jueves, 28 de enero de 2016

Primeira parte da entrevista a Claustroman.

O amigo Alberto ofrece unha longa entrevista que vos ofrezo en dúas partes. Ei vai o entrante, amigos. Graciñas, Alberto.

Ola, Alberto, ¿que fas fóra do claustro?

Moi boas. Pois nestes momentos, estoume recuperando duns achaques de saúde que me levan un tempo bastante fastidiado. Paciencia e resignación é o que tocan aínda co bo humor ninguén mo quita e ríome de min mesmo. Moita lectura, un par de proxextos literarios e outro profesional son os próximos obxectivos. 


Pasaches unha boa tempada ó amparo das forzas naturais e os seus cambiantes rostros no alto de Ourense. Seguro que hai mil anécdotas. Compártesnos algunhas?

Ante todo hai que dicir co estado de ánimo inflúe moito na percepción das cousas. Cando hai temporal e o vento zoa con moita forza, ás veces pódeste asustar pois as palmeiras cimbréanse dunha maneira espectacular na que parece que se van caer pero en realidade son duras e resisten todo, teñen máis de 100 anos de existencia e despois claro, de regaliño cae unha póla que hai que recoller.

Se tes un mal día ocasionado pola derrota do teu equipo de fútbol sínteste mal e únicamente ó dar longos paseos desaparece esa sensación negativa. Eu sempre digo que é terapéutico e é o mellor xenérico que hai, tódolos vecinos deberían visitalo e pasear con calma, eso sí, nun día que faga bo tempo.

A chuvia é ben curiosa, é moi linda escoitala co seu ritmo ben acompasado pero a aparición das pingueiras nos sitios más inoportunos fastidia un montón…

A néboa si que mete medo! No inverno é impresionante, pois as mañás tarda en saír o solciño e polas tardes enseguida se fai de noite. Como a iluminación está enfocada ós pasillos e non nos capiteis, ás veces é unha sensación misteriosa e espectral. Cantas veces fixen o circuito cunha linterna e quedamos abraiados coa impresión que transmiten os capiteis nesa atmósfera invernal e sombría…

Resistín ó frío e a humidade que son constantes e permanentes no recinto, hai unha diferencia de case 5°C respecto ó exterior!!!!! 


A presencia de gatos deberíanos facer pensar nas meigas invisibles e na devoción de arcanas culturas a estes michiños. Algunha vez tiveches visitas do Alén ou humanas pero de corte preternatural?

Certo, aparte da presencia de gatos nos capiteis hainos de verdade, por certo, moi ben mantidos grazas á bondade dunha señora que lles daba de comer dúas veces no día na cancela da obra. Eu tiña bautizados algún gatiños co nome de Rayo, Trueno, Relámpago, Centella…. debido a súa rapidez... 

Unha vez unha señora inglesa duns 70 anos aproximadamente moi educada que tiña a intención de facer psicofonías abre o bolso e déixame abraiado pois non esperaba esa reacción dunha persoa adulta, díxenlle que iso non podía ser, que sacara fotos ou vídeos pero que para iso era necesario que pedirá permiso á administración! Calquera sabe o que ía sacar do bolso! Ista anécdota fíxolle moita graza ós compañeiros pois dicían que aumentarían as visitas de curiosos e bruxos!!! 


No claustro hai representacións varias esculpidas en pedras. Animais, vexetais, seres mitolóxicos... pero houbo un que nos deixou bos recordos e do que te documentaches ben, o Home Verde.

 Pois si, o famoso e ben querido Home verde. É unha das representacións con máis encanto e misteriosas do claustro. Dúas persoas viñeron expresamente a visitalo, o famoso Padre Pardo, un pastor protestante que recorre toda Europa buscando esta figura e o investigador galego Alfredo Erias Martínez, para min o mellor investigador que hai hoxe en día que ten unhas publicacións moi amenas e completas sobre este tema fascinante, por certo, veu de incógnito.

Hai dúas posibles interpretacións, a concepción clásica e positiva, que adopta esta imaxe pagá do home verde como dador de vida, como o mesmo Xesucristo ou ben os resucitados do paraíso. Por outra banda, o cristianismo medieval crea o oposto, a contravisión ou simbolismo negativo, como un ser que devora a vida ou crea a árbore do mal. Un ser demoníaco relacionado co mal e o pecado, o demo mesmo ou ben os condenados ao inferno.
O contexto é fundamental para a interpretación no seu conxunto.

Encántame o aspecto que colle según a estación do ano, co frío e a humidade colle ese verdor tan característico, fomentado tamén pola súa situación tan estratéxica na galería leste do claustro, concretamente no capitel número 20 facendo esquina co corredor sur. Coñézoos todos cos ollos pechados... 


De todas, non todo é antigo ou non todo ten a mesma antigüedade, non si? Hai elementos pertencentes a idades modernas e contemporáneas.

Certo, non todo é da mesma época. Ó longo do tempo houbo moitas transformacións sobre todo na época que foi cuartel militar. A cuberta é totalmente nova, o claustro estivo case 15 anos ó descuberto.

A antiga Sala Capitular convertérase na Sala de Bandeiras e Biblioteca ó carón e as vidrieiras están totalmente rehabilitadas. Como curiosidade, destacaría a existencia dun escudo da República que estivo alí ata o ano 2000 cando se prohibira o acceso ó público, un misterio en toda regla. O acceso existente hoxe en día é provisional, anteriormente era a zona de comestibles ou víveres…


Por se acaso alguén anda perdido, falamos do reaberto claustro de san Francisco. Fálanos un pouco del a nivel histórico.


Non me quero enredar nin ser pesado, vouvos dar unhas sinxelas e amenas referencias. É a parte máis antiga e mellor conservada do convento xunto co Albergue de Peregrinos e a Escolma de Escultura que eran a antiga capela da Orden Terceira. Os franciscanos eran unha orde mendicante e antigamente o convento estaba situado na parte baixa da cidade, concretamente no que hoxe é a Praza do Correxidor. Os conflictos e disputas entre o Bispado e a Sociedade Civil para adquirir máis poder e fondos económicos, terminaron en 1292 co incendio e destrucción do convento a mans dos malvados seguidores do bispo Pedro Yáñez de Nóvoa. Anos máis tarde, en 1308, o Papa Clemente V obrigou ó bispo á reconstruilo convento pero éste morreu e foron os seus sucesores os que iniciaron a reconstrucción no seu actual emprazamento.

O claustro construíuse entre os anos 1325 ó 1350. O convento tivo unha importancia considerable na cidade ó contar cun colexio de Filosofía.

En xaneiro de 1472, tras 40 días de asedio á catedral á cargo do malvado Conde de Benavente contra o Conde de Lemos, a catedral queda en tan mal estado que sen obrigados a dar misa no Convento de San Francisco.

Durante unha época, o claustro estivo decorado por varios cadros, sendo o seu autor, o pintor Juan Antonio de Bouzas, realizados para o Convento de San Francisco por encargdo do Bispo de Ourense Fr. Damián Cornejo en 1704 e reflexando diversas pasaxes que conforman o ciclo da vida de San Francisco. Actualmente estas obras forman parte dos fondos do Museo Arqueolóxico de Ourense.

Sufríu desfalcos por mor da invasión das tropas francesas e o terrible incendio acaecido a noite do 3 de febrero de 1813 polo que houbo que reedificalo todo.

En 1822 os frades franciscanos doan unha parcela na parte traseira para construír o cemiterio municipal de San Francisco. En outubro de 1855 converteuse en hospital temporal para tratar a epidemia de cólera que arrasou Ourense. A capela da Orde Terceira, próxima ó claustro, converteuse en depósito de cadáveres.


No século XIX sufriu os efectos da desamortización de Mendizábal (os roubos producidos despois da saída dos frades foron numerosos) e despois estivo ocupado polo exército desde 1843 ata o 10 de maio de 1993, (acollendo ó Cuartel de Infantería Zamora nº 8 El Fiel)

O conxunto foi declarado monumento histórico artístico en 1923.

O 27 de xuño de 2013 abriuse ó público despois de moitos anos de espera.


Comentaras que argallabas algunha obra acerca do claustro. Podes adiantarnos algo?

Hai dous proxectos. O primeiro, moi sinxelo trátase dunha guía de interpretación sobre os capiteis cunha linguaxe amena e sinxela.

O segundo proxecto que é o máis completo e fascinante, trátase dunha novela basada no claustro no que se mesturan a oculta historia deste entorno coa realidade máis actual. Sen revelar moita cousa direi que aparecen a Inquisición, cabaleiros perversos, monxes bondadosos, políticos corruptos, tesouros ocultos... unha interesante aventura na que o pasado e o presente están moi relacionados. Creo que os lectores quedarán encantados con este entretemento e sobre todo que teñan interese e curiosidade por visitalo claustro, sitio central da novela e un gran descoñecido para moita xente.


Continuará...

Fotos cedidas por Alberto Novoa, Claustroman. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario