Cruceiro da Alfarrapa |
Notas sobre os cruceiros de san Xoán de Louredo
A historia dos cruceiros de Louredo inda está por escribir, así como unha catalogación completa de tódolos de Galicia. Esta misión estana levando a cabo moi ben dende o grupo de Facebook e páxina web Cruceiros de Galicia, con aportes practicamente a diario. De feito, os cruceiros de Louredo xa foron recollidos no seu espazo. Eu quero acercarvos algunhas memorias que os veciños gardan deles e invitarvos a que os visitedes. Algúns nomes de barrio ou lugar poden diferir minimamente da nomenclatura toponímica oficial, pero reflexan a fala popular louredesa. As miñas fontes son as dos veciños consultados, sendo meus pais os primeiros.
San Xoán de Louredo é unha parroquia do arciprestado de Ribadavia, un pobo pertencente ó concello de Cortegada, na diocese e provincia de Ourense. Sen unha especial significancia actual, é un lugar onde se atopan varios restos prehistóricos sobre pedra, a entrada dun pazo con escudos familiares moi desgastados e tres cruceiros de similar factura, ademais dun peto de ánimas, a igrexa parroquial e os restos, desacralizados, da antiga igrexa. No tema dos cruceiros tamén hai que sinalar os restos dun cuarto.
Cruceiro do Tabolado, na confluencia de tres camiños
Onde atopamos os cruceiros e que din deles?
Cruceiro da Torre |
Situados na beira dun muro dunha viña, no lugar do Pireiro, estes anacos dun vello cruceiro son o testemuño máis antigo dun cruceiro en Louredo. Este situábase na Alfarrapa, preto da Telleira, e é un modelo único no pobo. Dispuña das imaxes do Crucificado, no alto, por riba dunha caveira, ós pés da cruz, onde estaban dúas imaxes máis: san Xoán e a Virxe. Digo que é único porque os cruceiros que viñeron despois son todos moi parecidos entre eles, sen imaxe algunha.
Este vello cruceiro caeu por mor dun carro que chocou con el, segundo unha versión, ou foi derribado por algúns republicanos en datas cercanas ó alzamento nacional, segundo outra fonte oral. O párroco, don Esteban Viso Rodríguez, decidíu por os restos no muro da súa viña, ben visibles, e restauralo. Nunca pasou tal. Levantouse un novo cruceiro. Os restos están ben visibles no muro da antiga viña de don Esteban, enfronte dun cruce de camiños, así que poden visitarse e fotografar con toda facilidade. Incluso, unha rota de sendeirismo transcorre ó seu lado (Louredo-Meréns).
Restos do cruceiro da Alfarrapa colocados no Pireiro |
O actual cruceiro da Alfarrapa é contemporáneo do situado no cruce de Refexón e O Tabolado. Ambos son obra de don Juan Míguez Domínguez, por ofrendas relixiosas persoais. Anterior a eles é o do barrio da Torre. Os tres compóñense de pedestal, fuste octogonal e cruz. Non teñen imaxes. Só no da Torre se aprecian ilexibles inscripcións na súa base. Sería o modelo no que se fixaron canteiros do pobo para tallar os outros dous?
Detalle do pé do cruceiro da Torre, con inscripcións |
Actualmente, só o do Tabolado se atopa nun cruce de camiños, estando, por un lado, o que vai cara o barrio de Louredo, por outro cara O Tabolado e, en baixada cara o pobo de Remoíño, o camiño de Refexón. Os outros dous están á beira de sendos camiños. Curiosamente, os anacos do cruceiro primitivo están nun cruce de catro camiños.
Cruceiro da Torre na ubicación actual |
Están os cruceiros onde foron levantados orixinariamente?
Respecto dos lugares orixinais, os veciños gardan memoria dalgúns cambios. Mentres que o da Alfarrapa se construíu no mesmo lugar do anterior e o do Tabolado alí se montou, o da Torre foi removido hai anos, para ser colocado no lugar que actualmente ocupa. Situado, orixinariamente, frente á casa da “raiana”, a uns cen metros de onde o situaron, levantouse para poder anchear o camiño.
Exemplo dun cambio de lugar: o cruceiro da Torre
Maxia e devoción
Relacionado cos cruceiros, queda memoria dunha acción salutífera, de corte máxico. O caso é que se un neno sufría do enganido (noutros lares chámanlle tangaraño), a nai debía levalo ata un cruceiro, sentarse e collelo no colo. Da casa debía levar cordel e coitelo, de modo que atase ó pequeno de pés e mans. Iría cedo, antes de romper o día e non debía pronunciar palabra algunha. Á primeira persoa que vise entregaríalle o coitelo, sempre en silencio, e o viandante, sen abrir a boca, debía cortar as ataduras. Deste modo, o neno regresaría san ó fogar.
Outro recordo afecta ó cruceiro da Torre, cando estaba no seu lugar orixinario, pois ata alí chegou un pai predicador, quizás redentorista, e a feligresía para rezar, dentro do ámbito dunha misión popular (seguramente, en tempos de don Esteban, o párroco).
Cruceiro da Alfarrapa, a un paso do da Telleira |
Do cruceiro do Tabolado contan que iba un louredés cara Remuíño, cargado co saco de grau ás costas e que se atopou cun home ó pe do cruceiro. Quentábase cun pequeno lumiño. O louredés pasou deles, sen saudar sequera, e cando enfilaba cara Refexón, ca idea de percorrer o mesmo camiño que antes recorrera o pai Sarmiento, o descoñecido dirixiuse a el: Home!, xa que non me saúdas a min, alomenos faino con este! (referíndose ó Crucificado). O outro seguiu pa diante, cara os muíños do Inquiau. Cando voltou, tivo curiosidade e parouse ante o cruceiro: nin atopou rastro do home nin do lume. Seica era o demo, que tomou apariencia humana e lle deu un devoto consello! Si, unha historia curiosa, porque, por exemplo, o cruceiro non ten imaxe do Cristo, pero si soe saudarse (depois volo conto). E que o demo ofreza cristiáns consellos... ben, tampouco nos debería estrañar, pois na Biblia xa se di que el cre en Deus (Sant 2, 19:Ti cres que só hai un Deus? ‑Fas ben, pero iso tamén o cren os demos e mais tremen) e no Ciprianillo hai algunha historia onde marca límites morais a actuacións do buscador de tesouros ocultos, mediante artes máxicas.
Cando se pasa diante dun cruceiro, os nosos maiores ensináronnos que debe saudarse cunha oración ben coñecida (forma parte do rezo do Via Crucis): Adorámoste, Cristo, y bendecímoste, que por tu santa Cruz redimiste el mundo.
Cruceiro do Tabolado, no inicio do camiño a Refexón |
Os cruceiros particulares de Louredo
Agora xa sabedes un pouco máis sobre os cruceiros de Louredo. Vinde velos!
#SXLouredo
No hay comentarios:
Publicar un comentario