martes, 27 de agosto de 2019

'Invernia', Xerión, 2019

Debullo de vagar os temas deste disco de Xerión con alegría. A inmersión nas melodías e letras suponme un precioso exercicio que, agardo, vos anime a comprar e desfrutar este 'Na procura do abismo'. Paseniño, vou chegando ó seu fin, sentindo unha fonda sintonía con esta obra e aledándome da súa existencia.

Agora, co sétimo tema, poño un chanzo máis, que non é senón unha visión propia del. 'Invernia' é unha zancada máis no camiño do cantor cara a natureza e a loita contra os ignaros, advertida xa no tema anterior. Desta vez, a natureza queda despoxada da súa dimensión trascendente e só se manifesta fría e durmida, nun espetáculo propio de calquera cru inverno galego. Todo semella reducido ós elementos singulares que a conforman: a nube, a árbore, o lobo,... Sen conexión ca cultura nin a historia, sen posibilidade de conexión co mundo máis aló dun pechado ceo escuro. Xa non hai referencia ó cósmico.

A min evócame despoxamento, desnudez, unha volta máis ó afogamento do espíritu, que vimos sufrindo dende que entramos na terceira sección do disco, "Abismo". Se en 'O augúrio do Imutável' o cantor facíanos partícipes desa falta da anterior conexión mística ca natureza, agora só queda esta como escenario, como lugar xeográfico que percorrer, inda que descubrimos un resto preternatural na chamada que sinte o protagonista cara ela. Tamén podiamos ver un algo superior nese vello moucho de escrutadores ollos.

Todo esmoreceu ante a loita que se achega. Nin sequera temos referencias interiores do cantor. Só nos queda o recordo do "imutável" do sexto tema do disco. A natureza volveuse ameazante. Que cambio respecto dos primeiros cantos! Que esforzos, agora, para acadar ou intuír beleza e esencia nesta noite fría na fraga! O inverno chega ata o corazón, tras arrasar cos froitos vivos de árbores e estrelas. A mirada xeouse e o camiño pérdese baixo capas de neve e tebras. Mais o guerreiro avanza, pois non esqueceu a chamada. Os perigos rodéano, mais el, conscientemente, mantense firme e dá outro paso. Cabe esperar nese dragón durmido? É a única referencia a calor que atopamos. Sen embargo, a súa figura ben pode ser negativa. 



Na nosas historias e lendas é un referente negativo, xa que destrúe, queima e mata co seu alento, ata rapta doncelas. Tamén é tentador, pon probas difíciles a quen quere obter o tesouro que agocha. Dende a cultura bíblica vese como serpe e imaxe do mesmo Satán. Inda máis, e xa facendo eco do poemario 'Na noite, No silencio', de Nocturno, o dragón aparece como un elemento en contra do poeta. Volvendo á letra desta 'Invernia', que viva entre as "pedras dalém da cordura" non me supón un fortalecemento desta negatividade. O termo é suficientemente amplo como para aplicalo neste senso ou lelo como unha penumbra de trascendencia. É dicir, podemos polo en sintonía con dous significados diferentes, inda que non excluíntes. Inda máis, o dragón sería un elemento negativo e trascendente! Sería o primeiro que aparece nesta obra! Ata agora tiñamos esa dimensión como ámbito de embelesamento, máis agora enfrentámonos a un elemento activo, poderoso e negativo que habita, durmido, esa trascendencia. É unha interpretación e sentimento persoais que sintoniza ca música.

Fixástesvos onde van colocados os momentos onde Nocturno entoa, con voces límpidas, a melodía? Despois do segundo e cuarto parágrafo, despois da mención do moucho e o dragón, nos instantes nos que podiamos falar dun alén. Efectivamente, ese mundo "máis aló" das apariencias non aparece neste tema na letra, pero si o faría nas harmonías vocais do cantor. Non vos elevan esas entoacións? Non vos rompe o ciclo musical instrumental? Hai continuidade na melodía, mais non na execución: instrumentos e voz gutural van xuntos para narrar o paso do guerreiro cara o descoñecido, no medio da crúa noite, peeeeeero, cando chegan as voces limpias, o ambiente torna de senso, recórdanos a contemplación do inicio do disco, reanima o "imutável", é un sopro de trascendencia. O que non desvelan as verbas revélano as harmonías vocais.

Moucho e dragón, inda sendo contrapostos, veñen recomendarnos o mesmo: silencio, consciencia, sabedoría agochada, valor para atravesar a noite e entrar na cova tenebrosa, perseverancia.
 

Foto de Ourense, ceo tenebroso antes da chuvia, do 19-09-2020, coa letra copiada do blog de Nocturno.

No hay comentarios:

Publicar un comentario