Presentación do artigo "O demo hoxe. Introducción á demonoloxía e ó exorcismo", de don José Ramón Estévez Gómez
Fondo e demo da Biblia Códex Gigas |
Don José Ramón, que ogallá alguén se puxese a publicar o que escribe e gravar o que di, redactou para a interesante revista ourensá Auriensia o seguinte artigo: "O demo hoxe. Introducción á demonoloxía e o exorcismo", que vos presento brevemente e do cal collo algúns recortes para ilustrar e dar fe do humor e as curiosidades que soe meter nos seus escritos. Por certo, foi publicado en Auriensia, 6, ano 2003. Eu teño tanto a revista como a separata, que o autor me mandou por correo postal o 19-09-2003.
A continuación, segue unha escolma de autores, obras e institucións onde a moda do demo prendeu forte. Por desgracia, e esto vaise manter ó longo do artigo, non entra o autor a ver qué pensa cadaquén sobre o demo, ou como o considera. Claro, esto levaría a un alongar o artigo e abrir outras ramas, pero creo que se podería ter reducido o apéndice e dedicar uns párrafos a definir un tanto que consideran demo algúns dos autores ou asociacións aquí citadas. Non teñen todos en mente ó demo católico e algúns deles nin sequera cren na existencia do demo como ser espiritual.
Fixada a atención no demo entendido dende a teoloxía católica, as seguintes páxinas van debullando algunhas cuestións de nomes e citas bíblicas, ademais das diferentes posturas dos estudiosos sobre o seu estudio. Van estas dende a tradicional ata a desmitoloxizadora e a que prefire non tocar o tema un tempo, pasando polas que si admiten a existencia, pero con matices. Feita a presentación preliminar do estado da cuestión e das perspectivas, comeza unha viaxe sintética por diferentes concepcións acerca do demo, tanto en diferentes culturas coma nos escritos bíblicos, pseudoepígrafos e nos primeiros escritores cristiáns.
En dúas páxinas voa polo mundo litúrxico e remata co maxisterio, citando especialmente os concilios onde se loita contra o dualismo, o Vaticano II, o Catecismo e as aportacións papais de Pablo VI e Xoán Paulo II. A conclusión é que o demo aparece tanto nas Escrituras como na Tradición, formando parte da fe da Igrexa. Os escritos bíblicos non pretenden formar unha demonoloxía, senón dicir que existe e é inimigo do home, ca misión de alonxalo de Deus. O Novo testamento teno presente en moitas citas, mais sempre como subordinado, mantendo o protagonismo de Cristo e a súa redención.Unha vez visto o básico, as fontes onde buscar os textos primixenios, pasa o autor a facer teoloxía e beber da sabedoría de autores contemporáneos, integrando a saber práctico dos exorcistas.
A actuación demoníaca coñece dous niveis: a cotiá e a extraordinaria. Aquí acudimos a un curioso acontecemento, que é a orixe dunha oración tradicional, a dirixida a san Miguel arcanxo, e que durante anos se rezaba despois da Misa. O papa León XIII foi quen a redactou despois dunha visión que tivo durante a súa asistencia a Misa. O demo actúa xeralmente tentando, mais en contadas ocasións parece que a súa actividade entra en contacto co mundo físico e produce molestias físicas e psíquicas. A posesión é un grado poderoso da actividade extraordinaria, un feito que atañe a poucas persoas e que non parece ser a mellor carta demoníaca, porque se o poseso dá cun exorcista, resultaría que a fe aparecería como arma válida e a Igrexa como escudo e fogar onde recuperarse. Este tema sempre é espinoso e a recomendación que no artigo se inclúe é a de traballar sempre con especialistas no campo médico e seguir unha potente vida de oración. Como curiosidade, don José Ramón ten en conta non só as posesións demoníacas católicas, senón tamén as doutras relixións, facendo ver que para nós son acontecementos violentos e negativos, mais para outros poden ser instantes de gozo e canalización de espíritos favorables. Para abrir a mente ó lector, repásanse posibles posesións nos evanxeos e na historia, tendo sempre en conta unha sana exposición e contando cas perspectivas que ofrecen outras ciencias. Así, o sacerdote conta con múltiples instrumentos diagnósticos para poder establecer con certa certeza se se atopa ante un poseso ou un enfermo (o autor repasa dende a antropoloxía ata a psiquiatría, pasando pola socioloxía e a teoloxía).
Hai varias páxinas máis, que son copia de dúas obras doutros autores, onde se recollen diferentes símbolos e unha interpretación deles, basadas no satanismo ou a Nova Era. Deste añadido, digo o mesmo que do inicio, que debería ser matizado. Por exemplo, efectivamente, nos concertos de Heavy faise o signo dos cornos. Efectivamente, moitos farano pensando no demo ou no poder da rebeldía, pero, acaso non é un signo xa de época romana, que serve como defensa contra o mal de ollo?
A primeira foto, eu lendo a separata do artigo, ten as imaxes do fondo e dun demo, ambas sacadas do Códex Gigas, que é un enorme manuscrito do século XIII cunha escura historia detrás. A Biblia forma parte dos escritos que contén, mais non é o único. As seguintes imaxes son recortes do artigo.
Teño que facerme con estas lecturas :) [luzdetea]
ResponderEliminar