sábado, 30 de abril de 2016

Entrevista a Xerión. METAL GALAICO EXTREMO!!!! I

Ola, Nocturno, un placer esta entrevista.


Gústame saber que hai detrás dos nomes, os significados, así que o primeiro que teño en mente é preguntarche como chegas a porte o nome de Nocturno e nomeas á túa expresión musical como Xerión.

Ola Félix! Mil grazas acordarte de nós para o teu blogue! Imos aló coa entrevista. XERIÓN é o nome co que os antigos habitantes da Galiza, segundo contan algunhas lendas, coñecía ao Deus dos Mortos. Noutras é un xigante que é vencido por Hércules nas súas famosas probas... mais vaia, sempre me gustou máis a primeira versión. Ademais de polo seu significado, que tan ben me viña para comezar con este proxecto de metal galaico extremo, escollino pola súa sonoridade. Con respecto ao meu nome... bon, cando estaba coa miña anterior banda, REGNVM IRAE, empregaba a forma latina Nocturne (ablativo de nox, noctis), mais logo troqueino pola forma galega Nocturno. O motivo... creo que é un nome que non precisa explicar moito os motivos, xa que é suficientemente explícito, aínda que tamén hai unha pequena homenaxe a Nocturno Culto de DARKTHRONE, unha das miñas bandas favoritas. 

Tamén tés un logo que acompaña as impresións e nos di que son material teu. Comentárasme que facías os teus ringorrangos nunha libreta e este foi xurdindo. Que podes dicirnos a maiores? 
A historia del é algo curiosa... Na primeira maqueta, “O espírito da fraga”, non tiña logo, así que empreguei no deseño unha fonte o máis antiga posible para o nome e listo. Mais sempre gostei dos logos das bandas extremas, e daquelas andaba sempre garabateando en anacos de papel, así que deixei que o tempo fose xestando na miña cabeza un deseño. Un día, estudando para un exame de Matemáticas da universidade, apareceu un enorme xis grego no libro de Análise e... bon, a partires de aí xurdiu o logo nun visto e non visto... 

Retomando o tema do nome da banda, fuches cara o pasado mítico. Non só o fixeches aquí, en moitas letras vemos ese regreso a tempos escuros pero non por eso infelices, volvemos os ollos a un pasado onde o druída ou o guerreiro teñen unha presenza poderosa. Cres que actualmente vivimos demasiado na superficie? 
O ser humano tende a mitificar sempre o pasado... “calquera tempo pasado foi mellor” que diría o retrouso... E bon, eu non son alleo a elo e gosto de empregalo nos meus textos. Pero tamén é certo que os procesos mentais tenden a resaltar o bo da nosa vida pasada e esconder o malo dela... e a nivel histórico pasa o mesmo. Con elo quero dicir que cecais o presente non sexa mellor ou peor... é diferente. E xa non digamos a nivel individual de cada persoa! Na actualidade probablemente vivimos moito na superficie... pero se estivesemos no pasado, como sería a nosa vida? Estariamos mellor ou peor? E o que nos toca por vir, vai ser mellor ou peor? Cada vez estou máis convencido de que depende de cadaquén... Hai xente que vive e gosta de vivir nesa superficie da existencia, e outra que gosta de mergullarse profundamente... bon, e outra era mellor que non estivese, he, he, he... Mais a miña vida sería máis plena e máis consciente no pasado mítico que narro nas miñas letras? Uf, non sei se co que penso agora aquelas sociedades me admitirían, e tampouco sei se naquelas sociedades e xeitos de existencia pensaría o que penso agora... 

Unha mirada mítica, mística tamén, que non se queda aló lonxe senón que camiña para adiantarte e mostrarche o horizonte. Nas letras mostras ese futuro sen senso ou un camiñar cara a nada. Pensas que o futuro quedará na escuridade olvidada do pasado ou cres que é un tempo por definir, por facer visible, por moldear? 
A nivel vital, todo é posible, para ben ou para mal. Pero a fin é a que é, e sempre debería de estar presente nas nosas accións ou pensamentos, non como algo soamente obsesivo (algo que ás veces é inevitable), senón tamén como algo incluso tranquilizador. Despois... bon, Todo ou Nada... cal é a diferenza? 

Nalgunha ocasión comentáchesme do teu gusto por pasear pola foresta e disfrutar dos ceos estrelados. Estes gustos vémolos reflexados en vídeos como os de Morte na Iauga e Nocturnal Misantropía, ca forte presenza do verde natural. O ceo estrelado maniféstase nas imaxes de letras como as de Nocturna Contemplación da Saudade e A Alquímica Dexeneración da Ialma. Como mezcla de ambas, o Túmulo dos Corvos. Afunda un pouco nestes gustos. 
Todo o que fago no XERIÓN ten que vir de dentro, ten que ser REAL, non finxido nin imitado. A música e os textos que escribo para este proxecto teñen que manifestarse cando así o preciso, e é por elo que é normal que algunhas das cousas que máis me enchen como individuo afloren dun xeito ou doutro. De aí que as referenzas á Natureza, á Noite, á saudade dos tempos pasados, vividos ou non, históricos ou mitolóxicos, se misturen e se complementen con sonoridades que realcen esas visións, esas atmosferas. Claro, a nivel poético hai que expresalo así... a nivel tanxible e no día a día da miña existencia, tradúcese en longas camiñatas polo monte, noites en vela cun telescopio ao lombo para ver non sei que estrela, cúmulo ou o-que-sexa, visitas a lugares e emprazamentos históricos... 

Á hora de compoñer, deixas que a musa che sople ou tes costume de escribir a cotío? A melodía aparece antes ou despois da letra? 
Pois non teño unha receita fixa para compoñer. Case sempre é a música o primeiro, e o texto despois, moitas veces escrito momentos antes de ser gravado. Pero hai excepcións, claro. E por suposto, no XERIÓN non hai obriga de compoñer, xa que só fago música para el cando hai unha necesidade cáseque vital. Despois depende... hai temas que quedan listos en poucos minutos, mentres que outros precisan de anos para seren concluídos...

(CONTINUARÁ. As fotos de hoxe son todas cedidas, xunto co logo da banda, por NOCTURNO.  Fotos realizadas durante un concerto por
Brais Remeseiro Portela
GRACIÑAS).

No hay comentarios:

Publicar un comentario