Cantos ditos, cantos e contos relacionados con esta época se perderían! De feito, se recordas algún, deixa constancia no comentario, que faremos por recordalo. Como mostra, eu recordo o que sempre se nos dicía no momento de vendimar:
- Se deixabas caer moitos bagos: mira, neno, que había unha vella no Ribeiro que perdeu de facer 10 moios por deixar caer tantos bagos;
- Se recollías parte dos bagos que caían: moi ben, neno, que unha vella do Ribeiro fixo dez moios recollendo os bagos que lle caían.
Eso si, xeralmente, o que importaba era ir vendimando a bo ritmo, pois ou tiñas os días fixados por unha bodega para recoller as uvas ou andabas con medo do tempo: de se iba chover, ou xa chovía, e de se facía demasiada calor. O mellor era saír cedo da casa e aproveitar ata a hora de comer. Pola tarde ibas comezando polas zonas onde a sombra aparecía primeiro. Sempre con ollo de non deixar atrás nin gabias sen vendimar nin capachos ou caixas (antes usabamos sacos) perdidas.
Este ano houbo sorte co tempo, inda que veu con moita calor os primeiros días, pero foi refrescando despois. E non tivemos que atender incendios, inda que o fume dos activos na lonxanía si que nos tinguíu o ceo de laranxa.
A vendima para casa fíxose canda a da bodega (á que se lle venden as uvas). Así que a preparación da bodega de casa é o sinal de que pronto tocará ir cedo pa viña. Ben, os traballos da viña pouco descanso deixan, tamén. Nela, esfóllase un mes antes, de modo que os froitos vaian quedando á vista, aireados e recibindo o sol matinal. Na bodega hai que ter todo limpo, mollando as cubas e despexando a prensa. A limpeza da cuba e a revisión concienzuda é básica. Toda greta pequena tápase cun pouco de sebo. Non pode saír nin unha pinga de viño. Tamén se limpan e revisan as tapas de madeira da cuba, deixando a man a que coincida ca boca dela.
O traballo na viña é de comezar pola fresca, conforme se comece a ver. Ás veces vas antes da néboa matinal, que sobe dende A Arnoia ou dende Cortegada, por Refexón ou san Benito, respectivamente. Outras veces, xa tes o sol quentando o ambiente con calma. Nestes días pasados houbo sol e ceos cubertos, con brisa. Seguimos agardando a chuvia tan precisa. En resume, co tempo tirando a fresco e ca menor cantidade de uvas, os traballos desta vendima da pandemia foron levadeiros. Unha cousa boa, tendo en conta que pouca xente podes ter a traballar na viña, debido ás restricións de persoal e contacto. Ata houbo tempo de descanso despois de comer, a pesares que o refrán advirte que despois do san Roque nin merenda nin durmiñoque.
Tamén andaron a limpar polo Campo, dando moi boa impresión a zonas que pronto se enchen de herba e silvas.
As uvas vanse recollendo en caixas ou capachos (se van botar neles pouco tempo ou se vendimas e os levas xa para un camión que recolle o colleitado nun remolque). No noso caso, vendímanse por clases: selecionada, tintas e brancas. As uvas para casa písanse nunha mueja, colocada na cima da cuba, enchufada na súa boca. Tal mueja é de madeira, cunha portiña móbil de metal, unida por un cordeliño. Botas certa cantidade de uvas, pisas con botas ben limpas, tiras do cordeliño, abres a comporta e empuxas as uvas pisadas pa cuba. Naturalmente, comezan ó pouco a ferver, deixando un característico e agradable cheiro na bodega. Din os maiores que o viño a ferver e a faboca a nacer, pero este ano non coincide a cousa, xa que a faboca sae inda nunhas semanas. Esto é de cando se realiza a vendima cara inicios de outubro.
O traballo do viño na bodega non fixo máis que comezar, xa que falta trafegalo, sacar o bagazo para prensalo, ver se paga a pena buscar un aguardenteiro e inda pensar máis se se fai licor café despois, vixiar que o viño saia ben, mandalo analizar por un enólogo de Ribadavia, limpar as botellas (eso xa para o ano) e ver de embotellalo un día claro (hai tradición de non tocarlle ó viño en días de tormenta ou nublados). E disfrutalo en boa compaña ou regalalo a xente cercana.
Despois dun incendio xeitoso entre Filgueira e Cortegada, tivemos sorte de non sufrir máis. Pero os lonxanos e potentes incendios deste fin de semana trouxeron fume sobre os nosos ceos. O domingo houbo momentos que o sol chegábanos anaranxado e ata caiu un pouco de cinza na zona do Outeiro. O luns houbo intres no que o fume estaba máis presente entre as nubes matinais. Pola tarde foise despexando e o fume notábase ben menos e máis localizado. De todas, unha pena e unha traxedia que todos lamentamos. Malas experiencias tivemos no pobo hai uns anos, con incendios á hora da sesta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario