A Igrexa Católica dispón dun calendario particular, que non coincide co civil, alomenos na súa identidade, xa que en canto a segui-los días si. É dicir, levamos a mesma conta de días pero non o facemos do mesmo modo. E isto é porque o calendario eclesial non só quere saber a que día andamos senón que quere santificalo, polo en contacto consciente ca Eternidade. Non só nos di en que momento da semana imos senón que nos axuda a celebralo da man de Cristo.
Este calendario denomínase ano litúrxico e ten a súa visibilización física no calendario litúrxico. O ano litúrxico é o ciclo celebrativo que ten como centro a Pascua e que desenrola os misterios da vida de Cristo e as festas dos anxos e santos. O calendario litúxico é o libro onde quedan anotadas unha serie de recomendacións e obrigas e as datas das festas, sendo esencial e principal a da Pascua.
Unha nota identificativa é que o ano litúrxico non é unha serie de datas que recordan acontecementos e persoas do pasado senón que nos pon en contacto con eles. Así, o acontecemento central da Pascua sucedeu unha sola vez pero, cada ano, a Igrexa ponnos na mesma onda que ese acontecemento e actualizámolo. Dámonos conta de que foi un antes e despois, algo único e central que o trastocou todo e que hoxe podemos volver a celebralo, como facéndonos presentes ou traendo o acontecemento ó noso presente. Non é una simple recordatorio, é un memorial. Non só se recorda senón que acaba vivíndose porque o facemos presente. Aquelo que pasou esténdese pola historia adiante e, en calquera momento, podemos subirnos ó tren e sentirnos partícipes del. Dalgunha forma, no presente que vai pasando, aproveitando o rato da celebración, entramos na eternidade.
O ano litúrxico, pois, non só di senón que pide resposta; é celebrativo, implica. É realidade viva que se renova Pascua tras Pascua e axúdanos a vernos e actuar como irmáns ata que tomemos conciencia do noso bautismo e o que elo implica, tanto a nivel personal como eclesial e social. Como ves, o calendario eclesia é moito máis que o santoral, presente tantas veces no calendario civil.
FELIZ ANINOVO.
Así recordo que empezabamos no Seminario, máis dunha vez, o camiño do Advento. Si, ese camiño hoxe iniciado, pois estamos no I Domingo de Advento. Iniciabamos as catro semanas cara Nadal con un saúdo que pode chamar a atención: feliz ano novo!!
Porque eso é o que sucede hoxe, que empezamos o ano litúrxico. Xa ves que non coincide co civil. A Igrexa comeza o seu andar anual hoxe, inaugurando catro semanas de preparación para o Nadal. O que pasa é que non sempre se dá un conta ou non o facemos notar demasiado. A diferencia dos adornos e das atraccións mercantís destes días, en moitas parroquias a única luz que se sinte a maiores é a da Coroa de Advento. Un pequeno monumento confeccionado con ramas verdes e catro veliñas que indican as catro semanas ata o Nadal. Nada que ver co que se ve polas rúas. Onte pola noitiña, por exemplo, xa se acendía na nosa Catedral de Ourense.
TEMPOS CON TEMPO.
Catro semanas para pornos a tono. Pois si, ó longo do ano litúrxico dispóñense certos tempos para coñecer e tratar a Deus, con certa calma e premura. Para que poidamos convertirnos progresivamente, sen estalidos fogosos que pronto se poderían apagar. Un deses tempos é o do Advento, o destas catro semanas preparativas a Nadal. Ese será o seguinte. Logo entraremos no tempo que se soe chamar Ordinario, camiñaremos pola Coresma camiño da Pascua, que son outros dous tempos denominados fortes e volveremos ó Per annum ou tempo durante o ano. Tempos para que dispoñamos de tempo, porque acadar un costume leva tempo.
Así, pois, feliz ano novo. Aquí non nos venderán resultados sen esforzo nin bos desexos que abandonar senón que a promesa é a do camiño, a compaña é ben xenerosa, sendo a luz dos homes e mulleres que foron antes ca nós, con María á cabeza e os anxos preto, a meta é ser nós tamén esa luz e selo para sempre.
UNS ENLACES.
De forma sinxela, pensando nos peques, van estes debuxos, citas bíblicas e frases, xunto cun calendario para non perder o paso.
O Advento pode iniciarse cunha vixilia, como a da Catedral de Ourense onte.
O calendario litúrxico pode adquirirse na librería Betel de Ourense pero tamén o podes consultar e descargar online dende a páxina da CEE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario