miércoles, 28 de agosto de 2019

"Liçom de tebras", Xerión, 2019

"Liçom de tebras", dos ourensáns XERIÓN.

Enfilamos cara o máis profundo do abismo, acubillados nunha escuridade e friaxe que só acenden a carraxe polo mal e a ignorancia que nos arrodea. O oitavo tema do disco de Xerión é unha reviravolta ó camiño iniciado un par de cancións antes. Estamos no penúltimo canto titulado do cd e no, tamén, penúltimo chanzo da sección do "Abismo".

Non nos abandonan as imaxes da fraga nin do ceo, dándonos a entender que estamos onde comezamos. No mesmo lugar, podemos imaxinar, mais non ca mesma actitude. Lonxe queda a beleza inefable do inicio, as místicas referencias que a natureza transmitía nos primeiros cantos. O bardo esmorece ante un entorno que mudou de faciana e ante o arrebato de forzas internas que o levan á violencia. Maniféstase a sombra da creación onde antes alborexaba a plenitude do belo e sabio.

E as miradas? Tinguíronse de escuro, pero non perderon profundidade. O mirar cara o alto é agora motivo de asombro, mais tamén de pérdida no valeiro inmenso. O "sentimento oceánico" no cosmos xa non se viste de plenitude, senón de pérdida, de desconcerto e falta de agarre. A negrura non só invade o hiperuranio. Inda máis, baixa cara o cantor coma unha escura e mesta chuvia de tristura. Un sentimento que callou no músico. Imaxino que os "silandeiros sons/ Que escrevo/ Na cortica de árvores confusas" son letras, ata partituras!, de cantos levados pola escura violencia cara o seu culme no afundimento da loucura... ou da morte. 



As árbores foron antes comunicadoras de luz e agora son o soporte dun calado recordo de males. Podiamos imaxinar como estes gravados, letras ou notas en pentagramas apretados, van medrar conforme a natureza se desenrole. Que pasará con elas? Acabarán perdendo a forma algún día, voltándose ilexibles, ou medrarán mantendo a integridade e informando o espírito de cantos as lean no futuro? Nestas gravuras vexo a segunda mirada, a que antes gozaba dun especial estado de gracia no medio da natura. Agora semella un medio de medo, onte atopalo e onde deixar mostras del.

A terceira mirada ven xa, no terceiro parágrafo, onde se expresa a alma do cantor e se invirte a potencia do lume nun sopro de frío. A sintonía negativa segue a danzar entre os ceos e o espírito, co entrelazamento da natureza nocturna e adversa. Apagouse o "inmutável" que inda refulxía dous cantos atrás? Iso semella. Agora arde a carraxe e fai acto de presencia o calor do incendio da paixón destructora. No paso dun parágrafo cara o outro invertiuse a polaridade do sentir e do frío naceu un calor que fala de morte. Podemos imaxinar que chove en torno, que a negrura da noite segue apertando con forza, mais o bardo agora arde na febre que consome con ansias, convertindo a auga en lume e os estremecementos en laios de vinganza. Estoupa quen antes era parte dun todo harmónico e antigo, invoca o druída forzas escuras que traerán a catástrofe.

Ou esta xa chegou e o invocador non fai máis que pedir un maior despregue da mesma? Non queda espazo para o recordo, para a historia antiga e a lenda. Non. Só queda chamar polo esquecemento, pola perda de senso e identidade, no preludio dunha sanguenta batalla que traerá máis perda da memoria e o ser. Estamos baixando tanto nesta sección abismal que se respira con dificultade xa...

martes, 27 de agosto de 2019

'Invernia', Xerión, 2019

Debullo de vagar os temas deste disco de Xerión con alegría. A inmersión nas melodías e letras suponme un precioso exercicio que, agardo, vos anime a comprar e desfrutar este 'Na procura do abismo'. Paseniño, vou chegando ó seu fin, sentindo unha fonda sintonía con esta obra e aledándome da súa existencia.

Agora, co sétimo tema, poño un chanzo máis, que non é senón unha visión propia del. 'Invernia' é unha zancada máis no camiño do cantor cara a natureza e a loita contra os ignaros, advertida xa no tema anterior. Desta vez, a natureza queda despoxada da súa dimensión trascendente e só se manifesta fría e durmida, nun espetáculo propio de calquera cru inverno galego. Todo semella reducido ós elementos singulares que a conforman: a nube, a árbore, o lobo,... Sen conexión ca cultura nin a historia, sen posibilidade de conexión co mundo máis aló dun pechado ceo escuro. Xa non hai referencia ó cósmico.

A min evócame despoxamento, desnudez, unha volta máis ó afogamento do espíritu, que vimos sufrindo dende que entramos na terceira sección do disco, "Abismo". Se en 'O augúrio do Imutável' o cantor facíanos partícipes desa falta da anterior conexión mística ca natureza, agora só queda esta como escenario, como lugar xeográfico que percorrer, inda que descubrimos un resto preternatural na chamada que sinte o protagonista cara ela. Tamén podiamos ver un algo superior nese vello moucho de escrutadores ollos.

Todo esmoreceu ante a loita que se achega. Nin sequera temos referencias interiores do cantor. Só nos queda o recordo do "imutável" do sexto tema do disco. A natureza volveuse ameazante. Que cambio respecto dos primeiros cantos! Que esforzos, agora, para acadar ou intuír beleza e esencia nesta noite fría na fraga! O inverno chega ata o corazón, tras arrasar cos froitos vivos de árbores e estrelas. A mirada xeouse e o camiño pérdese baixo capas de neve e tebras. Mais o guerreiro avanza, pois non esqueceu a chamada. Os perigos rodéano, mais el, conscientemente, mantense firme e dá outro paso. Cabe esperar nese dragón durmido? É a única referencia a calor que atopamos. Sen embargo, a súa figura ben pode ser negativa. 



Na nosas historias e lendas é un referente negativo, xa que destrúe, queima e mata co seu alento, ata rapta doncelas. Tamén é tentador, pon probas difíciles a quen quere obter o tesouro que agocha. Dende a cultura bíblica vese como serpe e imaxe do mesmo Satán. Inda máis, e xa facendo eco do poemario 'Na noite, No silencio', de Nocturno, o dragón aparece como un elemento en contra do poeta. Volvendo á letra desta 'Invernia', que viva entre as "pedras dalém da cordura" non me supón un fortalecemento desta negatividade. O termo é suficientemente amplo como para aplicalo neste senso ou lelo como unha penumbra de trascendencia. É dicir, podemos polo en sintonía con dous significados diferentes, inda que non excluíntes. Inda máis, o dragón sería un elemento negativo e trascendente! Sería o primeiro que aparece nesta obra! Ata agora tiñamos esa dimensión como ámbito de embelesamento, máis agora enfrentámonos a un elemento activo, poderoso e negativo que habita, durmido, esa trascendencia. É unha interpretación e sentimento persoais que sintoniza ca música.

Fixástesvos onde van colocados os momentos onde Nocturno entoa, con voces límpidas, a melodía? Despois do segundo e cuarto parágrafo, despois da mención do moucho e o dragón, nos instantes nos que podiamos falar dun alén. Efectivamente, ese mundo "máis aló" das apariencias non aparece neste tema na letra, pero si o faría nas harmonías vocais do cantor. Non vos elevan esas entoacións? Non vos rompe o ciclo musical instrumental? Hai continuidade na melodía, mais non na execución: instrumentos e voz gutural van xuntos para narrar o paso do guerreiro cara o descoñecido, no medio da crúa noite, peeeeeero, cando chegan as voces limpias, o ambiente torna de senso, recórdanos a contemplación do inicio do disco, reanima o "imutável", é un sopro de trascendencia. O que non desvelan as verbas revélano as harmonías vocais.

Moucho e dragón, inda sendo contrapostos, veñen recomendarnos o mesmo: silencio, consciencia, sabedoría agochada, valor para atravesar a noite e entrar na cova tenebrosa, perseverancia.
 

Foto de Ourense, ceo tenebroso antes da chuvia, do 19-09-2020, coa letra copiada do blog de Nocturno.

lunes, 26 de agosto de 2019

'O augúrio do Imutável', Xerión, 2019

'O augúrio do Imutável' é o sexto tema de A essencia do abismo, de Xerión, banda que fai Metal Galaico Extremo. Abre a terceira parte do disco, intitulada "Abismo", e supón o descenso cara o escuro da humanidade.

Atrás queda a contemplación do micro e o macrcosmos, alomenos de xeito positivo e místico. Agora, a ollada descobre a ignorancia e a violencia, a perda do trascendente nos elementos. Seguen diante do cantor a Lúa e a fraga, mais non evocan afoutas imaxes de inefable resplandor. Agora é o lume o que arde. Un lume que fala de loitas, de carraxe que contamina e mata, da ira que revolve as entranas e cega a razón. O perigo atísbase na lumieira que antes era luz e calor de fogar, trasmutada nun horrible auspicio de terror e loitas.

A manifestación da maldade ven acompañada da segreda lapa da resistencia activa. No canto e no cantor está o xermolo da oposición, da loita, a calada presenza dunha forza que, ata o de agora, non tivera actuación, pois non se precisaba dela. Musicalmente, a introducción está en sintonía cos temas anteriores. Continúa a liña instrumental de harmonías cíclicas, mais o tono é pesado, grave, case escuro. É a fluctuación que indica a cercanía do mal, o tremor aéreo que fai adiviñar a treboada, unha advertencia que se desvela con toda a forza cando a breve distorsión aguda da guitarra nos alza e unha recoñecida descarga da caixa de ritmos dalle pé ós guturais de Nocturno. 


Haberá despois un intre de calma, pero cun acompasamento que desacouga, cun silencio que nos tensa e prepara a unha nova acometida. Os graves soan a ecos dunha loita que se recrudecerá. No tema volve ollarse o micro e o macrocosmos, cunha ollada penumbrosa que contrasta ca luminosa dos primeiros cantos. Aquí os elementos cósmicos e a mesma natureza circundante perden o poder da expresión histórica, cultural e trascendente. Quedan ó alcance dun mirar cotián e desapaixoado. O micrcosmos reflicte un sentir paralelo. Xa non afonda nunha apertura mística, senón nunha concentración de acción e esperanza. O inmutable semella seguro, mais está agochado, ten poder, mais hai que rescatalo das profundidades. Ó igual que a confrontación, achégase firme, mais non despregou o seu potencial.

Un detalle que me gustou dos primeiros versos é a forza do telúrico e da acción humana. En lugar de fixar a atención no decorrer das estrelas polo ceo, visibilizando así o calendario, o poder do tempo e a influencia estelar nas cousas da terra, faise partir dos traballos e leceres desta o sentido do hiperuránico. Unha preciosa visión, así mo fixo sentir, de que a capacidade e o cambio humanizador non xorde dos lumes que arden na cúpula nocturna, senón que é o traballo feito a ras do chan o que conta, ata tal punto que lles confire significado a esas belas luciñas separadas por fríos milleiros de anos luz da nosa amorosa Terra.

martes, 20 de agosto de 2019

'Prima Lvna', Xerión, 2019


Voltamos polos derroteiros de 'Prima lvna', o terceiro tema do disco "A essência do Abismo", dos ourensáns Xerión. Inserto no medio da primeira parte, é o primeiro dos tres temas instrumentais. Estes van seguidos, mais forman parte de dúas divisións diferentes. Transmiten como unha zona de transición, entre as dúas cancións máis positivas do inicio e as máis escuras da terceira parte do cd.

A melodía de 'Prima lvna' é suave, morriñenta, con toques de contida epicidade (gran aporte da percusión esporádica e os sons harmónicos que arranca O Rei Celta no Exilio ó seu instrumento). Un instrumental que medra segundo corre o tempo, ca introducción de novos instrumentos e un percorrido espiral que retoma, unha e outra vez, as mesmas harmonías e ritmos hipnóticos. Persoalmente, proxéctame cara o exterior. Seguindo as letras anteriores, a quedar pampo ante o verdor e o color vivo da natureza, ante os antigos montes e construccións pétreas prehistóricas que inda se atopan nas nosas fragas. Tamén a prestar atención ós contos e lendas dos maiores, a recuperar unha parte da memoria dos devanceiros.

Sen embargo, esta composición gaña en profundidade de interpretación se a relacionamos con outra. Hai que acudir ó poemario 'Na noite, No silencio' para descubrir un breve tema cantado, de sentido amor paterno. Trátase da 'Cantiga de berce', o poema e a cantiga que rematan o poemario de Nocturno e o cd encartado que o acompaña. Neste, a voz limpa de Nocturno voa sobre a melodía lene dunha vihuela e as súas verbas corren cara a Luz, en catro versiños de sentido amor e protección.

Será esa "primeira lúa" o primeiro mes de vida de Luz?

Descubrir 'Cantiga de berce' faime sentir unha nova dimensión de 'Prima Lvna'. Axúdame a entrar no acubillo dunha terra meiga coma a nosa, onde a lenda e a historia inda viven apertadas, onde o corazón inda ve máis alá dos ollos e os maiores recordan, quizáis por última vez, tempos pasados que o cantor evoca e sementa en nós.

viernes, 16 de agosto de 2019

Cruz e cruceiro en san Sebastián, Rebordechán, Pontevedra

Un paseo vespertino pola zona ca familia (Graciñas, Rafa!) descubriume a capela de san Sebastián, en Rebordechán, a un paso de Filgueira e o río Miño, sempre na provincia de Pontevedra. Un cómodo aceso e amplia zona de aparcamento, permitiron acercarnos en coche e patear con calma o recuncho. Esto daría pé ás visitas a unha cruz, un cruceiro na cima dun castro e á propia capela.

Quizás sexa esta a que se menta nunha carta publicada no boletín do bispado de Tuy (Tomo XI Año XXI Número 517 - 1879 junio 27). Nela, o párroco da zona dá conta da erección dunha nova capela, da traslación de tres imaxes (san Sebastián, san Roque e a Virxe do Carme) para que moren nela e da primeira Misa solemne alí rezada. O párroco de Rebordechán agradece o esforzo dos poucos veciños, loa a súa fe e dá conta do mal momento económico e agrícola polo que pasa a contorna.


 

Pois ben, no mesmo camiño de entrada cara ela temos unha cruz cunha inscripción ó pé. Nela distinguimos o ano de erección, 1822, así que estaría alí antes ca propia capela, supondo que se levantou e pronto se deu culto nela.



Se collemos cara o monte, nese alto tras da capela, entramos no castro de Cotofurado. Está cuberto de árbores, coma piñeiros, e o chan esvara, debido á grande cantidade de frouma caída. Pedras ó aire permiten un paso seguro por tódolos lados, inda que con ollo. O paseo ten que ser calmo para poder adiviñar formas que desvelen a presencia do castro, non perceptible á primeira vista dun profano.

O que si pronto chama a atención é o cruceiro que coroa o lugar. Non só pola forma angular que desvela a súa presencia ó lonxe, senón pola pedra onde o chantaron. Actualmente, unha elevaciónque semella facer equilibrio. Como se no pasado fose unha pedra firme que o tempo partíu á metade, quedando o cruceiro nunha das partes, perfectamente levantado e ileso.




Non se aprecian marcas nin inscripcións. Tampouco hai sinais indicativos na zona, respecto a este cruceiro.





 

'Prima lvna', 'C.P.U.P.C.' e 'A essência do Abismo', Xerión, 2019

Despois de adentrarme na experiencia de escoitar os dous primeiros temas do disco 'A essência do Abismo', dos ourensáns Xerión, dou un paso cara o grupo dos tres instrumentais. Conceptualmente, son composicións que pertencen a dous estadios diferentes. 'Prima lvna' e 'C.P.U.P.C.' son os temas finais da primeira parte, denominada "Essência". 'A essência do Abismo' é o único tema dunha parte sen título, conformando o centro do disco, co número V de pista. 


Para situarse, as partes son tres: "Essência", (sen título, ou só título da composición) "A essência do Abismo" e "Abismo". Cada unha delas, excepto a central, confórmanse con catro composicións. Na primeira, as dúas primeiras inclúen letra, mentras que as últimas son instrumentais. A central, cun tema único, é instrumental. E as catro da terceira parte son cancións todas. Deixamos fóra do reconto a pista innominada final.

Coller os tres temas instrumentais, atendendo só á súa natureza, obviando a división conceptual, é arriscado. Pero a sintonía que se establece entre eles pode darnos unha nova perspectiva de disfrute. Vounos tratar aquí xuntos, seguindo o meu sentir tras escoitalos repetidas veces, máis respectarei as divisións do autor para poder comprendelos mellor e descubrir a riqueza que aportan.

Que supón iso? Supón subirse a unha montaña rusa de sentimento, a un ciclo de contemplación externa-interna, abrirse ó histórico macroscópico e ó intrahistórico persoal. É a miña impresión.

Nun primeiro movemento ascendente, os sons de 'Prima lvna' lévannos máis aló de nós mesmos, supoñen un vistazo ó que nos rodea, tanto da natureza dos primeiros temas como da historia épica que se adviña nas "quedas pedras/Que agocham o labirinto" e as "velhas lendas e histórias" (K.L.Z.). O tocar do Rei Celta No Exílio aporta esa epicidade, que se viste de morriña. Os graves de 'C.P.U.P.C.' axudan a afondar nun mesmo, no propio mundo inefable que nos descubre como misterio. Xa non só conta a contemplación da natureza e a historia, senón que importa descubrir o propio, o persoal. Non hai desconexión entre ambas dimensións, pois o cantor unifica as miradas cara fóra e cara dentro. Esto xa se le nas verbas de 'Na procura da essência'.

O terceiro tema instrumental supón un alto, como se chegaramos a un alto ou a un lugar de especial beleza, onde un pode parar e calar. Só existe o mirar, a contemplación sen obxecto, o disfrute sen exaltación, a calma viva. 'A essência do Abismo' é a única composición desta parte central, é un belo tema onde os instrumentos modernos semellan vibrar con antigas melodías, como se unha cantiga medieval renacese nunha guitarra eléctrica, ca esencia melódica dunha era pasada e aportes actuais que nola fan cercana. Pode o protagonista, podemos cada un de nós, facer un alto, calar e sentir un algo que non poderemos explicar, mais si sentir. O final do tema, ca súa harmonía e silencio sostido, son unha perfecta evocación desta suspensión existencial. Dalgunha forma, camiñando, escoitando o que a natureza, a historia e a consciencia nos din, achamos a paz. Inda que só sexa un instante.

jueves, 15 de agosto de 2019

'Na procura da essência', Xerión, 2019

'Na procura da essência' é o segundo tema do disco de Xerión "A essência do Abismo", encadrado na primeira sección do mesmo, titulada 'Essência'.

Atopámonos no medio da noite, cas estrelas sobre nós, coma no primeiro tema, pero xa non como contempladores extáticos, senón como camiñantes. Xa non disfrutamos de memorias antigas e imaxes anteriores ó noso nacer, pois agora estamos andando, movidos p
ola anguria, por algo que non encaixa na calma anterior.

Dixen que nos atopabamos no medio da noite, mais non na media noite. Eu interpreto o segundo parágrafo da canción como unha referencia a tres planetas, dos que, quizáis, podiamos deducir unha hora posterior ó anoitecer, ou cercano a el. Digo esto imaxinando que "a donzela" é Venus, luceiro vespertino, que se deita detrás do sol esmorrecente no oeste. Ademais, no resto do tema, a noite faise presente e non hai máis que unha referencia ó abrente na penúltima liña da letra. Ou será que Venus é o luceiro vespertino e, como sucede estas mañás de marzo, antes do alborecer ves precioso xunto con Xúpiter? Se nos pomos, ata vexo unha terceira opción, na cal o cantor comeza o seu camiñar nocturno trala anoitecida e, despois de toda unha noite, cando a Lúa baixa polo Oeste, antes que o Sol saia, fai unha parada.


Nocturno me corrixirá, pero eu aposto por este trío planetario para solucionar o segundo parágrafo:

- "a donzela": Venus
- "o gigante": Xúpiter
- "impassível senhor da guerra": Marte

Marte non me teño fixado, mais Venus e Xúpiter téñoos visto nestas madrugadas últimas do inverno. Son especialmente visibles antes do amencer, cando tódalas estrelas foron calando e quedan este dous faros titilantes do ceo mutante.

O autor sabe de astronomía e non é a primeira vez que introduce tales saberes nas súas composicións. Por poñer o exemplo máis claro, escoitade 'A alquímica dexeneración da ialma', unha das miñas composicións preferidas do grupo. Tamén nesta canción hai estrelas, constelacións e a Lúa, mais as perspectivas son máis escuras, a mesma vida semella morte, a inmortalidade un autoengano e a noite o acubillo de escuras gadañas que se aprestan a unha sanguenta sega.

A natureza aparece como un precioso ámbito de saberes e a busca da esencia de todo como un posible. Esto continúa a contemplación que vía no anterior tema, complementándoo.

A luz parece estar resgardada no empíreo celestial, mais o camiñante tamén posúe un facho precioso e pequeno, que o guía perfectamente. Eu emociónome e non podo deixar de ver a dúas mulleres reflexadas: a Luzinha e a Daga. Sen embargo, vexo no final da canción un novo guía, que non me transmite senón o contrario. Aparece o corvo, a única referencia escrita del, inda que na portada do disco aparece tres veces debuxado, nun ciclo escuro integrado en triángulo dentro dunha enlazada forma circular.

Hai dous poemas de 'Na noite, no silencio' nos que o corvo aparece como unha forza escura de esquecemento e fastío ('Corvos do esquecemento' e 'No Bosque Nocturno...').

Remato con outras relacións que me viñeron á mente, nos dous últimos parágrafos, onde o camiñante se para. Por un lado, relación co primeiro tema, xa que aquí, nese intre de calma, a auga, a lagoa (véxoas como parte da natureza), é fonte de memoria, reflexa lembranzas, xa non vellas, como pasaba en K.L.Z., senón persoais, cercanas. Hai unha evocación do pasado, só que máis persoal, máis cercana ó cantor. Por outro lado, unha contraposición de imaxes respecto do seu tema 'Morte na iauga', outro corte que me encanta. Nel a auga é lugar de morte, pozo no que afundirse e perder a memoria, a vida.

Sumérxete na escura contemplación desta 'Na procura da essência' aquí: https://xeriongaliza.bandcamp.com/track/na-procura-da-ess-ncia