miércoles, 31 de marzo de 2021

PREGÓN DE SEMANA SANTA 2014 en Ourense

PREGÓN DE SEMANA SANTA 2014

Que se pronunciou en Santa Eufemia do centro. 15 de abril de 2014. Ourense.

1. Benqueridos fillos e irmáns, permitide que non alongue o saúdo e que este, tan pequecho, chegue a todos. Non é cousa de saber hoxe que autoridades ou xente importante está entre nós senón sabernos todos protagonistas deste momento e sabernos inmersos nun ambiente no cal non hai primeiro nin último. Sentídevos saudados e importantes todos, vós que viñestes facerlle unha visita a Cristo neste lugar sagrado para encontrarvos con El na palabra e na música. Atentos, pois, non vos despistedes, que non decaia esa atención e ganas de rozar a Eternidade, de quedar atrapados polas notas harmónicas de composicións relixiosas, de mirar cara a cara no silencio os ollos do Amigo inmortal, de vibrar ó tempo que o aire se nos volve transporte cara a Inmensidade e o Profundo,... Atentos, atentos, sen perder esta ocasión única neste tempo único. 

2. Rodeados como estamos de historia, sintámonos parte dela, saibámonos respiro destas pedras e altares que reflexan unha Beleza viva e eterna. Sintámonos historia viva e presente destas rúas, prazas e templos que continuamente se nos presentan como camiño cara unha cidade eterna e inmortal. Que o cotiá non afogue esta verdade: estamos de paso. Pero non para pasar de todo senón para camiñar firmes cara a meta. Estamos de paso non coma quen fuxe e anhela un refuxio senón coma quen é bendecido cunha vida en marcha. Estamos de paso, ás veces correndo, ás veces indo despaciño, ás veces axudados pero sempre de paso. E os camiños cercanos e os templos son, daquela, pedra que nos fala e nos leva, que nos permite atravesar unha cidade e atoparnos.

Rodeados de historia, coñecemos as rúas de pedra e nomes de tempos pasados. Rodeados de historia podemos apoiarnos nela para camiñar mellor, saber de onde viñemos para poder decidir mellor a onde ir; podemos collela da man para que nos conte as súas lendas e acontecementos, podemos sentila mestra; e acubillándonos ó seu calor, calor de auga viva, poderemos descansar do traballo de cada día ou dos pesares por non ter ese traballo que nos dignifica e que tanto agora se degrada.

Os templos, desa mesma pedra que as rúas, son como antorchas firmes que custodian a luz da fe. Casas de Deus que ancoradas na mesma terra da cidade secular se tornan voo directo ó Ceo, elevación de preces e sentimentos, megafonía da divina voz e amplificadores da petición humana. Son os templos que nos rodean moitos: estas paredes de santa Eufemia, a cercana Catedral, sé do Bispo, nai de tódalas outras igrexas, santo Domingo, santa María Nai, a Santísima Trinidade, as capelas da casa sacerdotal,... E segundo ampliemos o radio de paso e recordo moitos outros aparecerán. Son estas casa de paz, remanso dun tempo que non se mide con reloxo e promesa dunha calma e paz maiores. Son eses espacios museo de tempos pasados e recordos dunha fe que sigue viva, durmida moitas veces ou avellentada pero viva. Son columna de lume que nos marca un destino feliz nas horas de zozobra e tempestade, son faro onde atopar guía na Palabra dese Deus ó que podemos chamar Pai, son alumiño dun Amor que segue esperándonos, son ventá aberta a un Ceo que xa vive entre nós. Pero son tamén nube de frescor e descanso, penumbra que sabe de segredos, espacio silente onde atopar as mellores palabras e as máis importantes. Son estas igrexas, quizás tan cotiás que apenas nos fixamos nelas, son estas igrexas ámbito de encontro e espacio de crecemento que están ó noso servicio e de nós esperan unha visita, un apoio, un rato da nosa vida, unha palabra, un rezo, un acougo para a confesión, un sorriso á hora de Misa, un recordo agradecido ós que xa pasaron e un paso decidido dos que de paso estamos.

3. “O Verbo de Deus fíxose carne e habitou entre nós”. Ah, bendito misterio da encarnación do Fillo de Deus, felices nós que recibimos tal visita e se nos entrega tal Luz. Deus, o Innombrable, o Trascendente, o Totalmente Outro, o Señor,... Deus, Deus feito carne, feito home, feito historia, feito paso. Deus feito un coma ti para que ti sexas un coma El. Bendita teofanía, impresionante revelación, incrible acto de amor daquel que nada precisa!! Deus feito coma ti para que ti sexas coma El.

A ti, fillo ou irmán, a ti hoxe tócache recoller este feito e facelo actual. A ti che toca regresar a casa hoxe sabéndote pés de Cristo, sabéndote amado e elevado ó Ceo polo nacemento, vida, paixón, morte e resurrección de tal Deus-home. A ti, cristián ou curioso que viñeches a recibir o goce da contemplación estética e o deleite dos sentidos ante o espectáculo da bela unión da arte ca fe, a ti, que me escoitas, tócache recoller o testigo deste Deus que pasa polo mundo e con El nos invita a camiñar.

Escoita atentamente, recibe a mensaxe, abre oídos e corazón...

4. Teredes que perdoarme este pregón porque eu non pedín facelo e quizás non teña a arte nin a lírica deses pregoeiros máis ou menos profesionais que noutros recunchos da nación se prestan e saben. Eu, coma vós, son tamén aprendiz e camiñante, inda que hoxe me toque por a voz. Que Deus me perdoe e que vós o entendades. Sonvos cousas de obediencia ó Sr. Bispo que mo pediu. Pero unha obediencia tinguida pola confianza, que agradezo pero que me fai tremer pola responsabilidade, e tamén polo humor, como cando un compañeiro, aquí presente, me di: un bo pregón é largo. Algo de caso lle fixen...

5. Pregoarei, pois, e direivos: Cristo está vivo!!

Ese Deus-home que pasou polo mundo facendo o ben, que se fixo home nun lugar concreto e para unhas xentes concretas, que se converteu no pastor do resto de Israel e enviou pastores ós catro confíns do mundo, ese Deus-home de nome Xesús está vivo. En cada sagrario segue a súa luciña acesa e convértese nun punto de atención para a nosa fe e adoración. Xesús, que viviu pobremente, pobremente está nas nosas igrexas. Deus, que plantou a súa tenda no medio do mundo, planta a súa casiña en cada sagrario para que o vaiamos saudar. E ata El mesmo sae para que o comulguemos ou o levemos ata os enfermos e aqueles que xa non se poden acercar á luz e descanso do templo.

Cristo está vivo e non coma calquera de nós que imos vivindo cara a morte. Non. El xa está noutro nivel, noutro chanzo de vida. El xa subiu por riba da morte despois de durmir entre os que moraban na escuridade sepulcral. Cristo vive e ese é o anuncio do anxo da Pascua, esa é a nosa fe que nos estira as ilusións e desexos cara unha eternidade na que poidamos recoñecernos e atoparnos con aqueles ós que nos uniu o amor.

6. Cristo non só está vivo senón que é a vida. E así atopamos nese nazareno sufrinte e resucitado a esperanza e adianto da nosa meta: vivir e vivir por sempre á súa imaxe. Por eso, non deixemos de escoitar como Marta, a irmá de Lázaro, escoitou dos beizos do Mestre: cres isto? Cres en min?

Cres ti, irmán, nese home que carga cos pecados todos do mundo, nese Deus que os purifica? Cres ti nese varón de dores que tantas tallas reproducen sufrindo, nese Deus que se eleva por riba da morte e os seus exércitos? Cres ti nesa resurrección prometida que xa Cristo vivíu e que ó remate desta Semana grande se nos recordará? Podes porte ti ante o sepulcro aberto de Cristo e camiñar seguro polo mundo fiado na súa presencia amiga invisible pero certa? Cres ti nese crucificado que nos invita cargar a cruz porque El xa está co seu ombreiro baixo ela?

7. E chegamos ó remate cando inda apenas empezamos. Cousas da vida e das súas limitacións. Por moito que queiramos non se pode estar na procesión e repicando. Pero o camiño está aí, agarda.

Camiño desta Semana de paixón, morte e resurrección. Semana onde moitos pensarán no descanso e na escapada e pode que se esquezan do que dá descanso interior, calma, ledicia e forzas. Semana de vacacións e tempo libre, si, e por iso semana propicia para o encontro co Deus vivo que, coma nós, naceu, vivíu, comeu, falou, traballou e descansou. Esta é a Semana que nos agarda. Semana desgastada na nosa cidade e que quixera espertar deste desánimo e indiferencia relixiosa. Semana avellentada que non atrae ós mozos. Semana ante a cal un se pregunta se volverá chover o Venres Santo e un ano máis, o cuarto?, non se sairá a procesionar. Semana que empezou preciosa e participada no Domingo de Ramos pero que pode sufrir unha renovada traición se non nos facemos presentes nas celebracións destes días.

Porque o camiño desta Semana é o camiño dun condenado, dun fracasado, dun mestre de boas palabras e accións que sufre escarnio público e público abandono de moitos seguidores. Este é a Semana dos que aclaman primeiro e despois piden a cabeza do aclamado porque non cumpre os seus gustos e espectativas. O camiño destes días é o resumen dos males do mundo e das desfeitas que produce a inxustiza, o pecado, o abandono de Deus, o non porse tranquilamente ante o Pai para dicirlle de verdade: fágase a túa vontade. Como fixo Xesucristo, como fixo María e Xosé, como fixeron os santos...

8. O noso camiñar polas rúas e o noso visitar os templos cercanos ou lonxanos, faranos estar máis preto desde Deus-home sufrinte e glorificado na cruz, máis preto dos que coma El son torturados e abandonamos? Ou quedaremos esperando a que non pase nada, quedaremos calados e indiferentes pensando que o conto non vai connosco? Acordarémonos de santa Bárbara cando trona ou abandonaremos a nosa posición para ver en que acaba este camiñar cara o calvario ca cruz ás costas? Seguiremos vendo pasar a procesión ou meterémonos nela? Deixaremos de desexar vivir para facelo xunto a este Deus vivo de vivos? Veremos a Cristo que resucita e alegres o anunciaremos?

9. Ante o grande crucificado desta igrexa habemos de retomar forzas e ganas para o camiño. Quedan por diante catro xornadas intensas que nos falarán da entrega de Cristo na última cea, do seu lavarlle os pés ós que antes purificara a alma; do seu prendemento pola traición dun dos íntimos e o paso pola prisión, os xuízos e o escarnio público; da súa tortura e camiño cara o calvario, con esa crucifixión que o leva a perdoar e non condenar... Quedan igrexas abertas que visitar e imaxes que nos transmitirán parte do sentimento cristián do autor e daqueles que as encargaron. Quedan sagrarios que esperan a visita e tallas que agardan o momento de iluminar as rúas desta Auria vella. Non faltarán sacerdotes que precisen da nosa axuda nin celebracións que nos chamen a participar dos misterios da morte e resurrección do Señor. Non deixará de haber a posibilidade do encontro reparador do sacramento do perdón nin a ocasión de promover bos desexos e mellores accións. Só hai que querer. E espertar este sentimento durmido de Semana de paixón para poder corear cos anxos e santos a resurrección do Señor o sábado pola noite, na solemne Vixilia Pascual, nai de tódalas vixilias. Só hai que deixarse tocar polas bágoas da boa Naiciña María que acompaña ó seu Fillo en silencio.

Ante o grande crucificado deste retablo habemos de examinar o noso amor a Deus, á Igrexa e ós demais, habemos de dicir nós tamén: creo pero axúdame a crer.

Ante este grande crucifixo do que pende o mellor froito habemos alimentarnos e sabernos vivos, discípulos deste Deus vivo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario