Pasou
a data, mais non a romería, e con ese ánimo ledo abro as
enferruxadas portas deste espazo, dando a benvida a Nocturno e Daga,
que están de vixésimo aniversario, pois Xerión naceu no abril do
2001. Sen ánimo de exhaustividade e conscientes de que a historia
segue e a banda permanece, imos lelos a eles, que ben o merecen.
En
primeiro lugar, PARABÉNS por estes 20 anos de Xerión. Recordade,
comentainos, por que o nome de Xerión e como argallastes o seu
logo?
Nocturno:
Mil grazas Félix por, uma vez mais, fazer-nos umas preguntas sobre o XERIÓN, desta volta polo nosso XX Aniversário, e polos teus
parabéns.
Sobre
o nome, pois veu dum livro que me regalara a Daga uns meses antes, o
"Dicionario dos seres míticos galegos". Mirando nele pra
saber um chisco mais sobre histórias e lendas desta terra, apareceu
este termo que, ainda que já conhecia de antes, até velo escrito e
volvelo a ler em voz alta, nom caera no fermoso da sua sonoridade e
no bem que lhe acaia a um projeto que estava a dar os seus primeiros
passos e no que queria misturar o Negro Metal da Morte co folklore da
Galiza. Em abril de 2001 comecei nelo e em junho editei a primeira demo "O espírito da fraga" baixo Nigra Mors. Mais ainda
nom tinha logo (empreguei nessa cinta uma fonte gótica). Naquela
altura estava a estudar Matemáticas na universidade e um dia,
fazendo exercícios, tivem que empregar várias letras gregas entre
as que se atopava o gi (χ) e, deixando durante uns intres de lado o
estudo numa ideia feliz, jogando e jogando co lápis, alá foi o logo
de uma atacada...
N:
Sabemos dalgumas persoas da Galiza que tocam em bandas que gostam
dalgúns trabalhos do XERIÓN, e que incluso tenhem feito alguma
versom ao vivo dalguma cançom (coma DIOIVO com "Akelarre",
aos que lhes quedamos mui agradecidas quando a ouvimos no Frenopátiko
de Vigo), mais tanto como pra ser uma referência chave na sua
formaçom ou evoluçom nom me atreveria a dizer nim de longe...
Seguindo
co tema de influxos, eu vexo marabilloso como fostes traendo a
Xerión diferentes temas musicais, letras e estilos que mostraban o
que estabades estudiando ou facendo fóra da banda. Por exemplo,
trouxestes ós nosos oídos a vellos bardos, como Afonso X ou Martim
Códax, montastes o trío Ars Anterga, fixeches acústicos de
Xerión!!...
N:
Som muitos anos já fazendo música pro XERIÓN e, sendo como é um
reflexo do meu sendeiro vital, é inevitável que outras sonoridades
nas que trabalhamos Daga e mais eu noutros projetos afloraram dum
jeito ou doutro. Há gravaçóns nos que diversos mundos sonoros
convergem e se confundem, coma no recente "Danças de agonia e peste", se bem nom é raro atopar coussas semelhantes (nom tam
evidentes, isso si) pola nossa extensa discografia.
O
de fazer acústicos foi uma opçom que estreamos em 2019 em El Pueblo
de Ourense num concerto com PERPETUAL, e que despois repetimos duas
vezes no Parque Náutico de Castrelo de Minho, uma nesse mesmo ano no
festival do Negro Círculo Minhoto, e a outra o passado verám já em
tempos de pandémia. Até incluso tenho feito um par de coussas
sozinho acompanhado por uma guitarra acústica no Moucho de Ourense
ou por uma cítola no Teatro Principal o passado setembro.
Nom
sempre sentimos a necessidade de fazer rituais nos que repetir
esquemas, nim sequera interpretar as cançóns do mesmo jeito a como
fôrom criadas. E ainda que aparentemente as diferenças som
evidentes, no fundo, nos nossos miolos, funciona tudo exatamente
igual.

Daga:
Un dos meus afáns vitais é viaxar. E viaxar da man dun proxecto
musical é aínda máis satisfactorio. Pero no meu caso, nunca fun
partidaria de facer xiras nas que non teña tempo de ver e cheirar o
que se coce en cada sitio: sempre primamos menos concertos e máis
tempo libre, pois é a vantaxe que ten non vivir disto. Coñecer
outros lugares guiados polas propias bandas coas que tivemos o gusto
de compartir escenario é unha das mellores experiencias que nos ten
dado a música. E o xeito de ser un pouco menos turista e un pouco
máis viaxeiro. Nunca teriamos coñecido o México DF profundo cos
nosos amigos de ERESHKIGAL ou Belgrado, que non é de entrada unha
cidade turística ao uso pero á que eu volvería mañá mesmo cos
fantásticos KOLAC. Semellantes experiencias tamén en Alemaña e
Portugal, sempre enriquecedoras e das que dan ganas de recuncar.
N:
Quando nos chegou a nova de que se estava fazendo um tributo a
ERESHKIGAL, contatei pra ver de aportar a nossa humilde e sinceira
homenagem. Na sua última estadia na Península (2013) Lord Marganor
foi o nosso bateria (ao igual que nos concertos em México em 2012) e
eu o seu guitarra tanto em ERESHKIGAL como em FOREST OF DOOM (outra
das suas bandas, e coa que editamos tamém um 12'LP compartido).
Naquela gira começavamos os concertos com "Black Metal Storm",
assí que logicamente essa era a cançom coa que tinhamos que
contribuir a esse trabalho.
Dende
aquela seguimos estando em contato, sempre argalhando coussas, e
tinhamos pendente um trabalho compartido entre ERESHKIGAL e XERIÓN.
No passado 2020 foi colhendo forma e, bom, nós queriamos poder
contar de novo co seu maravilhoso trabalho na bateria. Coma sempre,
foi dito e feito.
É
uma honra o poder plasmar na gravaçom de "Lamento luminescente"
a nossa amizade de tantos e tantos anos, e que esta seja a outra cara
da ediçom que tam bem complementa "Mortem". Temos
infinitas ganas de que veja já a Negra Luz em formato físico, e cum
magistral trabalho gráfico de Brais Remeseiro. E já nom digamos de
poder apresentalo ao vivo!
A
banda é un proxecto e expresión catártica de Nocturno, mais ten
como fiel compañeira a Daga e admite a entrada de diferentes
membros que van e veñen, ó compás dos tempos e os seus azares. As
letras son sempre de Nocturno, mais como compondes e arranxades as
musicais aportacións de Daga? Un colaborador pode darlle o seu
toque persoal ou ata levarte a cambios na composición de percusión
e cordas?
D:
Pola miña parte, non teño unha necesidade vital de creación como
pode ter o meu compañeiro. Agrádame máis e atópome máis cómoda
no papel de arranxista, tentando aportar sen deturpar as ideas
orixinais. Ás veces véñenme os arranxos á cabeza coa primeira
escoita das melodías, e outras o proceso é máis intelectual, e
boto man do oficio aprendido, algo do que tamén gozo moito, pois
atópanse solucións diverxentes e combinacións que de entrada non
serían as esperadas nun estilo ortodoxo. Sempre, sempre, tiven
liberdade total na miña parte da composición, e son valoradas as
miñas suxestións, moitas veces en canto a solucións melódicas ou
rítmicas, estruturas ou cadencias. Nas letras xa non me meto nadiña,
aparte de comentar filosofías e conceptos con Nocturno.

Á
hora de gravar e producir os vosos temas, acudides a estudios
profesionais ou tendes un recuncho da casa como estudio persoal? He,
he, queixanse os veciños do ruído?
N:
Levamos já uns anos gravando tudo no nosso própio estúdio caseiro
que, ainda que singelo e humilde, pouco a pouco vai milhorando e
adaptando-se às nossas necessidades e habilidades. Por suposto que
nom é o mesmo que gravar com alguem que é profissional dos
diferentes processos de gravaçom, mistura e master, que dispom do
espaço e equipo ajeitados, e que pode aconselhar e sugerir arranjos
ou sonoridades, e incluso involucrar-se em certos aspetos da criaçom.
Mais
a comodidade, o imediato, o poder passar tempo e tempo trebelhando e
experimentando, de jeito contínuo ou nom, em qualquer momento
possível, tendo mau de tudo... bom, é um verdadeiro lujo. E sem que
o ruído seja um problema coa vizinhança!
Hai
un traballo sobre o que me gustaría chamar a atención e é o da
ilustración e as letras. Contastes con diferentes ilustradores para
portadas e libretos, aproveitastes obras antigas para acompañar
textos, compuxestes melodías e deixastes os textos para que quen
vos escoite poida ir lendo ó seu ritmo e experimente, sacastes un
libriño de negra cuberta… En definitiva, vai quedando un
marabilloso arquivo sensorial que complementa a obra musical.
N:
Ainda que o XERIÓN é um projeto sonoro principalmente, isso nom
quita que no momento de trabalhar nas ediçóns fagamos tudo o
possível por acomodar o conceto visual co lírico-musical. É por
elo que dendo o começo sempre tentamos escolher o estilo (e polo
tanto a quem puidera desenvolvelo) idóneo pra cada trabalho. Incluso
houvo vezes que partimos de uma ilustraçom ou imagem à hora de
inspirar-nos prá música (o Trisquel de Corvos feito por César
Valladares foi o início de "A essência do Abismo", e
alguma das images de Brais Remeseiro pra "O Nada no Caos Infinito" propiciárom textos e músicas dalgum tema).
Os
textos nom sempre podem aparecer nas ediçóns por motivos de espaço
(nas cintas sobre tudo). Mais no trabalho que comentas do livrinho da
negra cuberta (que acompanha a cinta dupla de "O Nada no Caos
Infinito" e "Danças de agonia e peste") era obrigada
a sua inclusom, a pesares de ter que incrementar o preço por enriba
do que adoitamos ponher... Mais o resultado final é uma auténtica
maravilha!
N:
Uma vez mais Félix, eternas grazas polo teu gram apoio pra co XERIÓN
e as outras atividades nas que andamos enleadas. Que siga indo tudo o
milhor possível nestes tempos incertos e estranhos... Mais que siga
a tolémia!
https://xeriongaliza.bandcamp.com/
https://padlet.com/nigramors/negrocirculominhoto
https://www.facebook.com/xeriongaliza/