miércoles, 1 de abril de 2020

Sementando patacas en san Xoán de Louredo 2020

Estercando e colocando as patacas cortadas
Despois de dous días de calor e no medio de mil noticias sobre a pandemia coronavírica do momento, tocou sementar as patacas en Louredo. A lúa está en minguante e a xornada comezou cunha mañá de ceos alternantes entre as nubes e os claros. Ó sol ben se notaba calor, pero a brisa corría e cada pouco chegaba unha nube que traía sombra e un descenso notable da temperatura. 

A terra estaba lista: herba cortada, un pío queimado, o esterco en varias medas e as patacas cortadas pola metade, cun ollo, alomenos, asomando. Os milleiros secos (nós dicímoslle "palla" ou "palla do millo") xa foran cortados e dispostos nunha confección cónica. É unha maneira elegante de telos recollidos, sen que ocupen moito terreo e fáciles de destruír cando chega o momento. Sempre que o tempo o permita, antes de sementeira algunha, préndeselles lume. A poder ser nunha mañá fría de néboa e tendo ollo deles. Xa che hai ben anos que non vexo arder un! E pa levantalos hai que ter tino e saber. 
Xoaniñas nos terreos colindantes
Como o terreo para as patacas foi terreo do millo (alternancia de cultivos, anual) case sempre vas atopar inda as duras raíces secas, xeralmente ben aferradas á terra, facendo terróns que debes desfacer antes de enterrar de novo. Primeiro raspamos o terreo e pasamos a cavadora, axilizando o traballo. Esa terra removida sáchase, elevando un muriño e afondando un rego. Comezamos de novo: raspamos o  terreo e botamos esa terra, herbas e raíces do millo no rego. A continuación, repartimos o esterco. Un vello dito di que hai que repartirlo polo rego tal como repartiriamos os cartos. A cousa vén dos anos en que pouco esterco había no pobo para botar, tendo necesidade de repartilo ben e que chegase para toda a plantación. Os mesmos montes non daban moito estrume, pois solían estar limpos, non todos tiñan árbores e moito gando andaba neles. Ben, repartido o esterco (como se estiveramos repartindo os cartos), procuramos que vaia ben solto e non en bloques compactos. Bótase o mineral, esparexéndoo con ollo, e colócanse as metades de pataca na ladeira que forma a terra antes removida, a que forma un muriño. Séguese co paso da cavadora sobre o terreo raspado, cavar un novo rego, elevar novo muriño-ladeira e o mesmo proceso ata rematar. Cada dous regos é tradición plantar unha berza nun dos extremos. 

Mentres van medrando, cómense as patacas do ano pasado, recollidas e xuntadas en medas, en sitio fresco e escuro. Patacas que se limpan cando "están saídas", e os ollos brancos se volven raíces, elevándose ou estendéndose varios centímetros. Limpeza que sempre se debe facer en minguante. A mesma fase que se escolleu para esta sementeira, "para que non se lle vaia toda a forza pas ramas". Igualmente, foi a tarde escollida para embotellar. Sóese buscar un día de minguante, con tempo claro e calmo, de sol. Non pode estar de chuvia nin, moito menos, de tormenta. Crese que se o tempo está revolto o viño tamén o estará e non se pode embotellar así.

No hay comentarios:

Publicar un comentario