Hai na parroquia de san Xoán bautista de Louredo, arciprestado de Ribadavia, diocese de Ourense, un peto de ánimas. É un sinxelo exemplo de arte popular e devoción que fala da fe cristiá na inmortalidade da alma, da existencia dun tempo de purificación para entrar no Ceo (de morrer en pecado venial) e da comuñón dos santos. Tres notas que conflúen nun traballo artesán en pedra granítica (con restos de policromía) que precisa de revalorización.
Como tantos detalles dos nosos pobos, acabamos acostumados á presencia de monumentos coma este e non lles prestamos a debida atención. O libro de dona Yolanda Barriocanal López, Arte popular. Los petos de ánimas, ven a darnos un toque e abrirnos os ollos para que repasemos os trillados camiños do noso pobo natal e nos reencantemos co que queda en pé e aínda se pode salvar e compartir. Nun tranquilo paseo en familia ben podiamos descubrir o que queda e escoitar as historias dos nosos maiores, sendo nós canal para que non se perdan e teñan vixencia nos tempos olvidadizos que vivimos.
Petos de ánimas hai moitos e, sobre todo na nosa provincia, concéntranse nas poblacións cercanas a Portugal. A autora non se atreve a defender unha orixe lusa destas devotas construccións pero si nos dá os datos suficientes como para ver que alí están de maior actualidade que aquí e que teñen os exemplos máis antergos. Estamos falando dunha antigüedade que non supera o século XVII. Para Ourense incluso se dá unha data, a de 1736. A posición da obra é a de deixar en vilo a orixe dos petos, prestando atención ó pulo que á súa construcción e uso se fai nos territorios limítrofes entre Portugal e Galicia. Pero non unicamente, xa que hai exemplos tanto no resto de Galicia como no noroeste peninsular.
Os petos aparecerían como un reflexo en pedra das declaracións tridentinas acerca do Purgatorio e das indulxencias. Sinteticamente, é doutrina católica que os mortos en pecado leve pasarán por unha purificación que os prepara para o disfrute eterno do Ceo; por eles podemos rezar e así concederlles a gracia ás ánimas dunha pronta saída dese estado purgativo. Ca erección de recordatorios en pedra e a impresión de estampas, vaise levando a doutrina ó rural, precedida moitas veces de prédicas e formación de cofradías. Diante do peto pode o fiel rezar polas ánimas e ofrecer un donativo co que celebrar Misas pola pronta liberación do lume purificador. Esta imaxe do lume é unha herencia das representación simbólicas medievais e usouse tanto de palabra como en imaxe. Máis dunha vez os petos son representacións de ánimas entre chamas e santos que as veñen sacar dalí.
A presencia de santos definidos, como a Virxe do Carme, san Antonio de Padua ou san Francisco, cando non hai anxos tamén, soe ser recordo da predicacións ou cofradías que deron pé ó peto. As cofradías parroquiais, especialmente de ánimas, tiveron moita sona na nosa diocese en cercanos séculos precedentes. A súa existencia orbitaba en torno á caridade para cos mortos, en corpo e alma, pois rezaban polos defuntos e a súa eterna saúde pero tamén chegaban a ocuparse do seu enterro corporal. Volvo un momento os recordos a Louredo e alí atoparemos as figuras da Virxe e santo Antón.
Por que se lles chama petos de ánimas? Pola presenza no conxunto dunha cavidade, un peto, onde se recollen os donativos para Misas polas benditas ánimas do Purgatorio. Este soe estar ben protexido fisicamente. A día de hoxe moitos xa voaron ou desfixéronse. A costume vai desaparecendo, como a xente que os atendía, e a ofrenda ofrécese na parroquia directamente. No de Louredo, efectivamente hai un oco onde debería estar o peto.
Dona Yolanda toca o tema da posible relación cos cruceiros e chega á conclusión que son dúas manifestación distintas pero que chegan a fusionarse, por exemplo, cando se aproveita unha pedra do fondo do cruceiro para colocar alí un peto. Sen embargo, non nacen nin se colocan nos mesmo lugares moitas veces. O cruceiro soe aparecer en límites poboacionais ou en cruces de camiños; o peto ó lado dun camiño ou no medio do pobo. Interesa moito a súa visibilidade e presencia en lugar concurrido para que aumenten as oracións e ofrendas polas "almiñas".
Este libro, de pouco máis de 300 páxinas, ofrece unha boa cantidade de fotografías dos petos estudiados da provincia de Ourense, xunto ca localización e descripción. É a parte grosa do volume. Introductoriamente, a parte textual, onde non faltan novas fotos e debuxos esquemáticos. Estes debuxos teñen bastante importancia porque aportan algo novedoso: unha tipificación dos petos, un intento de agrupación por tipos, xa que a cronolóxica se resolve case imposible. A autora advirte que co paso dos séculos houbo bos traballos e retrocesos constructivos, pezas de grande valor xunto a sinxelas construccións... e que soe faltar o ano de erección en case todos. O ano e a firma do autor. Ben, nestas primeiras partes escritas é onde nos imos enterando da orixe dos petos, os seus tipos e distribución, os datos que nos quedan deles, as súas relacións con outras construccións como o cruceiro... e as conclusións que se poden acadar de todo o visto. Non se asustar, pois, o escrito, con pequenas aportacións de debuxos e algunhas fotos, vai da páxina 7 á 83. O resto é un valioso e extenso inventario provincial, case sempre apoiado por foto do peto e datos do mesmo.
Ben vale a pena recoller o dito neste libro e saír a pasear polos pobo vendo o estado dos petos. E non se olvidar dunha ofrenda espiritual polas ánimas, rezando un Pater Noster.
Libro:
Yolanda Barriocanal López.
Arte popular. Los petos de ánimas.
Boletín Auriense. Anexo 3.
Ourense, 1985.
No hay comentarios:
Publicar un comentario