Ás veces o máis cercano é do máis descoñecido, precisamente por esa cercanía, pola sensación de estar imbuído dun lugar e persoas que supomos máis ou menos intemporais. Pero os decesos, os cambios de rúas ou monumentos, o paso de governos e persoeiros fan que tomemos conciencia do efímero, da historia pasada e da que vivimos. Unha paradiña para revisar ou coñecer o pasado pode darnos perspectiva e ollos que valoren o lugar que habitamos. Quen sabe? ata pulos para cambialo a mellor.
Unha forma sinxela de introducirse na historia da nosa cidade é a lectura desta obriña de Marcos Valcárcel, editada por Xerais, e que permite unha visión ampla do que foi Ourense ou como foi sendo, xa que non podemos pensar que xa está finiquitada toda posibilidade de cambio.
70 páxinas para 6 capítulos máis a bibliografía. Varias fotos antigas, mapas e retratos de persoeiros que contaron en tempos non tan pasados. Ourense arranca como cidade a mediados da primeira centuria, despois de Cristo, pero xa existían comunidades humanas de paso ou afincadas localmente, en pequenos espacios que foron medrando ata o que hoxe coñecemos. A época romana, cos dous marcados puntos de importancia que son as Burgas e a Ponte, supón o pistoletazo de saída para a urbe que iría medrando ás beiras do Barbaña enfocándose cara o Miño. Cidade que medrou despacio e que ata o s. XIX non pegou un impresionante estirón, expandíndose moitas veces sen medida nin planificación, ó son das necesidades humanas e o terreo disposto. Unha terra que durante séculos se cultivou e que aínda atopa lugares hoxe para seguir florecendo en forma de hortas. Os edificios de hoxe medraron sobre cultivos de antonte, acubillados polos montes cercanos e ocultos máis dunha vez pola mesta néboa que nos define.
Un dato curioso é que dende o temperán século IV somos declarados sede episcopal, inda que a historia dos bispos primeiros quede un tanto entre a lenda e a escaseza de datos. O que si queda claro é a presencia cristiá dende ben pronto. Historias de misión, de caridade e ensinanza pero tamén historias de loita polo poder quedan atrás no tempo inda que deixan o seu eco e este chega ata hoxe, por exemplo, no famoso "Desplante" que tódolos anos se sigue representando nas escaleiras de Santa María Nai. O caso é que Ourense foi rexida polo estamento eclesial e pouco a pouco foi o civil quen colleu as rendas do concello. Un concello que pode datarse dende 1212, inda que esta data non é a da concesión plena e paso de poderes do bispo a un alcalde.
Víndonos cara nós e mantendo a curiosidade, sinala o autor que chegaron a existir 13 portas en Ourense, inda que non eramos cidade amurallada. Márcanos o ano 1837 como a data na que se derruban ata tres portas (as últimas?) como eran a da aira, da Burga e a Horta do Concello. Ourense abríase tras uns séculos de estancamento e inercia. Seguía sendo unha cidade-vila, con cultivo e comercio de viño, traballo agrario pero escasa industria. Un novo pulo e cambios grandes virán ca segunda metade do s. XIX e a mellora e creación de novas vías e medios de comunicación. O nome de rúa do Progreso fala diso. Tal nome, antes de que o recuperase en 1991, foille outorgado en 1861. O, ata entón, Camiño Novo iba coñecer o esplendor dos novos transportes e estradas, amén da construcción imparable nas súa beiras, chegando a conectar ben a cidade co cercano concello de Canedo pola Ponte Vella ou Romana. Un detalle sobre unha construcción que alí xurdíu é que se levantou un mesón, a Casa do Montón, con saída de dilixencias, onde hoxe está o edificio histórico do Bispado.
E a luz? Que había do impresionante descubrimento e invento da luz eléctrica e a súa conducción? Marcos Valcárcel danos datas precisas: en 1865 cámbiase o aceite por petróleo e o 14 de xuño de 1895 pola luz eléctrica. Por esta data comezaron as xestión para a construcción dunha nova ponte, a Ponte Nova, que non había ver a luz ata 1918. E aí está, servindo inda hoxe.
Ben, tampouco vou dicir moito máis, pois o libre é pequeno e acesible. Cun estilo de charla, de conferencia, onde se mezcla o académico con natural, sen saír nunca de tono pero permitíndose andar un chisco cas datas pa diante e para atrás ou resumir moito a historia sinalando só fitos do acontecer urbano nas súas xentes, construccións ou persoeiros coñecidos polos aportes estéticos e culturais. Non faltan os nomes, non, sobre todo nos últimos episodios, cando a historia se achega ós nosos días. Máis de un seguro que che soan.
Poderás atopar este título no fondo local da Biblioteca Pública de Ourense.
No hay comentarios:
Publicar un comentario