Nestes días o Arquivo histórico Provincial de Ourense estase a publicitar realizando varias actividades. O martes participamos Claustroman, Ami e eu nunha vespertina que foi a de visitar as instalacións do Arquivo na propia cidade, saír parando un par de veces, cara o claustro de san Francisco e descubrir un misterioso ser que se acochaba tras dunha serie de probas basadas no descubrimento de determinados capiteis. Unha horiña e pico ben aproveitada cun estilo cercano e festivo que conduciron elegantemente Begoña e Sergio. A pesar das apariencias non son actores senón animadores contratados polo Arquivo, pero dan o pego totalmente co ben que o fixeron, ca naturalidade ca que encarnaron a dúas personaxes que quizás tardemos en esqueer: Xoana a lavandeira e Xan o frade.
A primeira apareceu ós poucos de comezar a actividade, presentándose como lavandeira e moza presta a casar en agosto. Preguntando se eramos os novicios que viñamos para os franciscanos e as clarisas, comezou un monólogo que soubo dun descanso ó ter que ir na busca de Xan, un frade traballador que, rodeado de libros, copiaba manuscritos no medio do depósito do Arquivo. O santo varón serviu de contrapeso á lingoreteira da muller que, como lavandeira, saber de contos e chismes, pondo a cadaquén un sambenito que evita que falen dela. O Frade ten tratos con ela, lonxe dos carnais, pois ocúpase dos seus hábitos e sírvelle de recadeira. Onte, sen ir máis lonxe, levoulle un documento e un pouco chocolate.
Entre bromas e contos, fomos sabendo da vida franciscana da cidade, especialmente dos do convento de san Francisco, que non sempre estivo alí. Un convento que hoxe soa polo seu claustro. Obra de arte e remanso de paz e frescor, froito dunha sanción eclesiástica. Grosso modo, os franciscanos deran acubillo ós asesinos do sobriño do bispo Yáñez de Novoa; os secuaces deste incendian o convento sito na actual praza do Correxidor; os franciscanos apelan a Roma; o Papa Clemente V ordena a reconstrucción do convento e unha serie de prebendas en favor dos irmáns pobres; o bispo morre; seus sucesores dan conta da construcción dun lugar digno que inclúe o claustro. Claustro gótico, bastante ben conservado inda que erosionado polo tempo, o abandono durante anos e un uso indebido do mesmo. Pedras harmonicamente entrelazadas que gardan secretos simbólicos e xeográficos... porque, ¿sabemos todo o posible acerca do "home verde"? ¿Sabemos onde termina un túnel cerrado pero visible na esquina enfrente do "hombre verde"?
A teatralización destas dúas personaxes deu para coñecer detalles da historia auriense daqueles séculos nos que os franciscanos chegan e son ben acollidos polo pobo. Saímos do Arquivo sendo ben avisados de que podiamo ser abordados polos escuaces do malvado bispo de Novoa e soubemos que o primeiro convento franciscano estivo na actual praza do Correxidor. Subindo cara o claustro, tanto Begoña como Sergio mantiveron as personaxes en todo momento. Fixemos unha parada na Praza da estrela, para botar un canto que recordaba os traballiños que hai detrás dun anaco de pan.

Ben valeu a pena o calorciño pasado. Agora Ourense fala un pouco mellor e podemos atender á súa historia, podemos descubrir lugares cotiás como recordatorios de sucesos que compartir con outros. Ah, e pasarnos algunha vez polo Arquivo, onde seremos atendidos nas peticións que teñamos. Espérase un pronto traslado a instalacións próximas ó claustro de san Francisco, lugar que agarda por eles e pola biblioteca nodal, sita hoxe en Concello.
Son son dúas liñas acerca do vivido onte e ben vale a pena publicitalo. Moitas gracias, Begoña e Sergio. Esperamos novas actividades. Un gusto ir con Claustroman, guía único dese entorno envidiable que nos agarda sempre con misterios e sorpresas. E, nada, agardando quedo para coñecer as novas andanzas do Capitán Gardador, do que en nada van facer estrea da terceira entrega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario