un detalle interesante é que o selector vive en Brasil e concebíu a obra como unha recopilación de autores que escribían ou foran traducidos ó portugués, cos ollos postos en Galicia. O libro bebe desa iniciativa, pero está en galego. Lembrades que aí atrás vos falara da preciosa iniciativa de traducir a Lovecraft á nosa lingua nai? Pois este libro é un paso máis para fornecernos de boa literatura de horror no noso idioma. Aquí tamén lle fan un oco ó ermitaño de Providence, ofrecendo o seu breve "A tumba": un descenso á loucura e a unha solitaria tumba na cal o protagonista será enterrado cando morra, inda que xa en vida entrou (ou imaxinou) vivir nela e coñece os segredos dos mortos.
Quen abre a obra, e faino con dous relatos, é Ambrose Bierce: "A estrada ao luar" e "Aceite de can". Na primeira asistimos ás terroríficas declaracións dunha familia na que a morte fai acto de presenza de modo violento e con nocturnidade. A pesar de todo, a existencia como espírito da esposa asasinada entre as sombras da súa propia casa, non é nada comparada ca que vive como ente desencarnado, só capaz de comunicarnos parte da súa sombría existencia mediante un médium. E que dicir da segunda entrega? Unha familia especializada nun negocio tan escuro como alentado por doutores e xente da alta sociedade.
"O defunto", de Thomaz Lopes, acércanos á terrible experiencia do enterrado vivo. Nun mausoleo pétreo irá experimentando luz e sombra, resignación, loita e loucura. "A man disecada", de Guy de Maupassant, é un clásico no que a protagonista é unha vella e defunta man. Poderá o seu criminal, e tamén defunto, dono seguir cometendo maldades con ela? Non sería mellor que quen a comprou a depositase na tumba de quen a usou para matar en vida? "Os ollos que comían carne", de Humberto Campos, é un vistazo ó desastroso final de quen ansía ver, ou recuperar a vista gracias a unha novedosa operación, pero non acepta o rango de frecuencia co que lle afinan o nervio óptico. Rubén Darío aparece co seu "A larva": unha curta aventura dun mozo que desexa saír de serenata, fuxe de casa e atopa un misterio de apariencia pútrida.
"Unha voz na noite" é o relato de Willian Hope Hodgson. Na escuridade do mar, unha voz pide comida e, despois, conta a súa triste historia de degradación física nunha illa cercana. Sobrevivindo, el e a súa dona, a un naufraxio, chegan a unha illa. Alí, unha mancha gris, un fungo indestructible, vaise facendo con todo o que ven, ata con eles mesmos. O seguinte texto é de Edgar Allan Poe, inda que na páxina 137 poña que é de Hope Hodgson (no índice aparece ben a autoría). "Sombra... Unha parábola", catro páxinas onde un grego nos advirte da morte cercana, da existencia triste tras do pasamento. Rematando a entrega, "Demos", de Aluísio de Azevedo, unha lea de imaxinadas situacións que comezan cunha parella de namorados que sobreviven ó fin do mundo e non buscan senón morrer xuntos no mar, mais non alcanzan máis que unha e outra transformación física, moral e mental.
No hay comentarios:
Publicar un comentario