San Benito do inverno 2021, O Rabiño IV
Investigando nas campás de san Benito co sr. sacristán e o autor do artigo |
Aí atrás escribía que o mundo académico era realidade aparte, e non era por mal, senón porque iba atopando referencias, pero na Rede pouco tiñamos con fundamento e amplitude. Botaba de menos un artigo con calma e monográfico sobre o santuario. Daquela estaba rastrexando que ofrecían as redes, pero aí pouco podíamos recoller. Nalgunhas páxinas web si atopamos datos suficientes para facernos una idea. Así que hoxe dou un pasiño e compártovos una sinxela síntese dun artigo publicado en papel. Por aquello de ampliar miras e comezar a filtrar estudios nas redes sobre O Rabiño. Trátase de 'O humilladoiro de san Bieito do Rabiño (Cortegada-Ourense) e os petos de ánimas que del se benefician', escrito por Xoán Ibáñez Rodríguez.
Nada máis comezar vai establecer a diferenza entre milladoiro e humilladoiro, deixando claro que este ten entidade de seu e non precisa ser relacionado con aquel. Por que quere comezar así? Porque na entrada pa igrexa, conforme se sobe desde Cortegada, hai un cartel que di que milladoiro é orixe de humilladoiro. Gracias á definición que descobre o autor, xa podemos decir que non, ou que non necesariamente. Tal como vos adiantaba aí atrás, o do Rabiño tamén foi coñecido como san Benito da Arnoia. Lemos: De vello, o templo coñecíase como san Bieito de Arnoia, por estar inxerido na comarca da Arnoia Baixa, onde o río deste nome se achega ó Miño. Recorda que foi un importante priorado dependente de Celanova e que Cortegada era anexo. Nós podíamos aumentar, dicindo que san Xoán de Louredo tamén o foi. A igrexa é barroca, con nave central e dúas capelas laterais, de cruz latina. Na fachada amosa a data de 1862 (inda que unhas liñas despois di que pon 1861), mais a campá pequeña custodia a de 1612. Rabiño non é diminutivo, senón contración, co significado de "por riba do Miño".
A continuación, comeza a investigación sobre o humilladoiro, do cal non sabemos data, pero atrévese don Xoán a decir que ben pode ser da segunda metade do s.XIX. Situado a uns 50 metros da igrexa, fóra do adro, parece situar o fin do pobo. É de planta cuadrangular, duns 6 metros de lado. As columnas, con arcos de medio punto, deixan ver polos catro lados o cruceiro interior. Está cuberto, cun precioso traballo interior de nervios e medallóns pétreos. Moitos inda lembramos como estaba antes de que restaurasen o monumento e o deixasen tan ben como agora se desfruta. Antes, catro paredes de madeira pechaban o cruceiro e creo que só se abría una os días de festa, dispondo alí dun lugar onde comprar exvotos de cera. O autor continúa ca descrición do cruceiro e as imaxes, aportando varias fotografías ben evocadoras, e preguntándose se terá alguna relación cunha construcción semellante na Cañiza, o santo Cristo de Miranda, en Valeixe.
A continuación, dá conta dos dous petos cos que se atopou, un deles xa debidamente documentado, mentres que do outro non sabía. Remata con varios agradecementos, entre os que e contan a don José Ramón Villar, ó sacristán don Rafael e a min mesmo, que me cadrou estar alí. O tema do humilladoiro xa vedes que ben daba para unha seguinte investigación. Preguntar se os maiores recordan como estaba antes, dende cando estaba tapiado, se se relaciona con alguna práctica piadosa, ver se houbese quen o fotografase con boa calidade e buscar a maneira de revisar o lateral do tellado, pois na pedra que sobresae, baixo as tellas, quedan restos de escritura tallada na pedra (letanías?, pregúntome, pois nunha ocasión pareceume ler "ruega por nos").
Como non, á vista desta aportación culta, queda tamén pedirlle ó concello que revise e cambie o texto do cartel; se non é agora, cando lle toque cambialo por un novo.
Como complemento, uns recortes de cando fun investigando sobre os humilladoiros e unhas fotos que tirei do de san Benito do Rabiño. Respecto das xa publicadas, a primeira foto e o texto pertencen ó artigo de don Xoán. O resto saqueinas eu.
No hay comentarios:
Publicar un comentario