sábado, 18 de febrero de 2017

Dune

Nova e ansiada lectura, gracias á súa disponibilidade na Biblioteca Pública de Ourense. Libro de 1965, gañando, a continuación da súa publicación, os prestixiosos premios Nebula e Hugo. Anteriormente a ser libro foi unha serie de relatos entregados en diversos números dunha revista de ciencia ficción. E dende aquí saltou á fama e continuouse nunha triloxía, posteriormente, cuatriloxía e logo saíron todo un feixe de títulos que pasaron de pai a fillo quedando constituída unha ampla saga que leva publicados 20 títulos (consulta feita en http://www.dunenovels.com/novels). O fundador e iniciador, Frank Herbert deixara publicados 6, amén de anotacións e material persoal.

Dune é o nome dun desértico planeta do universo coñecido. Por que é especial e lle da nome á saga? porque nel prodúcese a ansiada especia melange, unha sustancia natural, relacionada co ciclo vital dos "gusanos" de area. Perdonaime o castelanismo pero é que "verme" sóname a pequeno e estes monstros das areosas estepas de Dune son xigantes que ata poden medir kilómetros. Xa postos no tema, usamos para outra vez "verme" e entendémonos en galego correctamente? Dacordo, pero se se me escapa "gusano" será polo costume e a lectura en castelán.

Ben. A especia é buscada e comercializada a precios de ouro polos seus efectos. Só vos direi un: posibilita a viaxe interestelar. Un piloto humano é introducido nunha cápsula da que xa nunca sairá. Esta contén unha cantidade inxente de melange que lle permite rastrexar rutas espaciais seguras gracias á amplificación dos sentidos e unha nova conciencia presciente. Das rutas espaciais seguras depende case todo a nivel organizativo imperial: un comercio asegurado de diversas materias provintes de planetas alonxados, un correo que evite interferencias e capturas dixitais por parte dos inimigos, o traslado de persoal ou familias a destinos diversos,... Este é un dos moitos efectos da especia. O problema que ten é a súa pronto adicción. De feito, chega a dicirse que os habitantes Fremen de Dune xa non poden voar lonxe deste planeta pola infestación de especia na que viven.

Dune é ese especial planeta porque é a única fonte coñecida de especia. A extracción dela ten que ser celosamente organizada e tasada, o que non se consegue case nunca porque parte da producción acaba en subornos e corruptelas varias. No momento de iniciar a novela quen controla tales traballos son familiares da Casa Harkonnen. Aquí podo comentarvos que o universo de Dune, a novela, é un lugar explorado, percorrido e controlado por varias Grandes Casas, como a devandita Harkonnen ou a Atreides, e algunhas Casas Menores que se xuntan nun consello que é o Landsraad. Tamén está alí o Emperador do Universo Coñecido, membro da Casa Corrino. E non faltarán persoeiros da Cofradía, que ten o monopolio das viaxes espaciais, da Bene Gesserit, unha estraña orde feminina con capacidade mentais e físicas impresionantes, ou Mentats, humanos que se rixen por unha férrea lóxica. Isto para darvos unha idea do precario equilibrio no que se vive neste enxame de Casas e potencias. Por iso Dune mostraranos moito das intrigas políticas, asesinatos, alianzas e feitos deste conglomerado vital galáctico.

Dune, o planeta, vai collendo protagonismo pola famosa especia pero tamén pola xente que acaba indo a vivir alí. O caso é que a Casa Atreides será a nova administradora de Dune, decisión imperial que agacha un complot para barrela do lugar como se espalla a area co vento. Detrás desta maldade estarán a casa Harkonnen e a propio Corrino. Aquí se inicia unha batalla onde non todo consistirá en ter un bo exército ou magníficos estrategas. Da visión grandiosa de Casas e poderes varios que se van unindo por intereses comúns vamos pasando a historias biográficas onde os individuos cobran maior importancia. Algún desaparecerá, consumido polo propio deserto, tras entregar un soño a poboados Fremen que agardan a data en que verán chover, froito dun complexo traballo ecolóxico. Outro sobrevivirán xuntos, pasando dunha vida máis ou menos tranquila ás exixentes condicións da vida na area. Coñeceremos as capacidades poderosas do condicionamento e a intriga palaciega, da política e os venenos, da forza e o amor.

Parte da historia anterior da humanidade irémola descubrindo co paso das follas. Saberemos dun tempo de expansión espacial, da creación de Intelixencias Artificiais e da guerra contra elas, da adaptación humana a unha existencia sen máquinas "que imiten o pensamento humano", da aparición de Escolas de pensamento e potenciación das capacidades humanas, dos plans escuros que implican á Bene Gesserit e a xenética,...

Tamén podemos complementar o dito nos capítulos cas frases que os introducen. Coñeceredes á princesa relatora en cuestión ó final da aventura pero os seus breves textos iluminan detalles da historia e os personaxes. Especialmente, acerca de Paul Atreides, herdeiro dunha Casa case masacrada e impulsor dun novo estilo de vida en Dune.

A edición da Biblioteca ten un valioso final en forma de apéndices que nos mostrará cartografía de parte de Dune e un diccionario que amplía os coñecementos que sacamos da lectura.  

Disfrutei moito ca lectura deste clásico da ciencia ficción. Ten o bo dun final aberto e a posibilidade de continuar pero tamén pode un quedarse só con este título e gozará completamente deste espíritu dun planeta desértico que alberga tanta vida. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario