jueves, 2 de abril de 2020

Dous retos culturais para un tempo de confinamento

Seguimos en confinamento pola Covid-19 e seguro que fomos recibindo máis dun reto ou proposta para aproveitar o tempo en casa. Eu non son de seguilos, pero si que respondín a dúas chamadas moi concretas, que ben equivalen a dous retos. Compártovolas, por se ti tamén te animas e deixas unha pegada na cultura galega, tan necesitada de coñecemento e expansión. 

Nesta época de información e creación de contidos, hai dous espacios nos que, de maneira sinxela, podemos aportar unha liña á nosa historia. Porque non, nin está todo escrito nin en Internet está todo. Ademais, son dous campos nos que os aportes poden ser de cutura xeral ou comentados con profundidade. É dicir, podemos participar co moito ou pouco que saibamos e que  atopemos. Haberá que aproveitar a publicidade que estes días chega de tantas plataformas onde a cultura se nos pon ó alcance dun clic e de maneira gratuíta, non si? Ademais, este tempo no que sentimos máis cerca ós que temos lonxe podemos aproveitalo en preguntar e escoitar historias que nos reconecten cas nosas raíces, facendo resume delas despois e partillándoas co resto do mundo. Imos ver dúas formas sinxelas, efectivas e con pegada para o futuro.


A primeira fai referencia ós topónimos da nosa terra. Inda é hoxe que se seguen a recoller e estudiar, pois tense conciencia de que falta moito terreo por descubrir. Con esa perspectiva nace Galicia Nomeada, un potente proxecto onde podemos descubrir e aportar topónimos galegos. Hai dúas vías complementarias para facelo: vía en liña ou por aplicación para móbil. E digo complementarias, porque a experiencia e a recomendación dalgún dos responsables suxire o uso conxunto. Co móbil: sacar fotos, apuntar o topónimo e clasificalo, gravarnos a nós ou outros pronunciando claramente o mesmo, gardar o borrador e ir a por outro. Dende a páxina web: aportar máis documentación, historias ou datos sobre o borrador, delimitar o topónimo a un edificio ou lugar, recoller bibliografía ou outras páxinas na que apareza e, finalmente, enviar o borrador con tódolos datos que poidamos.

Para comezar a usar esta ferramenta só temos que ir á web ou buscar a app e rexistrarnos. Mandarannos un correo para rematar o proceso e un manual de uso. Lédeo con calma, que é breve e moi explicativo. Logo te fas con el. A continuación, comezar cun topónimo, xeolocalizándoo, estando no lugar ou buscándoo no mapa inicial. Explora con calma as diferentes opcións de clasificación e garda todo como borrador. Esto axudarache en dous campos: poder modificar todo con calma e non recibir tantos correos. Porque si, con cada aportación ou modificación recibiremos un correo electrónico, así que, mellor, escribir e gardar como borrador para que, cando estemos seguros, envialo. Desde a web sempre poderás volver buscalo e ampliar ou modificar información.

 Podes facer fotos no lugar ou subilas desde a carpeta onde as teñas, tanto de móbil como de pc. Tamén podes gravar a pronunciación ou escribila foneticamente. Para aportar vídeos terás que subilos a algunha plataforma e, no cadro de escribir, dentro da ficha de cada topónimo, compartir unha ligazón. Este cadro para escribir é ben importante, porque podes convertilo nunha ficha descriptiva ampla, cas túas palabras e con ligazóns. Por exemplo, nestes días eu uso varias páxinas diferentes para aportar información a maiores. Non só tiro dos meus álbumes de fotos de Facebook e Flickr, senón que busquei o álbum do usuario Rafaeliux e o PXOM do concello de Cortegada. As fontes poderían ampliarse, pois san Xoán de Louredo ten presenza en Facebook e Instagram, ademais de aparecer nalgunha que outra bitácora. A idea é que uses ese cadro de escritura, na ficha de Galicia Nomeada, para pegar esas ligazóns. No cadro podes expresarte para describir ou descubrir o topónimo e calquera nota de interese. Por exemplo, onte fixen un descubrimento en Internet Archive, cando vin varios audios das campás de Cortegada. Pois ben, hoxe, cando abra sesión en Galicia Nomeada, irei á ficha da igrexa de santa María de Cortegada, Ourense, e deixarei constancia desa ligazón no cadro de descripción.

O segundo reto cultural fai referencia a un elemento que seguro temos moi visto, inda que non mellor valorado. Trátase dos cruceiros que, como os topónimos, non están debidamente recollidos e coñecidos na súa ampla distribución polo noso territorio. En concreto, podemos facer dúas cousas, en orde a completar a información que hai sobre elas e actualizar o catálogo que move Fernando Ávila. Dúas vías se abren neste caso para que poidamos participar, aportar e sacar da escura ignorancia ós usuarios interesados.


En primeiro lugar, coñecendo a páxina Cruceiros de Galicia, onde veremos que podemos localizar os cruceiros, pero tamén podemos dar a coñecer os que faltan. E non só de Galicia! Non deixedes de furgar pola web adiante, porque terás un amplo catálogo de construccións e unha biblioteca dixital moi interesante. E iso é o principio! Usa os comentarios para ampliar información e as canles de comunicación co administrador para dar noticia dos que falten.

Tamén os podes compartir, participando no grupo de Facebook, onde se rexistran novos aportes a diario, xa sexa en forma de fotos vellas ou actuais, xa como documentos onde se rexistraron cruceiros, sen esquecer cadros ou películas onde aparecen. Actualmente, o administrador está a realizar unha interesante labor, ca que conta con nós: localizar o PXOM dun concello, copiar a ligazón e o número ou código dos cruceiros, e porlle os datos na caixa de comentarios da súa web. Abrimos os PXOM, por exemplo, usando SIOTUGA, abrimos a web de Cruceiros de Galicia e, en cada ficha, comentamos o que atopamos, xunto ca ligazón á páxina que nos interese do PXOM. Como non, esto é un aporte concreto que se pode enriquecer co que nós saibamos ou con outras ligazóns. Se se refiren a cruceiros concretos imos copiando esas informacións en forma de comentario a cada un deles, se é información xeral, podemos enviarlla ó administrador para que a colgue na sección de biblioteca.

Corren bos tempos para estes dous retos culturais, non si? E ti, xa compartiches o que sabes?

No hay comentarios:

Publicar un comentario