viernes, 16 de agosto de 2019

'Prima lvna', 'C.P.U.P.C.' e 'A essência do Abismo', Xerión, 2019

Despois de adentrarme na experiencia de escoitar os dous primeiros temas do disco 'A essência do Abismo', dos ourensáns Xerión, dou un paso cara o grupo dos tres instrumentais. Conceptualmente, son composicións que pertencen a dous estadios diferentes. 'Prima lvna' e 'C.P.U.P.C.' son os temas finais da primeira parte, denominada "Essência". 'A essência do Abismo' é o único tema dunha parte sen título, conformando o centro do disco, co número V de pista. 


Para situarse, as partes son tres: "Essência", (sen título, ou só título da composición) "A essência do Abismo" e "Abismo". Cada unha delas, excepto a central, confórmanse con catro composicións. Na primeira, as dúas primeiras inclúen letra, mentras que as últimas son instrumentais. A central, cun tema único, é instrumental. E as catro da terceira parte son cancións todas. Deixamos fóra do reconto a pista innominada final.

Coller os tres temas instrumentais, atendendo só á súa natureza, obviando a división conceptual, é arriscado. Pero a sintonía que se establece entre eles pode darnos unha nova perspectiva de disfrute. Vounos tratar aquí xuntos, seguindo o meu sentir tras escoitalos repetidas veces, máis respectarei as divisións do autor para poder comprendelos mellor e descubrir a riqueza que aportan.

Que supón iso? Supón subirse a unha montaña rusa de sentimento, a un ciclo de contemplación externa-interna, abrirse ó histórico macroscópico e ó intrahistórico persoal. É a miña impresión.

Nun primeiro movemento ascendente, os sons de 'Prima lvna' lévannos máis aló de nós mesmos, supoñen un vistazo ó que nos rodea, tanto da natureza dos primeiros temas como da historia épica que se adviña nas "quedas pedras/Que agocham o labirinto" e as "velhas lendas e histórias" (K.L.Z.). O tocar do Rei Celta No Exílio aporta esa epicidade, que se viste de morriña. Os graves de 'C.P.U.P.C.' axudan a afondar nun mesmo, no propio mundo inefable que nos descubre como misterio. Xa non só conta a contemplación da natureza e a historia, senón que importa descubrir o propio, o persoal. Non hai desconexión entre ambas dimensións, pois o cantor unifica as miradas cara fóra e cara dentro. Esto xa se le nas verbas de 'Na procura da essência'.

O terceiro tema instrumental supón un alto, como se chegaramos a un alto ou a un lugar de especial beleza, onde un pode parar e calar. Só existe o mirar, a contemplación sen obxecto, o disfrute sen exaltación, a calma viva. 'A essência do Abismo' é a única composición desta parte central, é un belo tema onde os instrumentos modernos semellan vibrar con antigas melodías, como se unha cantiga medieval renacese nunha guitarra eléctrica, ca esencia melódica dunha era pasada e aportes actuais que nola fan cercana. Pode o protagonista, podemos cada un de nós, facer un alto, calar e sentir un algo que non poderemos explicar, mais si sentir. O final do tema, ca súa harmonía e silencio sostido, son unha perfecta evocación desta suspensión existencial. Dalgunha forma, camiñando, escoitando o que a natureza, a historia e a consciencia nos din, achamos a paz. Inda que só sexa un instante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario