Vamos subir ó alto do coto da Forca para ver Louredo. Disfrutaremos
dunha vista como a da foto, sacada hai pouco tempo. Vese perfectamente o
pobo e os arredores. Aquí sinalo algúns puntos de interese.
Os extremos son nomes que designan realidades cercanas: a Granxa, mellor dito, a viña da Granxa, no camiño de Soutelo a san Benito, da familia da "bruxa-virxe" Conchita. E o coto Novelle, onde se atopa a capela de san Miguel. A esta festa van moitos veciños de Arnoia e arredores. Se podo ir nestes días dar unha volta polo seu alto farei fotos para todos..
Do resto, comezando pola esquerda, temos o barrio do Pazo. Efectivamente, había un pazo, do que hoxe quedan restos, asumido por vivendas en uso. Pero inda se ven, desgastados polo tempo, os escudos e unha vela portada de entrada a un patio amplio. A fonte do Pazo, na estrada, ten boa sona, chegando a dicir algunha veciña que é a mellor auga de manantial de Louredo.
O Campo é un barrio case deshabitado, cercano a moitas leiras. Moitas vanse enchendo de silvas, as súas pozas quedando atuadas e os pozos ocultos entre a herba. Menos mal que algún que outro traballador inda confía na terriña e limpa e sementa.
Por riba do Campo está o barrio dos Veciños. Foi chamado polo "señor Juan", O Vaticano. A cousa é que moi preto chegaron a vivir o señor cura (don Esteban), o alcalde (don Pepe) e un par de militares (o Comandante). Quédame a pregunta de se tamén don Paco, o perito agrícola.
O Tabolado ten algunha vivenda, pero é máis ben zona de terras e da antiga escola, hoxe centro social. Queda entre Os Veciños e as viñas do Pireiro.
A igrexa parroquial está dedicada a san Xoán bautista. Alí celébrase a súa novena e Misa solemne. Tamén se soe celebrar a Misa do martirio. Algún ano celebrouse novena nas dúas ocasións, pero o normal é que a novena, e a festa se se fai, sexa para a natividade do santo Precursor. Os seus altares son obra dun artista local de Remuíño, don José Benito, o Choio, que traballaba nun remanso do río Arnoia, na zona do Inquiau.
E, finalmente, Louredo barrio, onde se atopa unha capela da que moitos xa nin recordan o patrono. Algúns veciños falan de enterramentos nela. Ata din que dous veciños da Raíña (pobo hoxe deshabitado, preto de Piñón e Zaparín) agardan alí a resurrección. Hoxe está abandonada. Funcionou como palleiro dun particular, despois da súa venta a mediados do século XX. Nalgunha ocasión houbo intentos de recuperala, pero foron infructuosos. Como detalle, dicir que algunhas pedras do seu inexistente, hoxe, campanario están detrás da mesma, entre herbas. Neste barrio tamén poden atoparse os restos da Escola Pía (hoxe xa no monte) e un peto de ánimas que ben precisaba uns coidados mínimos e a rehabilitación duns pináculos desaparecidos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario