lunes, 26 de agosto de 2019

'O augúrio do Imutável', Xerión, 2019

'O augúrio do Imutável' é o sexto tema de A essencia do abismo, de Xerión, banda que fai Metal Galaico Extremo. Abre a terceira parte do disco, intitulada "Abismo", e supón o descenso cara o escuro da humanidade.

Atrás queda a contemplación do micro e o macrcosmos, alomenos de xeito positivo e místico. Agora, a ollada descobre a ignorancia e a violencia, a perda do trascendente nos elementos. Seguen diante do cantor a Lúa e a fraga, mais non evocan afoutas imaxes de inefable resplandor. Agora é o lume o que arde. Un lume que fala de loitas, de carraxe que contamina e mata, da ira que revolve as entranas e cega a razón. O perigo atísbase na lumieira que antes era luz e calor de fogar, trasmutada nun horrible auspicio de terror e loitas.

A manifestación da maldade ven acompañada da segreda lapa da resistencia activa. No canto e no cantor está o xermolo da oposición, da loita, a calada presenza dunha forza que, ata o de agora, non tivera actuación, pois non se precisaba dela. Musicalmente, a introducción está en sintonía cos temas anteriores. Continúa a liña instrumental de harmonías cíclicas, mais o tono é pesado, grave, case escuro. É a fluctuación que indica a cercanía do mal, o tremor aéreo que fai adiviñar a treboada, unha advertencia que se desvela con toda a forza cando a breve distorsión aguda da guitarra nos alza e unha recoñecida descarga da caixa de ritmos dalle pé ós guturais de Nocturno. 


Haberá despois un intre de calma, pero cun acompasamento que desacouga, cun silencio que nos tensa e prepara a unha nova acometida. Os graves soan a ecos dunha loita que se recrudecerá. No tema volve ollarse o micro e o macrocosmos, cunha ollada penumbrosa que contrasta ca luminosa dos primeiros cantos. Aquí os elementos cósmicos e a mesma natureza circundante perden o poder da expresión histórica, cultural e trascendente. Quedan ó alcance dun mirar cotián e desapaixoado. O micrcosmos reflicte un sentir paralelo. Xa non afonda nunha apertura mística, senón nunha concentración de acción e esperanza. O inmutable semella seguro, mais está agochado, ten poder, mais hai que rescatalo das profundidades. Ó igual que a confrontación, achégase firme, mais non despregou o seu potencial.

Un detalle que me gustou dos primeiros versos é a forza do telúrico e da acción humana. En lugar de fixar a atención no decorrer das estrelas polo ceo, visibilizando así o calendario, o poder do tempo e a influencia estelar nas cousas da terra, faise partir dos traballos e leceres desta o sentido do hiperuránico. Unha preciosa visión, así mo fixo sentir, de que a capacidade e o cambio humanizador non xorde dos lumes que arden na cúpula nocturna, senón que é o traballo feito a ras do chan o que conta, ata tal punto que lles confire significado a esas belas luciñas separadas por fríos milleiros de anos luz da nosa amorosa Terra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario