martes, 3 de mayo de 2016

Un paseo por Vilanova dos Infantes.

A idea de Ami de visitar a torre de Vilanova dos Infantes deu lugar a unha saída familiar pola zona. Había uns cantos anos que non subía á torre e non sabía se se podía visitar. Vimos que si e que se ofrece, a maiores, un paseo polo pobo, todo cuns precios simbólicos e a simpatía dunha rapaza encargada de abrir a torre e mostrarche Vilanova.

Praza ó pé da torre de Vilanova.
A torre é o que queda dunha construcción maior e está magnificamente restaurada e conservada. Accedes a ela por unhas escaleiras laterales e permíteche seguir subindo, por dentro, ata a cima dela, lugar onde un pasillo de metal dá a volta sobre a pedra centenaria e mostra a beleza dunha contorna dominada polo rural. Precioso para un día de sol como o que subimos, lanzando a vista ata as cimas que van delimitando o horizonte. Delas, eu resalto dúas. A da cercana Castromao, lugar con restos arqueolóxicos que hai anos non visito pero que está a un paso e dá fe da presencia humana na zona hai milenios. A outra cima está máis lonxe e nunca subín. Un monte onde se  alzan antenas de repetición, creo que da televisión, e onde se atopa unha capeliña adicada a san Cibrao. Pertence á parroquia de Pardavedra e hai anos recibía unha procesión de coches, os menos, e xente que subía honrar o santo en setembro. Se algunha vez colles pola estrada de Allariz a Celanova verás referida esta advocación romeira ó pouco de pasar Corbillón.

Baixando entre alicerces.
Moito máis ves desde o alto artificial da torre. Así, a cercana igrexa parroquial, lugar que algún di que foi ocupado antes por un monasterio feminino fundado pola nai de san Rosendo, Ilduara, despois de enviudar. Tamén nel entraría a súa filla trala perda do seu marido e, pese á cercanía, sería independente do de Celanova, a quen se afiliaría co tempo. Seica non hai tantos lustros que se vendeu o que quedaba e parte das súas pedras remataron no muro que hoxe custodia a igrexa. Outra das curiosidades documentada é que as monxas serían trasladadas a Allariz uns 300 anos despois da fundación, xa no século XIII, e que fillas de rei entraron nel. ¿Sería este mosteiro feminino inicio da poboación de Vilanova? ¿Ata que punto non lle daría o senso feminino que se le nalgún documento medieval sobre a vila, presentándoa como Vilanova das infantes?

Igrexa parroquial enfrente, Castromao no alto, un pouco á esquerda.
Outra igrexa chama a atención dende alí. Coñecida pola súa imaxe da Virxe, imaxe única e desaparecida a día de hoxe. É o santuario da Virxe do Cristal. Unha curiosidade que chegou a estar na Corte e Vila de Madrid para ser investigada e que constitúe unha devoción popular que atraía xente de lonxe e de moi preto ata a súa festa. Don Adolfo, o seu penúltimo párroco, morreu de forma violenta, e segue a ser recordado e chorado por cantos o coñecían. Home que máis dunha vez levaba enriba a imaxe e non deixaba de gabala ante propios e estraños. Ogallá vexamos pronto a resolución xudicial acerca da súa morte e se atope o desaparecido vidro que custodiaba a dobre imaxe da Virxe.

Marcas de canteiro na parede.
Unha lástima do alto da torre é que desapareceran, seguramente polo desgaste ó aire libre, dos catro mapas que lle puñan nome ó terreo contemplado. Incluso terían que actualizarse se quixeran recoller esa nova vía de comunicación que se ve e que é o tramo de autovía ata Ourense.

Dentro da torre tes tres pisos para breves explicacións en murais e maquetas, ademais dalgunhas publicacións na entrada (aquí cóntoa como un piso). A novidade é que podes descender un nivel e ver parte dos alicerces, curiosamente conformados por pedras de diversa factura. Aquí non se ven esas traballadas pedras que si admiras dende fóra e conforme subes, tantas veces marcadas por distintos pedreiros ou asociacións deles. Os muros son grosos, con escasos vanos e moitas "marcas de canteiro". 


 
Pero Vilanova non é só a torre e ben paga a pena pasear con calma entre as casas ou parar un rato na praza, falando con algún veciño con gana de parola. A imaxe que te levas poderías complementala cunha visita o próximo 17 de maio, día en que se celebra a Raigame, unha mezcolanza de cultura, feira e pasatempo que enche literalmente as rúas do pobo e os arredores. Ese día hai moito que ver, sendo Vilanova marco e lenzo dun encontro festivo con xentes vidas de lonxe. Non sei se seguen facendo publicacións con motivo desta "romería" pero na Rede inda atoparás algunha de anos pasados, con artigos breves pero interesantes sobre oficios, historia e xente que pasou facendo algún ben á cultura popular. 


Santuario da Virxe do Cristal. Actualmente, desaparecida a imaxe orixinal, sustituída por unha copia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario