jueves, 27 de octubre de 2016

A Tropa Korriban en misión ourensana.

A Tropa Korriban é unha asociación sen ánimo de lucro que reúne a fans de Star Wars, principal, pero non unicamente, de Galicia. Por este blog xa pasaron catro dos seus membros en distintas ocasións, xa fose para presentar un novo vestido ou para responder a unha entrevista ou falar do mundillo fan. As súas verbas quedan unhas entradas máis abaixo e poden darvos máis idea de quen son e que fan. Eu falo dende o meu coñecemente persoal e do trato con eles, pero falo dende fóra da asociación. Se nalgunha idea sobre eles me trabuco, aberto estou a rectificar e aprender.

Ben, como asociación de fans acuden a eventos, cando non son eles mesmos quen os preparan e organizan. Hospitais, eventos solidarios, entrevistas nos medios, Imperial,... ámbitos nos que se moven cos seus traxes e encarnan a distintos personaxes da saga galáctica máis coñecida pola contorna. O amigo Blanes di con razón que eles asumen un personaxe, ca obriga de valoralo e respectalo, pois levan un uniforme, non un disfraz. Dalgunha forma, co seu porte e dedicación, alongan o eco das películas cara o mundo máis cercano a nós. 


Esa cercanía fíxose patente o pasado sábado 23 de outubro, cando estiveron despregados polo centro comercial Ponte Vella de Ourense. Algo máis de tres horas paseando entre o público ou posando para fotos. Dous escenarios fixos e tódolos pisos para andar e deixarse ver para asombro e alegría de grandes e pequenos. Nun dos postos fixos podías sacarte unha foto cun grupo deles ou elexir a algún en particular. No outro posto, unha pantalla verde permitía fotografarte e elexir despois un fondo que dese máis aire de película ó momento. Os fans cos seus traxes personalizados pasearon tamén entre a xente. É de resaltar que a beleza de velos supón traballo e esforzo. Non só o de levar unha armadura ou vestir un uniforme máis ou menos cómodo senón tamén as horas que hai detrás en canto a investigación, compras, adaptación da caracterización, perfeccionamento,... se che cadra, párate e pregúntalles cando os vexas. Pode que che falen do calorciño que supón levar unha armadura de soldado imperial, ou da incomodidade de trafegar con capas e capas de tela que compoñen un todo orgánico, ou dos repostos que vas precisando co tempo, ou da dificultade de atopar certas telas,... Hai moita vida detrás dunha caracterización, sempre que estea ben feita e con ánimo de impresionar. Tamén che dirá máis de un que unha cousa é porte calquera trapo enriba e disfrazarte e outra é currarte un traxiño decente e vistoso.

Para pertencer á Tropa ti escolles un personaxe e valo encarnando o mellor posible. Despois, asumes ese con maior detalle ou vas aumentando os traxes e nomes. A idea é parecerse o máis posible ó que sae en películas, cómics ou videoxogos. Valorar o personaxe, recordemos. Pero sen caer nun fundamentalismo tal que che faga olvidar o bo humor e as ganas de pasalo ben e compartir unha afición. 

Jedis varios, Anakins entregados ó Reverso Tenebroso, rebeldes, troopers, oficiais,... foron pasando polo centro comercial acompañados dunha grande sorpresa: un R2D2 fabricado en Galicia. E feito por un mozo que, ó remate da misión, nos deleitou cuns cantos temas clásicos do Rock, no que non faltou o Dolores Se Llamaba Lola dos nosos Los Suaves. El tocaba a guitarra eléctrica e o robot bailaba. 

Para a hora da cea estabamos case todos listos para compartir mesa e impresións, cerrando o evento as verbas do presidente da Tropa Korriban, Manu, e as de Miguel, apodado Líder Bleins. Palabras de agradecemento e de reflexión sobre a vitalidade da Tropa, as ganas que moitos dos seus membros lle botan e os desexos de novas incorporacións que continúen o fantástico mundo do que na nosa terra se coñeceu, alá polo fin dos anos setenta, como A Guerra das Galaxias.  


Vídeos do evento.

1. Entrada.

2. R2D2 bailongo.   



Algún dato curioso...

... foi a presencia de nenos. Non chamarían a atención se estivesen do lado do público pero resulta que estaban caracterizados, xunto cos maiores da Tropa. Asociación que non sabe de idades...
... o R2D2 é o primeiro destes lares que se constrúe con material reciclado. A autoría é de Edu, un rapazolo que lle botou ganas e catro meses de traballo, con axuda de maiores, para ter un droide móbil como o das pelis...
... e o artefacto movíase, controlado dende un móbil...
... e bailaba...
... Ourense conta cunha boa canteira de mozos que xa teñen traxe e que quizás pronto vexamos como membros de pleno dereito da Tropa...
... a Tropa realiza misións, que consisten na participación dos seus membros en eventos solidarios ou de promoción relacionados co mundo fan de Star Wars...

... pasaron moitos ourensanos polo lugar, entre eles Fernando Calvo, guitarra de Los Suaves...

... e moitas gracias a cantos organizastes e montastes os escenarios onde se sacaron as fotos. Tamén a cantos estabades no photocall do Croma verde, pondo e sacando capas jedi, dando e recollendo os sables, tomando nota dos datos e atendendo a cantos foron buscar un escenario de película.

No hay comentarios:

Publicar un comentario