lunes, 27 de marzo de 2017

Sementar patacas e memoria.

Os traballos do campo son toda unha experiencia no senso de convertírense en medio para a comunicación do actual e do pasado. Ir a unha leira dá pé a falar do ben traballadas que estaban antes, da xente que se esforzou tanto e dos veciños que xa forman parte da parroquia dos mortos. Xa non se escoita cantar nos campos de Louredo, xa non se acompaña o traballo ca destreza e beleza da música vocal. Pero inda hai quen acorda tempos así, nos que o mesmo che salía medio pobo botar unha man que te volvías inimigo dunha familia por xeracións. E esto quedou na memoria e nalgún que outro recorte antigo da prensa de principios do pasado século.

Co bo tempo que veu aí atrás, houbo que atender os traballos da terra, aproveitando para sementar as patacas. A leira esperaba para ser sachada, aberta e regos que se enchían de esterco, mineral e borralla, antes de por amorosamente o tubérculo cortado, logo terra e novo rego. Cada dous, unha berza no fin do surco. Repetición que na súa sinxeleza permite o placer do recordo e a charla.

Como non, un mira o que planta e axexa os campos en derredor, laiándose de que cada vez menos familias traballan o campo e viven no pobo. Outrora había terra dabondo, cando non escaseou, para que a xente tivese algo que levar á boca e alimentar os animais. Como o que sucede na terra búscase no que pasa no ceo, non faltaron refráns e ditos sobre o tempo e a súa interpretación. Así, dicíase en Louredo que cando se escoitaba o tren viría a chuvia. Ou que o vento de sur trae mal tempo. A cousa é que se descubrimos o sur dende onde estabamos, viña sendo dirección Cortegada e o tren pasa pretiño, por Filgueira. Se o aire tira dalí trae o silbido da máquina. Pola contra, dise que se o aire tira do norte o que ven é sol. Eso xa o notas se che dá na cara mirando ó val de Remuíño.

O vento ben se notaba na fría mañá nubrada e gris. Brisa fría que non cesou cando despexou e saíu o sol, permitindo que puideramos traballar ata a hora de comer. O vento ben se escoita porque xa non hai tantos ruidos coma antes que o poidan atenuar. Falta xente, faltan conversas e traballos, e moitas leiras acaban quedando de monte. O mesmo monte se volve selva e como non teñas uns cantos piñeiros marcados ben podes ir buscando quen che diga as extremas. haiche veciños que teñen os montes máis ou menos limpos e o seu número ou iniciais ben á vista, permitindo que os lindeiros saiban por onde andan... e non corten o que non deben.

Agora que volver andar de moda falar dos eucaliptos (alcolitos, dicimos máis dun), nós fixámonos nas mimosas, que ben floridas estaban hai pouco, considerándoas unha peste, unha praga. Hai tempo, cando non había tantas, usábanse como estaca e para facer paus onde colgar as uvas. Hoxe xa poucas estacas se fan e as uvas como as colgues onde non debes acaban coméndochas bichos, como os morcegos. Pero houbo un tempo no que foron moi estimadas e ata había quen as regaba e todo. Hoxe espállanse sen control e ben costa eliminalas.

Non só miramos con ollos recordadores a natureza, tamén a xente e as casas. Por exemplo, haivos unha en ruinas que foi a funeraria do pobo, a funeraria do señor Juan. Alomenos, era un almacén de féretros, seguramente feitos en Ribadavia. Esto levou a recordar que Louredo foi anexa de san Benito, ata mediados do pasado século, e aínda alí temos o cemiterio parroquial. Xeralmente, o funeral celébrase en Louredo e o enterro en san Benito, pero algúns hai que o fan todo xa na antiga matriz... e non falta quen di que todos deberiamos facer igual, nada de celebrar no propio pobo. Seguramente inda non se enteraron que Louredo é tan parroquia como san Benito. En fin, cousas de pobos cercanos, pero de relacións non sempre boas. 


E que se podería dicir da capela? Os que alí estabamos xa non gardamos memoria nin do santo ó que estaba adicada. Meu irmán, por un lado, e eu, por outro, sacamos que alomenos no século XVIII podería estar baixo o patrocinio de san Vicente. Pero podería ser que nos confundamos cos datos do Coto de Louredo, cercano a Ourense, e o seu mosteiro de san Vicente. Así, a nosa capeliña estaría dedicada a san Xoán, mantendo hoxe o mesmo patrono a igrexa parroquial. E tamén sería o máis normal se é que veu dela a imaxe pequena do santo precursor, hoxe colocada nunha peana lateral da igrexa, pasando ó presbiterio durante a novena e sendo imaxe procesional o 24 de xuño. A capela vendérase, e daquelas non foi a única, perdendo o carácter sacro, e converténdose nunha palleira. Haber houbo quen a quixo recuperar pero o dono civil pedía unha manchea de pesetas... abandonadiña está hoxe. Se se limpase a parte traseira quizás se atopase algo máis que as visibles dúas pedras que pertenceron a un pequeno campanario. Pregunta que te pregunta inda hai quen di que alí se fixeron enterramentos. Pola capeliña pasamos, nun pequeno paseo despois de comer, revisando o estado de leiras, como as do Campo, ou viñas que agora quedan para frutais, como o Escorial.

Foi ó saír do Escorial, hoxe case todo de monte e cas viñas abandonadas ou arrincadas, cando nos paramos na Eira dos menores, un altiño sobre o barrio de Louredo que dá unha vista magnífica da igrexa parroquial (iniciadas as súas obras sobre 1906, para ser inaugurada o 24 de xuño de 1913) e parte do pobo. No lugar hai monte e viñas. Ata alí seica chegaba don Esteban Viso, o párroco, e o pobo cando tocaba facer as rogativas.

No repaso de persoas non pode faltar un comentario e vistazo á obra pétrea de meu irmán, que de momento parece parada pero actualiza un arte que non nos é descoñecido. Por algo temos algún que outro petróglifo pretiño. 

Estaban ca novena a san Benito, festa de referencia, xa sexa no inverno como no verán. ben é sabido que as dúas datas son, respectivamente, da morte e da traslación dos seus restos. A Igrexa Católica só ten no seu Calendario litúrxico a segunda festa, inda que seguro que a nivel da Orde benedictina celebran as dúas. Aquí mantéñense ámbalas dúas festividades, con novena e dúas misas diarias. Festa que foi perdendo folgos e fieis pero que ben paga a pena. Por compartir un par de curiosidades, dicir que hai un templete que acolle un cruceiro, lugar hoxe enreixado e aireado, antes oculto por tapias de madeira; e que unha copia da imaxe de san Benito do rabiño se levou en devota peregrinación á maddrileña Los Molinos, como pago por un milagre de curación dunha veciña. 

Os toques das campás de Louredo advertiron das horas e do seu paso. O cansazo non era en balde. Pero o músculo que non parece cansar é a lingua e, así, puidemos recordar que antes as campás soían repinicar tres veces ó día, chamando á oración. Hoxe tocan cada hora e cada media, repinicando con ganas á unha e ás oito da tarde. Lembrouse tamén que se tocaban durante todo maio para evitar as tormentas e a estraga da colleita. E rezábase:
  
Tente, trono,
tente aí,
que Dios pode
máis ca ti.

Algún recordo confuso quedaba de que podían tocar cando saía o Santísimo como extremaunción, indo a xente acompañar o moribundo canda o señor cura. Hoxe as campás tocan para advertir da hora e cando toca ir a Misa e se hai incendio. Alá se perdeu todo un mundo simbólico de comunicación mediante toques. E esto recórdame que non estaría mal un día subir a fotografialas, a ver se levan firma, datas ou nome.

Tamén seica se tocaban, empatando co tema da novena ó santo abade Bieito, ben cedo cando era a novena e don Esteban baixaba celebrala Misa matinal (non se oficiaba pola tarde). Así as xentes devotas podían baixar canda el ou en grupiños

Moitas outras memorias e historias se contaron aquel día pero queden estas como peciñas e recordatorio da vidiña deste pobo con moito que contar e sacar do esquecemento.


A noite colleunos rematando os traballos...


         


Un par de vínculos en vídeo dese mesmo día.

1. O interior da capela-igrexa de Louredo

sábado, 18 de febrero de 2017

Dune

Nova e ansiada lectura, gracias á súa disponibilidade na Biblioteca Pública de Ourense. Libro de 1965, gañando, a continuación da súa publicación, os prestixiosos premios Nebula e Hugo. Anteriormente a ser libro foi unha serie de relatos entregados en diversos números dunha revista de ciencia ficción. E dende aquí saltou á fama e continuouse nunha triloxía, posteriormente, cuatriloxía e logo saíron todo un feixe de títulos que pasaron de pai a fillo quedando constituída unha ampla saga que leva publicados 20 títulos (consulta feita en http://www.dunenovels.com/novels). O fundador e iniciador, Frank Herbert deixara publicados 6, amén de anotacións e material persoal.

Dune é o nome dun desértico planeta do universo coñecido. Por que é especial e lle da nome á saga? porque nel prodúcese a ansiada especia melange, unha sustancia natural, relacionada co ciclo vital dos "gusanos" de area. Perdonaime o castelanismo pero é que "verme" sóname a pequeno e estes monstros das areosas estepas de Dune son xigantes que ata poden medir kilómetros. Xa postos no tema, usamos para outra vez "verme" e entendémonos en galego correctamente? Dacordo, pero se se me escapa "gusano" será polo costume e a lectura en castelán.

Ben. A especia é buscada e comercializada a precios de ouro polos seus efectos. Só vos direi un: posibilita a viaxe interestelar. Un piloto humano é introducido nunha cápsula da que xa nunca sairá. Esta contén unha cantidade inxente de melange que lle permite rastrexar rutas espaciais seguras gracias á amplificación dos sentidos e unha nova conciencia presciente. Das rutas espaciais seguras depende case todo a nivel organizativo imperial: un comercio asegurado de diversas materias provintes de planetas alonxados, un correo que evite interferencias e capturas dixitais por parte dos inimigos, o traslado de persoal ou familias a destinos diversos,... Este é un dos moitos efectos da especia. O problema que ten é a súa pronto adicción. De feito, chega a dicirse que os habitantes Fremen de Dune xa non poden voar lonxe deste planeta pola infestación de especia na que viven.

Dune é ese especial planeta porque é a única fonte coñecida de especia. A extracción dela ten que ser celosamente organizada e tasada, o que non se consegue case nunca porque parte da producción acaba en subornos e corruptelas varias. No momento de iniciar a novela quen controla tales traballos son familiares da Casa Harkonnen. Aquí podo comentarvos que o universo de Dune, a novela, é un lugar explorado, percorrido e controlado por varias Grandes Casas, como a devandita Harkonnen ou a Atreides, e algunhas Casas Menores que se xuntan nun consello que é o Landsraad. Tamén está alí o Emperador do Universo Coñecido, membro da Casa Corrino. E non faltarán persoeiros da Cofradía, que ten o monopolio das viaxes espaciais, da Bene Gesserit, unha estraña orde feminina con capacidade mentais e físicas impresionantes, ou Mentats, humanos que se rixen por unha férrea lóxica. Isto para darvos unha idea do precario equilibrio no que se vive neste enxame de Casas e potencias. Por iso Dune mostraranos moito das intrigas políticas, asesinatos, alianzas e feitos deste conglomerado vital galáctico.

Dune, o planeta, vai collendo protagonismo pola famosa especia pero tamén pola xente que acaba indo a vivir alí. O caso é que a Casa Atreides será a nova administradora de Dune, decisión imperial que agacha un complot para barrela do lugar como se espalla a area co vento. Detrás desta maldade estarán a casa Harkonnen e a propio Corrino. Aquí se inicia unha batalla onde non todo consistirá en ter un bo exército ou magníficos estrategas. Da visión grandiosa de Casas e poderes varios que se van unindo por intereses comúns vamos pasando a historias biográficas onde os individuos cobran maior importancia. Algún desaparecerá, consumido polo propio deserto, tras entregar un soño a poboados Fremen que agardan a data en que verán chover, froito dun complexo traballo ecolóxico. Outro sobrevivirán xuntos, pasando dunha vida máis ou menos tranquila ás exixentes condicións da vida na area. Coñeceremos as capacidades poderosas do condicionamento e a intriga palaciega, da política e os venenos, da forza e o amor.

Parte da historia anterior da humanidade irémola descubrindo co paso das follas. Saberemos dun tempo de expansión espacial, da creación de Intelixencias Artificiais e da guerra contra elas, da adaptación humana a unha existencia sen máquinas "que imiten o pensamento humano", da aparición de Escolas de pensamento e potenciación das capacidades humanas, dos plans escuros que implican á Bene Gesserit e a xenética,...

Tamén podemos complementar o dito nos capítulos cas frases que os introducen. Coñeceredes á princesa relatora en cuestión ó final da aventura pero os seus breves textos iluminan detalles da historia e os personaxes. Especialmente, acerca de Paul Atreides, herdeiro dunha Casa case masacrada e impulsor dun novo estilo de vida en Dune.

A edición da Biblioteca ten un valioso final en forma de apéndices que nos mostrará cartografía de parte de Dune e un diccionario que amplía os coñecementos que sacamos da lectura.  

Disfrutei moito ca lectura deste clásico da ciencia ficción. Ten o bo dun final aberto e a posibilidade de continuar pero tamén pode un quedarse só con este título e gozará completamente deste espíritu dun planeta desértico que alberga tanta vida. 

jueves, 16 de febrero de 2017

Libros arcanos. O Necronomicón (Terceira parte)

Mira que non ten dado que falar a interpretación do título: Necronomicón. E non digamos a traducción, na que máis de un se perde buscando e rebuscando ata tal punto que desmenuza a verba ata descuartizala e atopar máis do que ten. O primeiro foi o autor, Lovecraft, convencido dunha traducción bastante complexa que daría como resultado algo así como "a imaxe da lei dos mortos". Hai quen non lle busca moitas complicacións e, citando algún título máis ou menos cercano no tempo, di que a traducción queda nun sinxelo "tratado sobre a lei dos mortos" ou "o referente á lei dos mortos.

A cousa é que o libro, nunca escrito por Lovecraft inda que si por algúns entusiastas del, contería verdades incribles que nos levarían á loucura. Capítulos da vida do "árabe tolo", conxuros e invocacións de antiquísimos poderes e deuses malvados que só volverían ó noso mundo para devastalo e escravizarnos mediante un control mental férreo que faría de nós unha especie perdida na loucura e pasto dunha infame saga de estelar procedencia. Sabendo isto, había que lle escribía ó "ermitaño de Providence" para conseguir unha copia. E o noso escritor acababa contestando que o libro era fruto da súa imaxinación, non estaba escrito e nunca o estaría. Alomenos pola súa man.

Volvendo ó título, claramente lle vemos orixes gregas. Lovecraft non sería un espacialista pero tiña coñecementos máis que de abondo como para argallar un rechamante título que durante xeracións fose o susurro do medo. A cousa é que el mesmo conta por carta como chegou a esta redacción: por un sono. Cantas veces non sucede algo parecido. Un problema ou preocupación nos colle por banda e acabamos vendo a luz mediante unha inspiración momentánea, un destello atopado onde menos o esperabamos... ou nun sono. Howard atopou a verba no seu maxín cando espertou. E dende alí pasou ó seu estudio e descripción etimolóxica, á investigación lingüística e ó tremor do descoñecido que tomaba corpo neste mundo físico.

Tería medo el mesmo da palabra e de como chegou a el? En tempos máis antigos podería ser considerada unha locución divina que lle dedica un poder superior ó artista, ou a voz dun persoal "daimon" que inspira en verbas que só o poeta escoita. Máis preto no tempo, máis de Lovecraft que de nós, tampouco o tacharían de lunático senón que ata pode que o estudiasen dende a perspectiva daquela nova ciencia que era a psicoloxía, que ata cos sonos e a súa interpretación se atrevía.

Un sono, un instante de inconsciencia onde unha realidade toma corpo. Un sono que ben podería suporse unha revelación. Lovecraft había escribir sobre personaxes que no sono non atopan descanso senón loucura, sobre homes que entran nun estado cataléptico do que saen cambiados. Incluso, el mesmo, cando era noviño e iba pasar do colexio á universidade, parece entrar nunha época de soños da que nada sabemos hoxe, que lle dan unha luz intanxible que o fai ver máis alá, sen resultar esto ser unha bendición se non todo o contrario.