jueves, 18 de marzo de 2021

San Benito do inverno 2021, O Rabiño VIII

San Benito do inverno 2021, O Rabiño VIII

Imos chegando ó fin deste particular novenario de lembranzas, fotos, escolmas de estudios e vellos documentos que, dalgunha maneira, poden irnos debuxando a importancia e influencia do san Benito do Rabiño. Mais queda moito por escribir, que por dicir, xa moito dicimos e falamos. Penso que, se toda esa tradición, ou tradicións, oral dos nosos maiores se puxera por escrito, había quedar un precioso documento que se xuntaría cas referencias históricas que coñecemos estes días. 

San Benito do Rabiño, 11 de xullo de 2006
 

Non sei que se recollese en algún medio audiovisual o falar dos que se achegan a san Benito. Curiosamente, si hai uns minutos dos fieis que foron ata Los Molinos, Madrid, a levar a imaxe do santo, tal como vos contaba onte. No vídeo de Youtube que sintetiza a chegada da imaxe e os veciños do concello de Cortegada alá, quedan os tramos finais para entrevistar ós presentes, converténdose eses intres nun precioso documento único. Por non recoller, penso que nin hai constancia de persoeiros que visitasen o templo nin das súas verbas. 

 

 

No 2017 acertei a ter tempo para achegarme e levar parte da prédica de don José López Gil. E se buscase con calma, ata pode que atopase as liñas que lle dediquei a un bispo de Ourense cando veu pola festa (creo que fora don Carlos Osoro). E máis aló? A memoria efímera. Ou non? Imos ver. 


 

 

 

 

Fóra da Rede pode que moito material esté agardando para darnos unha sorpresa. Dentro dela, podemos recoller, por exemplo, o dato deste relixioso que naceu no Rabiño. Ollo, que, tal como levamos advertido, a referencia cambia, sendo aquí san Benito da Arnoia. Vexamos o resumo biográfico de fray Santiago Álvarez, relixioso agustino bautizado no Rabiño.


 

 

 

A mesma denominación que lle cae a estoutro recorte dun libro dixitalizado, onde se dá conta do paso dun relixioso pola parroquia, por mor dunha misión. Tamén sobre unhas misións parroquiais fálannos as cruces brancas do exterior da igrexa. Recollo o inicio da misión predicadora do pai José de Carabantes no bispado de Ourense en 1669, onde comezou pola parroquia da Santísima Trindade e pasou polo Rabiño, aquí sinalado como "San Benito de la Arnoya".


 

 

 

E esta carta de agradecemento que o párroco daquelas, don Emilio Viéitez, escribe ó seu bispo, e que quedou impresa no boletín do bispado. 


 

 

 

Este nome danos para colar un estudio na revista ourensá 'Diversarum Rerum', onde o Rabiño é citado como lugar onde existía unha pasantía, un estudio dirixido polo párroco para aprender latín e outros saberes a futuros seminaristas, sen estudios inda. Este recorte pertence ó dito artigo, publicado no número 12 da revista.


 

Ó final, algo hai, pouquiño, pero algo hai. E quédame a alegría de poder contribuír un nadiña con estas entradas sinxelas, que seguiron un particular novenario de historias sen moita planificación. Agardemos que quen administre o Facebook parroquial poida ilustrarnos máis no tempo que irá dende esta festa do san Benito do inverno ata a do verán.


 Festa do san Benito do verán, o 11 de xullo de 2006. Actualmente, é a festa recoñecida para toda a Igrexa, pois a do 21 de marzo quedou para a Orde Benedictina e as parroquias que inda a festexan, por aquelo de que teñen ó abade como patrono. Se non, a festa do san Benito do inverno desapareceu a inicios dos anos 70 da epacta, cando se reformou o calendario litúrxico da Igrexa Católica. Na imaxe temos, dende a esquerda, a don Rafael, o sacristán, ó falecido párroco don Delmiro González Carpintero (+11-06-2011) , don Benito de Padrenda (sentado). O santo que mostra o libro aberto é san Pedro e leva as chaves na súa man esquerda. O báculo que asoma á dereita da foto é o de san Benito, que tamén leva un libro aberto nas súas mans, o libro da súa Regla (o de san Pedro aberto cara a concurrencia, o de san Benito aberto cara el). Sobre o altar atópase o relicario de san Benito, que se expón durante as misas das súas festas.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario