Ficha patrimonial concello de Cortegada |
Hai camiños pouco coñecidos, con historias que esmorecen na memoria dos
nosos maiores. Nestes tempos de tantas facilidades comunicativas, estes
camiños poderían quedar na memoria de moitos máis. Precisamos darlle voz á
historia e ás historias dos camiños pouco transitados. Un deles é o que
baixa de Soutelo a San Benito do Rabiño. Unha estrada onde caibe un
coche e que foi vía de comunicación física e espiritual.
Nos
días de loito, os defuntos baixaban dende san Xoán de Louredo ata o
cemiterio parroquial por aquí. Pasados tempos nos que san Benito era a
parroquia matriz e Louredo anexa e Cortegada nin igrexa debía ter.
Os
días de novena e festa tamén baixaban os louredeses por el, unhas veces
en grupo e outras en solitario. Tampouco faltaron as ocasións en que os
fregueses cuadraban co párroco, don Esteban, e iban todos a pé. Alá camiñaban de noite, pouco antes
que abrise o día, para a Misa na honra do San Benitiño, regresando
para as tareas cotiás do campo.
Todos
pasaban diante do cruceiro de Soutelo. Unha construcción devocional
que non chamaría demasiado a atención de non ser por onde e como está
colocada. Enriba dun penedo medio soterrado, cunhas pedras como cuñas
que o sosteñen, álzase este cruceiro nun aparente inestable equilibrio.
Nos meus años de vida nunca escoitei que caera. Mais impresiona velo
así, colocado como de calquera maneira, cunha base sen preparar, como se
o puxeran alí porque non había máis onde polo e fosen a recolocalo en
breve. Acadou tal altura por ampliación do camiño? Por que non labraron
unha base chaira ou ca forma do seu pé? Non vos dá a impresión de que
pode caer en calquera momento?
Por
aquí pasaron un día cun "anxiño", un neno defunto, e, nos últimos tramos do camiño ó templo
parroquial, os músicos pedíronlle a don José, aquel pequeno e entrañable
sacerdote (a dicir dalgún compañeiro, unha auténtica excelencia intelectual, perdida pola bebida), que lles deixase tocar unha muiñeira, que xa era ben
triste ter que levar enterrar unha criaturiña inocente.
Xusto
diante do cruceiro remata un camiño, o camiño da Granxa, hoxe un lugar
abandonado, pero que tivo o seu movemento inda non hai tantos años.
Nela, de cando en cando, paraba a virxe, ou bruxa, que tiña as dúas denominacións, Conchita, unha vella
muller que fixo o agosto por Cataluña, usando de (supostos) poderes de
predicción e sanación. Ás veces viña pa Soutelo e ese día ou o seguinte
escoitábanse foguetes, outras veces aparecía unha recua de coches pola
zona.
Captura de efemérides del periódico local La Región |
Nos momentos de ausencia non faltaba quen se acercaba á porta da
Granxa para depositar un ramo de flores. O lugar coñeceu uns bos años
onde se limpou, desmontou e puxénrolle viña. Agora é un erial ó monte,
sen ninguén que mire por ela.
Fragmento dun recorte de La Voz de Galicia |
Ata tiña unha capeliña, penso recordar que
sen altares, pero si cunha manchega de santiños, algúns xeitosiños. A
familia chegara a pedirlle ó Bispado permiso para o culto. Descoñezo se
lle respondieron sequera, pero razón non había ningunha para darlo. E lo
non a montaran en Meréns, na igrexa parroquial, cando lle fixeron unha
Misa á dona Conchita? Ata saíra na prensa. A cousa é que a familia trouxera
un cura (houbo quen falou dun salesiano e outros de qué nin cura debía
ser) e despois seleccionaba alguén quen entraba no templo e quen non, o
que provocou malestar e unha nutrida asistencia extra muros.
Cando morreu
a señora, non falou quen sospeitase que tal nova podía ser unha trola
para despois dicir que resucitara e volvía vivir, saíndo de entre os
mortos e aumentando a súa fama. Case vinte años despois parece que non,
que todo segue o seu curso.
O cruceiro de Soutelo, de calada pedra, segue alí, nese curioso e esquecido cruce de camiños e historias.
Coordenadas aproximadas: 42.217817, -8.154817 (tomadas do Google Maps).
No hay comentarios:
Publicar un comentario