miércoles, 28 de agosto de 2019

"Liçom de tebras", Xerión, 2019

"Liçom de tebras", dos ourensáns XERIÓN.

Enfilamos cara o máis profundo do abismo, acubillados nunha escuridade e friaxe que só acenden a carraxe polo mal e a ignorancia que nos arrodea. O oitavo tema do disco de Xerión é unha reviravolta ó camiño iniciado un par de cancións antes. Estamos no penúltimo canto titulado do cd e no, tamén, penúltimo chanzo da sección do "Abismo".

Non nos abandonan as imaxes da fraga nin do ceo, dándonos a entender que estamos onde comezamos. No mesmo lugar, podemos imaxinar, mais non ca mesma actitude. Lonxe queda a beleza inefable do inicio, as místicas referencias que a natureza transmitía nos primeiros cantos. O bardo esmorece ante un entorno que mudou de faciana e ante o arrebato de forzas internas que o levan á violencia. Maniféstase a sombra da creación onde antes alborexaba a plenitude do belo e sabio.

E as miradas? Tinguíronse de escuro, pero non perderon profundidade. O mirar cara o alto é agora motivo de asombro, mais tamén de pérdida no valeiro inmenso. O "sentimento oceánico" no cosmos xa non se viste de plenitude, senón de pérdida, de desconcerto e falta de agarre. A negrura non só invade o hiperuranio. Inda máis, baixa cara o cantor coma unha escura e mesta chuvia de tristura. Un sentimento que callou no músico. Imaxino que os "silandeiros sons/ Que escrevo/ Na cortica de árvores confusas" son letras, ata partituras!, de cantos levados pola escura violencia cara o seu culme no afundimento da loucura... ou da morte. 



As árbores foron antes comunicadoras de luz e agora son o soporte dun calado recordo de males. Podiamos imaxinar como estes gravados, letras ou notas en pentagramas apretados, van medrar conforme a natureza se desenrole. Que pasará con elas? Acabarán perdendo a forma algún día, voltándose ilexibles, ou medrarán mantendo a integridade e informando o espírito de cantos as lean no futuro? Nestas gravuras vexo a segunda mirada, a que antes gozaba dun especial estado de gracia no medio da natura. Agora semella un medio de medo, onte atopalo e onde deixar mostras del.

A terceira mirada ven xa, no terceiro parágrafo, onde se expresa a alma do cantor e se invirte a potencia do lume nun sopro de frío. A sintonía negativa segue a danzar entre os ceos e o espírito, co entrelazamento da natureza nocturna e adversa. Apagouse o "inmutável" que inda refulxía dous cantos atrás? Iso semella. Agora arde a carraxe e fai acto de presencia o calor do incendio da paixón destructora. No paso dun parágrafo cara o outro invertiuse a polaridade do sentir e do frío naceu un calor que fala de morte. Podemos imaxinar que chove en torno, que a negrura da noite segue apertando con forza, mais o bardo agora arde na febre que consome con ansias, convertindo a auga en lume e os estremecementos en laios de vinganza. Estoupa quen antes era parte dun todo harmónico e antigo, invoca o druída forzas escuras que traerán a catástrofe.

Ou esta xa chegou e o invocador non fai máis que pedir un maior despregue da mesma? Non queda espazo para o recordo, para a historia antiga e a lenda. Non. Só queda chamar polo esquecemento, pola perda de senso e identidade, no preludio dunha sanguenta batalla que traerá máis perda da memoria e o ser. Estamos baixando tanto nesta sección abismal que se respira con dificultade xa...

No hay comentarios:

Publicar un comentario