lunes, 17 de octubre de 2016

Libros arcanos. O Necronomicón (primeira parte)

Unha colaboración para outra bitácora que vos traio en adianto exclusivo. :-)


Ollo cando te avisen de que un libro contén segredos que deben seguir sendo tales, cando miradas de entrecerrados ollos che marquen un alto na procura de agochados exemplares de prohibidos saberes... Ollo, que se avisan é para non desenrolar males atados e durmidos sobre un mundo olvidadizo. Porque a historia é mestra pero temos o mal costume de facerlle oídos xordos. Unha voz se escoita, silencio, atención. Provén de tempos non tan fuxidos, de séculos cercanos a nós. O lugar onde se orixinou hai que buscalo en norteamérica, nunha casa de ventás que incluso a pleno día están a medio cerrar. Alí poderemos escoitar mellor ó chamado "ermitaño de Providence". Home que semella tímido e calado, de mirada imponente que reflexa mundos máis alá deste. Coñecémolo polo seu apelido pero ben se merece que o nomeemos: Howard Phillips Lovecraft. Si, pasa moito tempo na casa que o viu medrar e que testemuña a morte dos seus seres queridos. Pero non te quedes con esa imaxe. Gran escritor de cartas, os seus amigos falaban del cun cariño enorme dicindo que nada tiña de estrafalario senón lóxico e cercano.

Nalgúns dos seus escuros relatos veremos citado un libro cuxo título teriamos que pronunciar polo baixo: Necronomicón. Presentade tal verba ó voso profesor de clásicas, pois varias son as interpretacións, todas elas coincidentes en que se fala de imaxes e leis referidas ós mortos. Nunca coñeceremos o seu contido. Nunca. Lovecraft deixou moi claro que nunca o escribiría, que os seus relatos contan innomeables experiencias relacionadas con deuses tolos que un día nos domeñaron e hoxe están tentando regresar dende as estrelas ou dormen no fondo do mar, agardando unha propicia conxunción estelar e sacrificios humanos acompañados de arrítmicos cantos. Houbo quen buscou ese libro e houbo quen se atreveu a imaxinalo e polo por escrito. Quen sabe... quizais insensatos que non remataron mellor que os aterrorizados protagonistas dos relatos lovecraftianos.
Si, prestade atención ás súas historias para contemplar o cósmico terror que cae de improviso sobre aqueles que queren saber demais e viaxan a decadentes pobos do interior de Nova Inglaterra. Descubride como o autor do Necronomicón toleu e desapareceu ante os ollos de quen pasaban cerca del, o chamado "Árabe tolo", Abdul Alhazred. Lovecraft deixou caer fragmentos dun libro que aterra só con nomealo. O seu contido atrae descontrol, forzas escuras que non podemos dominar nin comprender. Non achega luz e coñecementos senón escuridade, tolemia, morte.

Quizás si poidas achegarte ós relatos de Lovecraft e agradecer ós ceos que o Necronomicón fose perseguido e non quede del máis que recordos soltos. Si, adéntrate nas historias do ermitaño de Providence para saborear unha mitoloxía moderna que fala de deuses sen forma, de escuros portais cara a loucura, de viaxes no tempo e no frío espacio, de civilizacións megalíticas que mataron por deuses de impronunciables nomes.

As estanterías desta biblioteca ben poderán surtirte... pero reza para que non sexa o próximo título un esnaquizado libro de negras tapas e gastadas follas en latín, impreso en España no século XVII, traducción dun arcano libro anterior que se lía en grego pero fora orixinalmente plasmado en árabe...

No hay comentarios:

Publicar un comentario