viernes, 27 de noviembre de 2015

Non faltan as revistas.

Pois non, non faltan as revistas nos kioskos e, inda por riba, aparecen novos títulos de cando en cando. Eu antes tiña gran interese nelas e íballe seguindo a pista a varias, a veces comprando e outras só mirando o que contiñan mes a mes. Agora xa non o fago pero nestas últimas semanas decidín fixarme o que hai nas estanterías deses mundos tan cheos de cor como son os kioskos.

Mes a mes van aparecendo e desaparecendo títulos, ás veces porque alá foi a publicación e, a maioría delas, porque hai un cambio de número. Veñen as novidades e marchan as do mes pasado. Xunto cas revistas soe haber coleccionables ou regalos, o que lle dá un valor añadido. Isto a pesar de que moitas veces collemos os primeiros números e como non haxa un certo interese xa non lle seguimos a pista. Ou pode resultar que o que nos ofrecen non nos interese. A este nivel, que ben ver que non sempre hai que pagar máis para obter a túa publicación desexada. Outras veces o precio é tan ridículo que vale a pena collela como ven. E non quedan aquí as posibilidades, ata te atopas títulos que se publican en dous formatos distintos... e ata che pode cadrar que un formato traia un detalle e o outro non ou o que ofrece sexa distinto.

Tamén observei nesta investigación pedestre que hai un bo número de páxinas impresas que xorden de programas de televisión, series, incluso canais e, non digamos, relacionadas con películas de fama. Xa non son sobre unha temática senón que se centran nos contidos e entrevistas deses programas da televisión ou sobre o universo, personaxes e secretos das series ou películas ás que se dedican... e para de contar. Neste campo teño visto novidades nestes meses.
 

Pero non só hai que ir ata o kiosko senón que atopamos publicacións que só ou case só se atopan por suscripción. Estou pensando en certo título feito en Galicia que vin o outro día na estación de tren de Santiago e que só ten uns poucos puntos de venta en toda España e despois se move por internet ou suscripción. Tamén estou pensando no mundillo do fanzine, que hoxe salta tanto á rede pero move as súas publicación en papel a base de petición persoal, sen ter un lugar físico na que estea exposta.

Pero podiamos ir un pouquiño máis alá e mirar a primeiros de mes nas nosas parroquias. Claro, si, nas mesmas igrexas poderemos atopar certa publicación diocesana en forma de revista. Con doce páxinas a toda cor, Comunidade informa do que vai acontecendo e do que se fai na diocese. Con noticias desde diversas parroquias, con fotografías, axenda e breves apuntamentos de cultura cristiá. Iniciada sempre cunha carta do sr. Bispo que nestes últimos números fai referencia á familia.


Esta revista coñeceu distintos formatos e amplitude. Cando chegou a crise decidíuse seguir publicándoa, inda que cun número menor de páxinas, non sei se tamén de cantidade, pero pensouse que este modo de presencia era boa e necesaria. Tamén a podes descargar dende a web diocesana. Se a valoras e o ves posible, fai como teño feito eu varias veces: colaborar cun ingreso para que se manteña. Penso que ten a calidade máis que suficiente e ocupa un bo número de horas a varias persoas como para valorar economicamente a súa existencia. E de ter algunha boa idea acerca dela e dos contidos, non deixes de escribirlle ós responsables por se o poden ter en conta. É unha realidade viva e cambia.

Dende estas humildes liñas, o meu recoñecemento e valoración a cantos se siguen preocupando de enviar novas e fotografías á web e á revista; un ánimo grande a Cristina e Felipe; un bravo ó bispo por apostar por un medio que a día de hoxe non só se mantén senón que coñece un florecemento impresionante. E unha chamada de atención a cantos a recolledes do bando ou da man de quen vola ofreza na parroquia: valorádea, lédea, compartídea e, se podedes, aportade unha miguiña que faga a carga de mantela viva un pouco máis lixeira.

 
 
Para cantos a queirades consultar vía online ou descargala, vinde por aquí. A deste mes tela aquí mesmo. E foi dela de onde saquei as fotos que acompañan esta entrada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario