Martes de Entroido 2021 entre chuvia e sol
Que ben se lle notan ós días que medraron as horas de luz, tanto pola mañá como pola tarde. E é xa din os maiores que, polo san Blas, hora e media máis. Este martes de Entroido, que non o parece, comezou con chuvia e seguíu cunha tarde de sol. Os de Louredo, non sei os veciños doutros lares, dicímoslle a días así que tempo de neve, tempo alegre, pois chove, sae o sol, ata poden coincidir ambas cousas, vese o arco da vella... E quen di que sexa "tempo malo"? Dependerá da conveniencia, de como lle cadra a circunstancia, verdade? O caso é que, con esto dos confinamentos perimetrais e a eliminación de toda manifestación social do Entroido (a nivel institucional), case dá igual que tempo teñamos.
Sigo pensando neso do tempo malo e coincide que recupero 'El beso del vampiro' ('Kiss of the vampire', dirixida por Don Sharp, 1963, da Hammer), onde o tempo de chuvia ou nubrado, xunto ca noite, é un tempo fabuloso para os vampiros, que poden andar tranquilamente ó aire libre. Nesta película, a única restrición parece ser a do sol directo. Menuda carreira cando contaban que o ceo seguía encapotado e resulta que se abre unha olladiña!
A película ten o seu aquel de Entroido, pois convócase unha festa de máscaras, na cal veremos como unha parella de estranxeiros son introducidos a un pechado mundo de vampiros, que se xuntan ó modo dunha seita. Cousa curiosa! visten sinxelas túnicas brancas, contrastando os seus feitos escuros co branquexar do seu atavío.
Unha parella de recén casados saen de viaxe en coche e quedan sen gasolina nun apartado paraxe. Por alí hai tempo que non pasan viaxeiros e a pousada está aberta de casualidade... ou porque é a vivenda dos donos e non teñen onde ir. O caso é que o automóbil chama a atención do cidadán Ravna, un científico que por un erro foi botado da súa cidade de orixe e vive agora ca familia nun caserón apartado. Este botoulle o ollo á dona, para despois fincarlle os dentes... vampíricos! Ah, pero iso non vai quedar así e o seu marido moverá Roma con Santiago para sacala das gadoupas de semellantes seres diabólicos. Non está só na loita. Zimmer, un señor maior a quen vemos meterse un bos tragos entre peito e espalda, ademais de meterlle unha pá a un ataúde, ca súa defunta filla dentro, vai abrir fogo dunha maneira ben curiosa: ataca ós vampiros cun ritual satanista! E manda contra eles... morcegos vampiros!!
Este libriño, por formato, que non por contido, tamén é un precioso compañeiro para ratiños libres, cunha ventá golpeada pola chuvia invernal, a poder ser, ou cos títulos comentados a man. Repasa nove películas da Hammer onde os vampiros son protagonistas, lonxe da presenza poderosa do Conde, mais sen faltar algunha que outra referencia ou aparición, pois a súa sombra é longa. Os fans de Christopher Lee, de todas, van levar de regalo algunhas referencias e os de Peter Cushing teran páxinas e páxinas para saber máis del.
En Ourense non fixemos festa, inda que foi festivo, pero si saímos un ratiño ca pequena disfrazada, sen bailes nin contactos próximos, que non está a cousa tan ben como para montar unhas mascarada. Detalle que me fai volver á de Polanski, co ese vello Drácula presidindo o festín de enmascarados. Ah, ese que nun momento dado fai o xesto dos cornos e me recordou que o facía nunha entrañable serie da nosa infancia: 'A tía de Frankenstein'.
Mentres, agradecendo que lles fixeran fotos, mais lamentando que non aportasen máis información, voo en pensamento cara Louredo, onde resulta que colocaron, alomenos, tres zamarucos (alguén lles di "mazarucos"?). En Cortegada montaron uns cantos e fóronos repartindo polos pobos, deixando no Cazapedo un. Os outros son de autoría lourediana.
Qué gran aporte carnavaleiro! Todo moi ben relacionadiño, si señor.
ResponderEliminarMoitas gracias. Podíase poñer máis, incluíndo mimosas.
Eliminar