O pasado sábado, Sábado Santo, día catro de abril deste 2015, na Armada, celebramos a Vixilia Pascual.
A partires das sete e cuarto fomos xuntándonos os fieis que, un ano máis, nos acercamos a este lugar tan querido do seu rector, don Manuel, para repartir os ministerios, encender o lume, confesar,... todo en orde a comezar ás oito da tarde a solemne Vixilia Pascual. Cabe destacar que, un ano máis, fomos uns cincocentos os que estivemos para a proclamación gozosa do anuncio da resurrección de Cristo, superando o número do pasado ano, no que notaramos un descenso.
Don José Ramón, das Pereiras, foi o presidente e, concelebrando, estivemos don Manuel, de Faramontaos, don José Luis, de Barxa, don Félix, de Pontefechas, e don Benigno, da Merca, participando por primeiro ano. Faltounos don Camilo, de Zarracós, un dos fundadores desta iniciativa, non presente este ano por motivos de saúde. A celebración, por primeira vez, foi case exclusivamente en galego, contando con lectores de distintas parroquias que se animaron a usar a lingua nai. Basicamente, o castelán quedou para o pregón pascual e unha lectura.
Unha hora e dez de celebración nun lugar que nos permite espacio e clima de calma e de encontro. O lugar no que celebramos a Vixilia é amplo, conta co moderno santuario onde poden sentarse ata cincocentas persoas, alberga a capela ca venerada imaxe da Virxe da Armada, patrona da cabeza e os seus males, dispón de casa da confesión, sacristía surtida con vestiduras para tódolos ministros e unha luminosidade magnífica que nos transmitíu a luz do anoitecer sabatino.
Tal amplitude permite que o groso dos fieis dispoña dun lugar onde esperar en torno ó lume bendecido e se poida ir en procesión significativa dende o exterior, portando o cirio pascual e as velas acesas, ata o santuario onde discorreu a Vixilia. O interior xa dá para moito pero sempre pode aproveitarse polo espacio libre que queda para xente de pé. O presbiterio é alongado, de tal forma que caben suficientes ministros e a liberdade de movemento é manifesta.
Un detalle precioso a sinalar é o Cristo resucitado sobre o altar. Unha imaxe onde se une a cruz, o mundo e o resucitado en actitude de camiñante. Queda a impresión do recibimento do Deus home a tódolos que entran a este iluminado espacio sagrado. E ponse de manifesto a unidade do crucificado e o resucitado, a mesma Persoa. Toda unha catequese visual que xa foi resaltada nalgunha outra celebración.
Tra-la Vixilia, fomos invitados a baixar á cafetería e disfrutar do ágape. Este é conformado polo que traen tódolos que o desexan e que pode complementarse co refrixerio ofrecido dende a cafetería e o chocolate ó que invitan os señores curas participantes. Un broche de encontro persoal e comunitario entre uns poucos fieis que quedan a cear e dialogar. Digo uns poucos porque non quedan todos, nin a metade, pero si un número significativo nun ambiente distendido e calmo.
Se xa é visitado o santuario da Virxe da Armada por motivos de devoción e pola novena e festa o nove de setembro, oxalá tamén o sexa por esta solemne Vixilia Pascual que levamos uns poucos anos celebrando e que tantos centos de fieis apoian.
No hay comentarios:
Publicar un comentario