lunes, 21 de septiembre de 2020

De cando escribín un capítulo dun libro

Durante o curso 2004-05 no Seminario Maior de Ourense produciuse un acontecemento do máis interesante e único na nosa historia persoal de estudiantes. Tivemos a oportunidade de realizar unha investigación sobre as parroquias do concello de Trasmiras e publicalas nun libro!

A iniciativa partiu do noso profesor en historia contemporánea da Igrexa, rvdo. José Ramón Hernández Figueiredo. Realizando el as pesquisas máis serias e extensas, animounos a que cada un de nós escollese unha parroquia e a investigase documentalmente. Ata aproveitou algunhas das horas de clase para acompañarnos ó Arquivo Histórico Provincial e ó Diocesano. Alí foinos introducindo na arte paciente da investigación dos documentos: comezar por saber todo o que había sobre a parroquia, recoller por escrito o montante dos documentos, cas súas datas e sinaturas, seleccionar os máis interesantes e comezar a traballar, sempre cun lápiz na man. Nada de bolígrafos que puidesen manchar definitivamente calquera dos vellos papeis cos que tratabamos. 

A continuación, a bibliografía: xeral, para poder contextualizar os datos documentais, e específica, para constatar, ratificar ou rectificar estudios anteriores. Finalmente, un repaso á Rede, na busca de datos de última hora, distancias e localizacións actuais. Todo aquelo rematou ca visita ás propias parroquias, portando cámara de fotos. A idea era a de ir visitando, cada quen cando puidese, ó sr. cura delas, as igrexas e lugares máis importantes. Serviu para poder actualizar datos como, por exemplo, o estado do patrimonio, pervivencia de ritos e festas ou testemuñas de persoas vivas. 

Durante o proxecto foronse destacando aspectos posibles nos que centrarse, evitando a dispersión e a perda de recursos e tempo. De feito, fomos vendo como cada traballo debía adaptarse á cantidade de certos datos e ó estilo do escritor. Partimos de índices comúns para chegar a escritos de similar división. Así, houbo parroquias con suficiente documentación para coñecer e comparar os vellos rexistros patrimoniais ca actualidade; outras daban conta de feitos, en cadernos de notas ou Libros de Visitas pastorais; algunhas conservaban libros das asociacións e confradías, outras acumulaban lagoas documentais... As posibilidades, a inicio de curso eran variadas, de modo que non nos desanimasemos, se algún campo non se enchía con documentos, pero o que non podía faltar era a localización actual, un contexto histórico e as debidas referencias patrimoniais de edificios relixiosos, retablos, obxectos litúrxicos e festas. Tampouco podiamos obviar a referencia a fontes documentais, a poder ser inéditas, de modo que a bibliografía sobre a zona se incrementase e posibles interesados tivesen unha visión máis completa da batería de documentos dispoñibles para o público.

Nesto das fontes inéditas fixo especial fincapé. O motivo era claro: nós non eramos historiadores e os nosos artigos podían resultar nimios á vista dun profesional, pero sempre seriamos interesantes por poder aportar documentos e a localización dos mesmos. Deste modo, investigadores serios irían a tiro fixo, vendo o seu traballo de investigación alixeirado gracias ás nosas referencias. Así ten o libro, cara o final, unha batería de fontes literarias e documentais sobre cada parroquia. 

Tamén nos animou a achegarnos ós lugares e fotografar o patrimonio relixioso. Moitos centrámonos en igrexas e capelas, pero houbo quen viu máis aló e retratou cruceiros e petos de ánimas. Por desgracia, nos textos apenas se tratan. Nas sección fotográficas hai sinxelas tomas dalgúns, xunto cos templos e os seus interiores. 

Estes días rescatei o libro das estanterías da miña biblioteca persoal de Louredo. Por un lado, tiña ganas de reencontrarme cos textos e fotos, xunto cas sensacións vividas durante aquel curso. Tamén pensei en añadir ó CV un apartado cas miñas escasas aportación literarias en revistas e outras publicacións. Finalmente, había un aporte pendente para a preciosa páxina de Facebook administrada por Fernando Ávila. Nela vanse fotografado e documentando os cruceiros de Galicia, nunha labor inxente que se nutre do bo facer dos seus membros. É pouco o que puxemos sobre estas construcións, pero seguro que veremos referencias a este libro na rede en breve. 

Non acabarei sen recordar ó noso profesor e amigo, o doutor Figueiredo, sacerdote que segue investigando, escribindo e publicando. Relendo esta obriña non hai por menos que darlle as gracias por confiarnos un traballo tan bonito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario