Prédica pascual do 2010 na Armada, Rabal
Homilía da Vixilia Pascual no santuario da Nosa Señora da Armada en 2010
Non sei agora, pero hai uns dez anos, e durante catro ou cinco, creo, no santuario da Nosa Señora da Armada, en Rabal, Ourense, tivo lugar unha celebración da Pascua peculiar. Daquelas xa se iba popularizando a idea de que a Vixilia pascual era a festa central e debía celebrarse dun modo distinto. Nalgunhas parroquias xa se facía: reunir nun só lugar a xente de distintos pobos e concelebrando varios sacerdotes. A Pascua manifestábase dun modo máis sentido e completo. Había rezos, a posibilidade de confesarse antes de Misa, ensaio de cantos e lecturas... Todo isto antes de comezar. Cando xa o lume ardía fóra do santuario, apagábanse as luces, centrábase a atención na procesión co cirio pascual e comezaba o rito ca bendición do lume, os primeiros cantos e o encendido de tódalas velas que a xente portaba. Durante a Misa participaba, como dixen, os curas da contorna e os lectores e cantores estaban escollidos de entre tódolos voluntarios das diferentes parroquias. Calquera podía participar, cunha breve preparación antes. Trala Misa continuaba o festexo, pois abrían o bar que está baixo o santuario e tódolos que querían sentábanse ás mesas e compartían do que trouxeran, convertendo o momento nun ágape que manifestaba que daba igual de onde viñas. Alí eras benvido e había un oco para ti á mesa.
No 2010 pronunciouse esta homilía.
Irmáns, en nome de toda a Igrexa recibide a boa noticia: ¡Cristo resucitou. Aleluia!
Aquel a quen vimos entregarse por nós para salvarnos do castigo mortal do pecado, Aquel que pasou polo mundo facendo o ben, curando os enfermos e liberando a cantos sufrían baixo o dominio de Satanás, Aquel que se presentou como home e Deus, Xesús, vive. Efectivamente, foi sacrificado, vímolo na cruz e como era sepultado. Pero agora trannos noticia da súa vida, da súa resurrección. Permitídeme que vos dea a noticia con palabras do Catecismo da Igrexa Católica, deste modo teremos unha testemuña fiable.
“Anunciámosvos a Boa Nova de que a Promesa feita ós pais, Deus cumpriuna en nós, os fillos, ó resucitar a Xesús. A resurrección de Xesús é a verdade culminante da nosa fe en Cristo, creída e vivida pola primeira comunidade cristá como verdade central, transmitida como fundamental pola Tradición, establecida nos documentos do Novo Testamento, predicada como parte esencial do Maxisterio Pascual ó mesmo tempo que a cruz.
O misterio da resurrección de Cristo é un acontecemento real que tivo manifestacións historicamente comprobadas como o testemuña o Novo Testamento. No marco dos acontecementos de Pascua, o primeiro elemento que se atopa é o sepulcro vacío. O seu descubrimento por parte dos discípulos foi o primeiro paso para o recoñecemento do feito da resurrección.
María Magdalena e as santas mulleres, que ían embalsamar o corpo de Xesús, soterrado a présa na tarde do Venres Santo pola chegada do Sábado, foron as primeiras en atopar ó Resucitado. Así, as mulleres foron as primeiras mensaxeiras da resurrección de Cristo para os propios apóstoles. Xesús apareceuse enseguida a eles, primeiro a Pedro, despois ós Doce. A fe da primeira comunidade de crentes fúndase na testemuña de homes concretos, conocidos dos cristiáns, e dos que a maior parte vivía anínda entre eles.
San Pablo dirá: se non resucitou Cristo vacía é a nosa predicación, vacía tamén a nosa fe. A resurrección constitúe ante todo a confirmación de todo o que Cristo fixo e ensinou. Tódalas verdades, incluso as máis inaccesibles ó espíritu humano, encontran a súa xustificación se Cristo, ó resucitar, deu a proba definitiva da súa autoridade divina segundo o prometera.
Hai un doble aspecto no misterio pascual: pola súa morte libéranos do pecado, pola súa resurrección ábrenos o paso a unha nova vida.
Por último, a resurrección de Cristo -e o propio Cristo resucitado- é principio e fonte da nosa resurrección futura. Na espera de que esto se realice, Cristo resucitado vive no corazón do seus fieis”.
¿Como vos quedou o corpiño? Canto vos acabo de ler é un resume do que significa que Cristo resucitase e nós, hoxe e aquí, o estemos celebrando. Dicíavos este días que non podemos vivir de rentas. Nesto que hoxe celebramos só podemos vivir de fe, de confianza en Deus: ou cremos ou non. E, se cremos, somos os máis afortunados. Podemos entregarnos confiadamente a Deus e retomar a nosa vida, pensando que somos tan valiosos que lle costamos a Cristo a vida; pero, para que non desesperasemos, costámoslle tamén a resurrección, a súa presencia viva entre nós, dun modo especial na Santa Misa.
¿Como imos responder a tanta xenerosidade? ¿Como lle pagaremos ó Señor tanto ben? Sendo agradecidos e vivindo como Deus manda. ¿E que manda Deus? ¿Que faremos para vivir rectamente ante Deus e os homes?: amando ó noso Señor sobre tódalas cousas e ó irmán como Cristo nos amou.
Pero ante tal xenerosidade por parte de Deus eu inda me atrevía a algo máis. A pedirlle a Cristo que sempre nos acompañe, que se quede con nós. Si, que se quede, como se quedou cos discípulos que marchaban cara Emaús.
Fotos da Pascua na Armada, Rabal, o 19 de abril de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario