jueves, 11 de marzo de 2021

San Benito do inverno 2021, O Rabiño

San Benito do inverno 2021, O Rabiño

Aquí tendes o cartel deste ano do san Benito do inverno, na parroquia adicada ó santo abade en O Rabiño, no concello de Cortegada, arciprestado (dende 2013, pois anteriormente pertencía ó de Cortegada) de Ribadavia. 


O de Rabiño, sempre nos contaba don Pepe, "o veterinario", que viña do latín, de dúas verbas que se contraían e que significaba "ribeira do Miño". Nos séculos XII e XIII é zona coñecida como couto de Riba de Miño (comprendía O Rabiño, Cortegada, Refoxos e Zaparín... Quedaban Meréns e Louredo pos Puga, para Milmanda?), dependente do mosteiro de Celanova. Tamén foi coñecido como san Benito da Arnoia.

Celebrar dúas misas no día ven de vello, inda que non sei exactamente cantos anos. A da mañá é xa de tempos de don Esteban Rodríguez Viso, que baixaba desde a casa familiar de Louredo a celebrala. A cousa de celebrar dúas seica vén de cando dúas irmás pagaban cadansúa Misa (en tempos xa de don Delmiro?)

Non sei como está a cousa agora, con todo o tema de saúde, mais era tradicional oír misa e novena, achegarse á imaxe do santo, situada na capela lateral da dereita, pasar un paño polo seu manto e a continuación pola cara do fiel, ademais de ofrecer un exvoto de cera ou levar-coller aceite do santo. No cartel vemos que se segue a bendecir, o cal nos leva a preguntarvos ós que seguides indo: para que o usades? Antes era para pasalo enriba dalgunha parte da pel enferma ou para ilo queimando paseniño cunha "mariposa", a poder ser, diante da imaxe do santo, en casa.

Tamén se usa aceite para a unción de enfermos, mais non é o mesmo aceite que o que se bendí, pois o óleo do sacramento foi bendecido polo bispo nunha solemne celebración na catedral o Xoves Santo para, posteriormente, ser recollido polo párroco e conservado dignamente ata o seu uso. Esta costume da unción tróuxoa o actual párroco, don José Ramón, e é unha idea magnífica que recorda o coidado da saúde física, psíquica e espiritual dende o santuario de san Benito.

Algunha historia de curación hai, inda ben actual, e que foi motivo de que a fiel levase unha copia da imaxe de san Benito dende O Rabiño ata Los Molinos, en Madrid, haberá uns 14 anos, con participación do pobo e do párroco, don Delmiro.


No hay comentarios:

Publicar un comentario