domingo, 29 de enero de 2017

Pena de novena.

Aí atrás fixen votos de reescribir a novena a san Xoán bautista, patrón do meu pobo natal, Louredo. Imaxinaba os cambios posibles cas súas adicións que a podía actualizar e enriquecer. Imaxinaba ter nas miñas mans o libriño antigo e desgastadísimo que me dese as pautas peeeero non puido ser. Preguntado o noso administrador parroquial tróuxome a fotocopia da que xa tiña falado. O libriño sabe Deus se non se perdería ou, visto como estaba, se gardou xunto a outros tesouriños como misales antigos e devocionais.


As follas que agora teño á dereita, dispostas para ser transcritas, repasadas e actualizadas, son a fotocopia que hai anos fixo doña Nicasia para a novena, de maneira que o libriño da novena non se desfixera totalmente e mellorase a lectura. Eu tiña copia dixital delas. E pouco che cambiaron dende que as fixen. Máis gastadas, si, e cun par de añadidos.

Estas follas fotocopiadas e grapadas no seu marxe esquerdo teñen un escrito, imaxino que de don Manuel, o actual sacristán, co esquema de lectura da novena. Se non é a súa letra podería ser de doña Nicasia ou dunha tía miña. Tamén levan unha pequena nota manuscrita... ca miña letra. 

Recordo que cando me ocupei eu da novena fixen esa anotación para que calquera devoto puidese dirixir o rezo cas fotocopias ou o libro. E fóra deso non vexo maiores cambios, sacando o mentado desgaste. A fotocopia dá fe de follas xa consumidas polo tempo e o uso. Agora toca darlles un novo formato e preguntar se o libro está na sacristía.

Ca novena diante doume conta das posibilidades reais e os cambios que serían aceptables a nivel popular. Polo pronto, a sección en latín e os Gozos do finais son eliminables, por non ser nunca usados. O Benedictus tampouco nunca o recordo rezar durante a novena, así que fóra. 

O esquema de lectura ata o de agora, dende que o recomendei así, é:

1. Oración para tódolos días.
2. Reflexión do día.
3. (Segunda) oración para tódolos días.
4. Petición en silencio e rezo do Noso Pai, Ave María e Gloria (unha sola vez, que antes rezábanse máis, creo recordar)
5. Oración final.
6. Himno ó santo. 

Con esto diante só se me ocorre (e será a terceira vez que volvo sobre o asunto e fago cambios) facer unha versión da novena que se rece completa cando se faga sen Misa e que, no caso de ser con Misa, se seleccionarán as partes debidas. Por exemplo, o normal sería comezar a novena cunha sinxela e breve petición de perdón. E a adición dunhas peticións, como poden ser algunhas do Oficio. Cando se reza despois da Misa esas partes poden obviarse. Tamén Incluiría o himno que hai anos diseñaron uns afillados do entonces párroco, don Esteban.

No meu maxín queda rondando a idea dunha sinxela novena a semellanza desta que, co tempo, aumentaría ata quedar unha obriña xeitosa de devoción e liturxia, contendo a novena, parte do Oficio da solemnidade e algunha reflexión extraída do maxisterio eclesial. Para a novena diaria, con Misa, bastaría a novena sen máis pero para os enfermos, os devotos na súa casa, os veciños que despois marchan e a levan consigo, estaría xenial unha obra máis completa e longa, que incluíse recordos, parte da historia do santo e Louredo, quizás ilustrada con fotografías.

Por diante teño o traballo da transcripción. Despois, co resto de material que xa recollín sobre o precursor, elaboraría un complexo maior para polo a discreción do noso sacerdote.

Transcripción e buscar algunha fonte tipográfica que imite letras antigas pero ben lexibles... 

Como un par de detalles sobre o escrito, dicir que era de 26 páxinas, das cales non temos hoxe, nas fotocopias, a 2 e 3, pasando da portada á 4. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario