Antes
podiamos ir seguindo a pista do teu arte na web oficial. Agora que
leva una anos pechada, por onde podemos pornos ó día na Rede?
Pois o sitio onde máis se nos
pode seguir a día de hoxe é polo Facebook... e máis que nada pola
rapidez de comunicación que supón esa ferramenta. A partires de
aí, hai algunhas persoas alleas á banda, mais que por un motivo ou
outro senten esa necesidade, que actualizan algúns portais de
música extrema ou colgan información en blogues, YouTube e demais
relativos á banda... Se alguén ten interese, non é difícil ter
información sobor o XERIÓN ou contactar connosco... pero iso si,
insisto, ten que ter interese.
Algo
básico é escoitar Xerión. Queda moito material para a venda? Sei
que moitas veces os discos son limitados e numerados... Onde os
podemos pedir?
Soemos, e cada vez máis, limitar as nosas edicións, xa que, non
nos enganemos, tampouco temos tanta xente que nos siga ou que
empregue os seus cartos en mercarnos algo, e tampouco somos unha
banda de dar moito por saco a nivel de promoción. Pero seguen
quedando copias dalgúns compartidos en cinta e vinilo, e tanto
Schwarzdorn de Alemaña como Azermedoth de México seguen a ter en
catálogo copias dos nosos álbumes en CD. De tódolos xeitos, no
blogue de Nigra Mors sempre hai material da banda dispoñible...
Como
non, despois da escoita no reproductor musical están os concertos.
Algunha vez me comentaras que chegaras a firmar na libreta onde un
fan recollía as letras e os recortes de prensa sobre Xerión. Ti
gardas cousas como cartéis, recortes,...?
Si, iso pasounos en México. Un rapaz tiña un bo feixe de material
gráfico da banda, dende fotos ate recortes de entrevistas, fanzines
e demais... por non falar de demos e gravacións. Algo moi meritorio
tendo en conta que case todo o que levamos editado ten sido en
Europa, cunha distribución, ate aquel momento, moi reducida no
continente americano. E si, cada vez que hai algunha reseña,
entrevista, referencia ou o que sexa nalgún sitio, intento
conseguilo para gardalo cos cartaces de concertos, pases de grupo,
flyers... que imos xuntando. Non sei, imaxínome dentro duns anos
cunha copa de viño, cervexa ou likor kafé repasándoo todo coa
Daga e con algúns achegados máis e lembrando historias... Xa
sabes, “un home sen recordos non existe”...
O
último disco que tiven nas mans reproducía a forma dun vinilo
sendo un CD. Con el, metido nun sobre co logo, estaban tres postais
que eran tres portadas e un legajo cas letras. Como se che ocorreu
este conxuntiño artístico?
Este tipo de edicións van xurdindo no momento... Estabamos
rematando de gravar “A hoste antiga do Luceiro”, que ronda os 25
minutos de duración, e pensamos en completar o compacto co material
que editaramos nos compartidos en vinilo e que, quitando algunha
edición en cinta, nunca foran editados en dixital, “Os disonantes
cánticos das árbores mortas” e “O túmulo dos corvos”. Falei
da idea con Igor Mugerza, fantástico debuxante que nos leva
acompañando xa uns anos, e que, ao igual que para “A hoste...”,
fixérase cargo dos outros dous traballos, e ofreceunos facer algúns
trocos nesas portadas para aportar algo novo no visual para o
compilado. E foi aí cando pensamos Daga e máis eu o do sobre cos 3
paneis por separado, co desplegable coas letras e o Cdr con forma de
vinilo... era un xeito de envolver mellor esas gravacións que co
típico formato en caixa transparente ou en digipack... E creo que
acertamos!
Agora,
co último lanzamento, resulta que ata tendes cervexa artesanal. A
ver, a ver, digo, a beber, a beber...
Pois si... Aboriorth, o batería que nos acompañou dende o 2006 ate
o 2008, traballa na Cervexería Artesá Meiga, onde tamén
coñeciamos dende hai anos a un dos socios que a forman, Andrés. E,
bon, xa sabes como son estas cousas... unha conversa levou a outra,
e unha cervexa levou a outra e... por que non acompañar a edición
do terceiro álbum, “Ulfxurz”, cunha cervexa acorde co concepto
tanto da banda como do incluído nese traballo? O resultado, bon,
non está ben que eu o diga, mais saiulles unha impresionante
cervexa, negra como a noite!!!
Na
banda estades “os dous de sempre” e facedes cento e un cos
instrumentos, sacando un son magnífico. Para defender os temas en
directo hai previstos novos membros? Acabará saíndo da penumbra un
batería humano para Xerión?
Agora mesmiño andamos inmersos na xira do XV Aniversario, e para os
concertos que tivemos e teremos (Lisboa, Lugo, Vigo, Ourense, A
Coruña e Santiago de Compostela) contaremos con Aboriorth na
batería nalgúns e O Rei Celta No Exilio na uilleann pipe e whistle
noutros. Pero a base seguimos e seguiremos a ser Daga e un servidor.
Queda
moito por cantar e dicir pero xa sabemos que vita brevis, ars longa.
Gustaríame que antes de despedirte nos comentases como che deu por
meter un romance baixo o nome de Xerión e agora lanzar un cantar de
cego como adianto. Unha aperta forte, Nocturno!! Bico a Daga!!
Bon, o do “Romance de María Balteira” e o do “Cantar do cego
e a Morte”... non me gusta repetir fórmulas nin conceptos...
Algunha vez me teñen preguntado por que non seguimos co estilo máis
cru do “Nocturnal Misantropía” ou co máis folk, ou co máis
heavy... mais as cousas non funcionan como a xente cre. A música do
XERIÓN sae nun momento preciso e nunhas condicións vivenciais e
existencias moi concretas, que son imposibles de repetir despois.
Podería ser imitado, asemellarse dun xeito premeditado, mais xa non
sería real nin auténtico, e iso non vai nin con este proxecto nin
coa miña persoa como creador.
Mil grazas, Félix, por lembrarte de nós, e por todo o apoio amosado
en todos estes anos. Desculpa a demora en contestar esta interesante
entrevista! Unha forte aperta!
Vémonos no Inferno!
(Logotipo cedido por NOCTURNO e fotos das miñas escuras coleccións onde recollo tanto concertos como momentos entrañables).
Un vistazo a fogonazos de directo, AQUÍ.
No hay comentarios:
Publicar un comentario