domingo, 14 de febrero de 2021

Escolma de aportes sobre Louredo.

Escolma de aportes sobre Louredo.

Á hora de coñecer máis sobre Louredo, agradécese que compartades as vosas historias e recordos. Ben é certo que podía un escribir moito máis, pasando a escrito o que é tradición oral, ou compartir o que só se coñece por vivir ou estar no pobo. Mais é interesante e necesario que os escritos propios se complementen cos de outros, de modo que esntre todos propoñamos temas diferentes e vaiamos cubrindo perspectivas. Pondo todo en común de maneira pública deixamos para o futuro un documento único no que conflúen diferentes personalidades, enriquecendo a memoria. Tamén realizamos un exercicio moi necesario de confrontación: hai detalles que non se contan, historias que se esquecen... pero se entre todos deixamos comentarios que completen o cadro, sen dúbida axudaremos a que no futuro se coñeza mellor un anaquiño da historia de Louredo.
 
Esto exténdese a outros campos, como pode ser o da toponimia, por exemplo. A día de hoxe hai un precioso proxecto en marcha, denominado "Galicia Nomeada". Consiste na recollida, publicación e posta en común dos diferentes nomes dos lugares de toda Galicia. Mediante unha páxina web e unha app, un pode localizar un lugar (camiño, fonte, pozo, monte, barrio...), escribir como se chama, fotografialo, xeolocalizalo e unha serie de accións a maiores, co cal quedará memoria del. Para que o admitan e publiquen, os especialistas precisan confrontar e ratificar a información. 
 
Pois ben, se nós deixamos constancia dos lugares de Louredo e os seus nomes, publicándoos en Facebook, por exemplo, realizamos unha valiosa actividade de documentación e confrontación ó mesmo tempo. Así, fotografando un lugar, nomeándoo e publicándoo, permito que outros me corrixan ou aumenten o que eu escribín sobre el. Se compartimos despois unha ligazón ca publicación completa (o que eu puxen e o que outros escribiron), axilizamos o proceso de comprobación de datos e aumentamos o caudal deles.
 
Cando publicamos historias, xunto cas fotos do noso pobo, tamén alegramos ós nosos emigrantes e as súas familias, pois facemos cercano o pobo do que saíron hai anos, actualizamos o que eles recordan e abrimos unha canle de comunicación que os fai máis cercanos. Tamén lles permitimos compartir memoria propia ou dos seus, dándolle voz e escrita ás conversas sobre Louredo e as súas xentes. Establecemos unha ponte que abarca calquera punto do planeta.
 
Por esto e máis, como agradecida homenaxe a cantos invertides un tempo en actualizar a información sobre Louredo, presente e pasado, recollo aquí algunhas publicacións e compártoas, con dobre finalidade: AGRADECER ós seus autores que lle dedicaran un tempo ó pobo e a facelo presente, ANIMAR a outros a que poñan o seu grauciño de area en resgardar parte da historia para o futuro. 
 
Desde o Facebook Louredo chégannos estes tres zamarucos da man de David fernández, inda que nada sabemos de quen os fixo nin cantos hai.
 
 
Anterioremente, eu recollera esta costume en varias ocasións, das que copio só estas dúas, recordando que daquelas só facía os zamarucos, que eu saiba, meu irmán no Cazapedo.

GRACIÑAS, Rafa, por preguntar ós maiores, estudiar a nosa historia e plasmar con sinxelas accións no presente un pasado non tan lonxano.

Aquí tendes dous zamarucos realizados por Rafa Álvarez en en san Xoán de Louredo, á entrada da praza do Cazapedo. Nos tempos mozos dos nosos pais facíanse dous, home e muller. Colgábanse dun piñeiro colocado no Cazapedo. O piñeiro vendíase e, imaxino, servía para pagar as festas. O martes de Carnaval non se traballaba ou, como moito, traballábase ata mediodía. Pola tarde, como te visen no campo, iban buscarte e traíante atado po pobo.
 
Carlos Fernández, dos Veciños, pousa unha boa coleción de recordos en forma de comentarios: Sería na casa da señora"Jraviela", tal e cómo a chamabamos os que a coñeciamos,e despois foi o fillo "o Juan da señora Grabiela" o que seguiu abrindo a tienda.Un ano fixose unha merenda,e viñeron os gaiteiros de Merens tocar,todo un acontecemento.O dos zamarucos era porque en Louredo nunca se usou o término .disfrazar.se,deciase"vaste vestir de zamaruco". O que eu non recordo e que se fixeran de palla,ata hay una anos que os fixo o Rafa,pareceme ben,pero antes eu nunca os vira,o que non quere decir que xeracions anteriores o fixeran.tamen se usa o término "zamaruco/a"pra desinar a xente mal encarada,de difícil trato,ou que non fala moito..."miña tía e coma un zamaruco'p.ej..Vestirse de zamaruco,faciase con roupa vella e tapabamos a cara.Lembrome de rapaz ir buscar o Plácido Rocha ca cadea a Ladeira ,pois tiña unha viña ali.Fixonos correr ben tempo e logo deixounos collelo e levalo a tienda do Juan da Jraviela onde nos pagou Mirindas e galletas pra todos.O que dis de Cortegada,penso que eli nunca houvo zamaruco,(bueno zamarucos hai ben diles) polo menos antes era meco hasta o ano pasdo que nos "roubaron" o nome. Bo día Félix,preguntalle a xente de Louredo,coma Fina Álvarez Santos,que se "disfrazaba" cun traxe de mariachi que a mítica orquesta Los Chipas lle regalaran o Carmeliño Álvarez ,tío da Fina,diso hay corenta anos. Félix,tiñas razón no dos zamarucos de palla,eu non os acordei pero miña nai si,tamen me di que viña o Sr.Trino de Soutelo nun cabalo e facia mil "gataruxas", o Eladio da Telleira viña de zamaruco zapateiro,iste estaba "amigado" ca Sra"Arnesta" e falaban deles.Tamen había " Desfile de Damas",onde se presentaban as mozas cos seus respectivos noivos vestidos de etiqueta,ca mellor roupa que tiñan. Complementa, Susa, do Pazo: E os mozos iban o bachistón ,despois de noite a lá marchaban a Merens ,roubabanlle o zamarucoque iles tiñan e colgabano no piñeiro mui alto e de noite velabano senón viñan os de Merens e escapaballe con il ,outra vez o reves.
 
O pobo foi cambiando e quedan recunchos que só unha limpeza e unha escoita atenta ós maiores pode recuperar. Así, como exemplo, este lavadoiro do Pireiro. Sobre el escribira eu: Un lavadoiro á beira do camiño, hoxe de monte. Está no camiño do Pireiro e, cando tirei a foto, estaba oculto entre fentos. Outras veces ten lucido mellor cara e pode fotografiarse limpo. Sempre me chamou a atención por dous detalles. O primeiro é a localización, pois o lugar atópaste entre viñas e camiños cara o Monte da Raposa e O Pazo ou a Laxa do Abade. Xeralmente, atopa un o lavadero no medio do pobo ou ó lado dunha fonte. Así sucede no da Fonte do Cano ou na de Louredo e A Tella. Neste sitio queda desconectado de casas cercanas. Segunda cuestión: nunca lle vin un manantial que o alimentara. Esto non é estrano, pois a vía de auga que o fornecía está perdida. O manantial brota preto, por riba da Viña do Cura, ou do Pireiro, pero o preciado líquido elemento non sae por onde iba antano. Está por recoller a historia das augas de Louredo. E respondeu don Ramon Rodriguez: Yo la conocí cuando se usaba para lavar ropa y él entorno estaba bien cultivados viña de D Esteban y la poza que había más arriba al lado del camino a Lapela.
 
De Louredo ben paga a pena compartir fotos que só estando no momento preciso se poden tirar, coma este arco da vella que publicou Angelika Sollberger, desde A Torre.
 
 
Tamén dela, esta densa capa de néboa que cobre san Benito e Cortegada, vista dende o pobo.
 
 
E que dicir desta nevarada en decembro do 2018?
 
 
Ou deste raio ó lonxe, gracias a David Fernández, de Louredo.


Rafael Álvarez, do Outeiro, abríu veda noutra rede social, Flickr, e o seu álbum de Louredo segue a ser, a pesar dos anos pasados sen actualizar, de referencia.
 
 
Dende preto de Louredo hai quen mandou un recorte, como este de Loly Gómez, que nos fala dun veciño.
 

 
Xa temos tamén disponible un inédito escrito de don Pepe, o veterinario, que tamén foi alcalde de Cortegada, sobre Louredo



 
Isto non foi máis que unha escolma e un agradecemento. Quen se anime, que saque dos caixóns fotos e da memoria historias, que terá ben onde publicalas e compartilas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario