Que desolación e carraxe queda no aire cando remata o tema VIII de A essência do Abismo! 'Na memória do esquecimento' non mellora a situación, senón que é unha firma e confirmación do fin. Chegamos ó fondo do ciclo
tripartito, acompañando ó cantor nos seus derradeiros instantes. Podemos
vivilo como o fin dunha etapa, dunha maneira de contemplar, da mesma
vida ou da consciencia que se separa e esmorece.
Xerión,
banda ourensá de Metal extremo en galego, foinos levando da man cara o
máis escuro e frondoso da contemplación dun mundo que se cae sen
remedio, arrastrando a propios e estraños, transformando a mirada dos
inocentes nun murmurio de pesadas ladaíñas que claman peste, morte e
cegueira. O disco, dividido en tres niveis conceptuais, condénanos a un
paseniño descenso cara o silencio. Tres chanzos nos que pasamos da
contemplación ó esquecemento, triste escaleira que remata na nada dun
discurso estremecedor e inconexo: as últimas verbas son frases curtas,
como as dun agonizante, desencantada existencia que toma conciencia,
intelectual e sentimental, do efímero pasar do gozo inefable ó
silandeiro olvido e morte.
Que
contraste respecto do primeiro tema! No inicio foi o gozo da
contemplación! A calma leda levaba ó vidente a un estado tal que podía
pechar os ollos e todo era luz. Mais, agora, no chanzo inferior dunha
existencia que vivíu o horror, os ollos quedan abertos, como se o
descanso fose descartado e a vista quedara fixa, sen vida nin obxeto de
contemplación. O mesmo sentir é unha sombra, o existir un estar lonxe
dun ser pleno, a historia murcha no recordo dun pasado lonxano e
desprovisto de atractivo. Coma nun fero inverno ourensán, podiamos
imaxinar todo xeado, despois do incendio da ira e a guerra, preconizadas
nos temas anteriores.
A
mesma melodía nos desola ca cadencia dun tema onde a voz do cantor é
distorsionada, profunda, apenas incomprensible, seguindo a estela e
potencia dunha banda do Negro Círculo Minhoto, VKR. Esta banda, na que
participa Nocturno, usa da distorsión de voz e instrumentos, en
diferentes intensidades e ocasións. Venme á mente o seu disco Fillos da
Ira, onde ese efecto me transmitía os ecos dun mundo anegado pola
radiación e a estática. Penso que podiamos ter unha imaxe similar, de
corte post catastrófico, para este tema IX de Xerión.
Non sabemos que aconteceu, pois, coma no libro das Revelacións cristiá, non se narra a batalla, mais si sabemos do seu acercamento e do resultado da desfeita. O mesmo sucede neste 'Na memoria do esquecimento'. Adentrámonos nas imaxes dunha fraga e dun sentir humano ata chegar á desfeita e ó boquexar. Quizais o mundo foi destruído e arrasado, quizais só a localidade do poeta se veu abaixo, e ata pode ser que todo permaneza igual e o único que se derrubou foi o propio cantor. As lecturas son variadas e aquí reside parte da forza do tema: que o podemos aplicar a diferentes niveis, dende o macrocósmico ó máis íntimo. De todas formas, no maxín seguiranos a rondar esa distorsión eléctrica dunha voz que máis semella agora un eco do pasado, un tizón que se apaga entre xeados campos de desolación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario